por Xosé Manuel Pereiro no Xornal de Galicia:
Sendo cínicos, se as boas noticias non son noticia, temos unha enorme noticia: A Nosa Terra, un dos poucos medios de comunicación centenarios de Galicia, vén de pechar. Ou máis exactamente –sexamos optimistas– interrompeu a súa publicación en papel. Aínda sendo cínicos e optimistas, non deixa de ser a caída última dunha serie de cabeceiras en galego no prazo dun mes. Estamos ante un fenómeno extenso, complexo, e do que moito se ten debatido (quen non participou nalgún acto sobre “Galego e medios de comunicación”, sen contar conversas en privado?), pero o de ANT non é un caso puntual dentro dese ámbito, senón moi revelador.
Imaxino que, por respecto ao corpo aínda quente do semanario, non se erguen de momento voces (pero ergueranse) dicindo que se pecha ANT é por decisión do mercado, polo cego e imparcial ditame dos números. Non é certo. As comparacións son odiosas, pero ás veces necesarias: os números da empresa editora de ANT non son precisamente peores cós doutros medios de comunicación. Outra cousa son as súas habilidades empresariais e a súa capacidade de negociar esa débeda. Grupos de fuste estiveron ou están ben máis entrampados, pero as entidades financeiras acredoras foron máis comprensivas. E non deixaría de ser curioso que as cegas e imparciais leis do mercado decidiran estreitar a oferta, deixando a unha parte do público sen o produto que demanda. Si é certo, pola contra, que ese segmento de público podería ser máis amplo –e aquí, como no fútbol, todos os seguidores da comunicación temos fórmulas maxistrais para facer o xogo máis áxil, eficaz e entretido– , pero nos tempos que corren, unha tirada de 10.500 exemplares e máis de 3.000 suscriptores son cifras nada modestas.
O certo tamén é que a vida da meirande parte dos medios de comunicación, inmersos nunha crise estrutural, a maiores da crise xeral, é precaria, e máis en Galicia. Precisan de axudas públicas, como moitos outros sectores, desde a automoción á pesca. E recíbenas en todas partes, de moi distinto tipo, desde os convenios publicitarios ata as subvencións para a compra de papel. Pero teñen que ser transparentes, concedidas mediante parámetros medibles e públicos. E a vara de medir non pode ser utilizada para marcar o lombo dos díscolos ou para empuxalos disimuladamente para que caian do estreito valo económico polo que andan e logo dicir que non foron eles, que caeron sos. E nas axudas polo uso do galego, a sensación é que a maioría das subvencións para a promoción da música clásica –perdoen a comparación particularmente odiosa para todos– se lle están dando a Bisbal e non a Orquestra Sinfónica de Galicia.
E tan importante como os cartos –aínda que niso probablemente non estean de acordo os empresarios de ANT– son as actitudes. De ser certo que na Biblioteca do Congreso dos Estados Unidos teñan catro subscricións a ANT e no Parlamento Galego e na Xunta, desde marzo de 2009, ningunha, é un feito que retrata o nulo sentido institucional e enorme revanchismo dos responsables desa decisión. E se a Xunta liderou no seu día asombrosos rescates financeiros de modistos e similares, non é de recibo que agora o único que dá aos responsables de ANT é o consello –vexámolo como un consello– de que muden de rumbo editorial, que vaian pescar tamén nos sobreexplotados caladoiros do mainstream.
Non é propio de ningún goberno rectificar. E este nin sequera desmentiu ningunha das acusacións de emprego partidista e desigual dos fondos públicos. Quizais sexa a oportunidade de que a sociedade, ou parte dela, se propoña unha nova relación cos medios informativos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario