Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







luns, 27 de setembro de 2010

Carta a Ezequiel Mosquera

Desta volta dándolle os merecidos parabéns a Ezequiel Mosquera,  Prolingua volve a acertar porque sabe que defendendo e profundizando a nosa identidade estamos blindando o orgullo polo galego.

Estimado e, por moitos de nós, ademais benquerido Ezequiel:
Dende a Plataforma Prolingua querémoste felicitar polo teu faiscante labor desenvolvido no Xacobeo Galicia de Ciclismo, co que acadaches o segundo posto en La Vuelta a España 2010.
Mais non só as túas calidades deportivas se fixeron notar a longo desta e doutras competicións; aboiou, así mesmo, o compañeirismo (virtude que xa tes demostrado durante toda a túa traxectoria profesional) e non unicamente cos membros do Xacobeo, senón incluso con aqueles dos que fuches rival pero ante todo compañeiro.
Felicitámoste, como non, pola túa humildade, por saber recoñecer que un non é ninguén se non hai, canda el, un grupo de persoas que colabora nun proxecto, sexa deportivo, cultural ou nos ciclos que dá a roda da vida. Porque te acordas das túas orixes (e non renegas delas), porque te lembras dos que están ao teu carón día a día (familiares, amigos/as e seareiros/as); porque comprendes que hai que tender unha man ao veciño sobre todo cando escorren as últimas pingas de suor; porque sabes atender e entender aos que te seguen, escoitan e te fan vibrar (e ti a eles) no intre en que rubes cara aos máis altos cumios do mundo...
Velaí que cando andas, Galicia vai contigo; a cada pedalada, o país (este que nos enche e nos ateiga de esperanza) ascende os máis elevados horizontes; e con el milleiros de persoas aos que emocionas. Como ben declaraches, para ti é “unha grandeza poder defender a bandeira de Galicia” e un orgullo telo feito “no equipo da túa terra”, nese equipo de futuro incerto por mor dos que non queren ver a realidade, maila ter demostrado a súa valía nesta e en anteriores campañas.
Canda ti, Ezequiel, soben aos podios do triunfo centos de ciclistas galegos (profesionais e afeccionados), deste ou doutros momentos, que non puideron agatuñar ata esas alturas, mais que se sentiron eles aí enriba, que se sentiron Galicia cando a cadea se prolongaba dende a saída ata a meta marcando o cansazo que provoca o asfalto e o clima. Xa que, como nalgún lugar se subliñou, demostraches ser o heroe do pobo, e cando menos do noso (ou sexa do teu); título que, xurdido do amor e da admiración, hai que sualo… e non se distingue abofé con camisetas, nin con maillots nin maglias, senón con actitudes e compromisos.
Felicitámoste, e permítenos chamarche irmán, porque é para ti un orgullo falar a diario a túa lingua; e porque para nós é un orgullo escoitarcha pronunciar ou escribir, nos medios, na internet, nas redes sociais, nos foros abertos... diante da pantalla. Grazas por subir, e por pronunciar, e por ser... e por ter no celeste o motivo do esforzo, do compromiso e da loita.
Saúde irmán, e saúde ao idioma galego!!

Ningún comentario:

Publicar un comentario