por Miguel Anxo Fernán Vello, no Galicia Hoxe:
Unha señora que pasará á historia en pobrísimo lugar e en representación do tristísimo grupo daqueles que erguen valados de odio (puras formas de acción etnocida) contra a lingua galega, leva tempo a falar e a se presentar ela mesma -"baduar", diría Noriega-como unha defensora da "liberdade de elección de lingua". Cousas veremos. Aqueles que se manifestan publicamente con grupos políticos radicais de extrema dereita falan de liberdade e denuncian a "politización" dos equipos de normalización e dinamización lingüística dos centros educativos, que actúan, como é ben sabido, no marco das leis existentes. Mais a reacción etnocida, a estrañísima secta -¿quen son realmente, que luces extremistas aniñan nos seus ollos?-, vai máis alá -típico delirio autorreferente- e acusa tamén aos docentes encargados de dinamizar a lingua galega de introducir no ensino cuestións "ideolóxicas". Cousas veremos de novo. "No se metan ustedes en política", dicíalles Franco aos seus ministros, e estes seguían o consello ao pé da letra. Os etnocidas de aquí e de agora falan de liberdade e son incapaces de se veren eles mesmos no espello que reflicte a súa ideoloxía liberticida. Mais vaiamos por partes e a ver se o entenden. Non pode haber liberdade de elección, facendo auténtico uso da liberdade, sen coñecemento previo e integrado das opcións existentes. ¿Pode existir liberdade de elección de lingua cando se descoñece o galego, cando se dispara contra o galego, cando se sementa desprezo contra o galego? ¿Que tipo de liberdade é esa, baseada na ignorancia e na condena a priori dunha das opcións? Calquera persoa con mediana intelixencia entende que a liberdade de utilizar un idioma ou outro só pode ser real sobre a base do seu coñecemento. Ou dito doutro xeito: os alumnos galegos que descoñezan o idioma propio de Galicia non poden ser libres para optar por un idioma que nin sequera lles foi ensinado con naturalidade e normalidade. Só hai liberdade de elección se hai coñecemento pleno de galego e castelán. ¿Entenderano?
Seica non, non o entenden
ResponderEliminar