Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







luns, 20 de setembro de 2010

Contra a prohibición

por Carlos Callón, presidente da Mesa, no Galicia Hoxe:

Esta semana sóubose do auto do TSXG no que se desestima a solicitude da Mesa pola Normalización Lingüística para que se suspendese cautelarmente o mesmo. A Xunta coñeceu o posicionamento do Tribunal un día antes que a entidade recorrente e deu aos medios de comunicación a súa lectura terxiversada do mesmo. A CRTVG serviu como triste comparsa, mesmo dándolle as dimensións dunha noticia histórica, que cumpría anunciar no medio dun partido de fútbol, aínda que só ofrecendo un equívoco titular. Non é nova tal manipulación por parte do PP, mais por habitual non debe ser menos denunciada.
Malias as terxiversacións, hai que dicilo alto e claro: O auto do TSXG non referenda a legalidade do decretazo nin é unha sentenza. O Tribunal tampouco di, por moito que o repitan Alberto Núñez Feijóo ou o virachaquetas de Anxo Lorenzo, que non encontre indicios de ilegalidade no mal chamado decreto do plurilingüismo. Ben ao contrario, o que fai é pospor totalmente a súa decisión, pois será "a sentenza a que determine se o decreto impugnado implica unha desigualdade e discriminación da lingua galega ou unha violación tanto da normativa interna como da normativa internacional". Se tales indicios de ilegalidade non existiren, é evidente que o recurso da Mesa non continuaría o seu trámite.
É de lamentar que a Consellaría de Educación continúe coa súa política de mentiras compulsivas e de xogar a confundir a opinión pública, facendo pasar un auto por unha sentenza. A verdade é que unha resolución denegando unhas medidas cautelares non fornece o decretazo de ningún verniz de legalidade. De feito, a historia da xustiza no Estado español está inzada de medidas cautelares denegadas que despois desembocaron en sentenzas contundentes. Seguro que este vai ser tamén ese caso, á vista de todos os relatorios xurídicos existentes. A vía xudicial de oposición ao decretazo non fixo máis que comezar. Este camiño debe ir xunto coa loita social contra esta norma tan lesiva para a nosa cultura e para a convivencia.
Nun punto especialmente grotesco da nota da Consellaría de Educación chégase a dicir que o auto do TSXG "demostra que a normativa impulsada pola actual administración responde ás peticións da sociedade" (sic). Terá tales poderes o Tribunal, como para obrigar a mudar de opinión a todos os sindicatos, asociacións de nais e pais, organizacións estudantís e movementos de renovación pedagóxica que rexeitaron de forma unánime esta norma? Por que, facendo ouvidos xordos á Xunta, todos estes representantes da comunidade educativa continúan nas súas trece de teren opinións propias, lexitimamente discrepantes do PP?!

Movámonos!
Sen dúbidas, é ben triste que en pleno século XXI aínda teñamos que mobilizarnos contra a prohibición do galego e contra a destrución de libros en galego, feitos ambos que parecen propios do franquismo. Cómpre, ademais, falarmos de "prohibición", con exactitude, sen eufemismos nin autocensura. Non se pode utilizar ningunha outra palabra cando se quere impedir que unha profesora ou un profesor puider ministrar en galego as disciplinas de física e química, tecnoloxía e matemáticas, ou cando se quere impedir tamén que se puideren recomendar manuais no noso milenario idioma.
Teremos que agardar aínda á resolución da sentenza, algo que pode demorar arredor de dous anos, para vermos como se posiciona o TSXG sobre o fondo do asunto. Mais o que nos indican de momento todos os informes xurídicos, mesmo do Consello Consultivo de Galiza, é que este decretazo conculca normas de rango superior, desde a Lei de normalización lingüística até a Constitución española, pasando pola Lei orgánica de educación, o Estatuto de Autonomía e a Carta Europea de Linguas Rexionais ou Minoritarias. Por iso, non aplicar o decretazo é cumprir a Lei con maiúsculas.
De feito, como teñen advertido prestixiosos xuristas, obrigar o profesorado a cumprir o decreto 79/2010 é un acto de insubmisión por parte da Xunta de Galiza, pois promove a violación de tratados internacionais e de leis estabelecidas. Todas as profesoras e profesores que vaian contra a prohibición de ensinar en galego ou recomendar libros neste idioma estarán a defender de xeito activo o cumprimento da legalidade, ao mesmo tempo que darán exemplo de civismo e sementarán o futuro da nosa cultura.
Sobre isto mesmo, debemos subliñar unha parte do auto do TSXG que a Xunta saltou premeditamente na súa nota aos medios. O Tribunal sinala que sería un motivo de fundamento para suspender este decretazo que se sancionar un profesor ou unha profesora por se expresar en lingua galega. Esta valoración dá novos azos a todos os docentes para que continúen a impartir as aulas en galego con seguridade, liberdade e normalidade.
En concreto, na páxina 7 do auto, o TSXG indica que se cumpriría o requisito do "periculum in mora" á hora de suspender o decreto se existiren "ameazas de sanción aos profesores que se expresen na lingua galega" (sic). Porén, non chega a tomar tal decisión porque non considera probado que tal situación se for producir. Isto significa que, no caso de que a Xunta chegue a sancionar un profesor ou profesora por impartir as aulas en galego ou recomendar libros de texto neste idioma, o decreto podería suspenderse. A Mesa podería volver solicitar as medidas cautelares nese momento. E farao se fixer falta, acompasando a batalla xudicial da imprescindíbel batalla social.

Ningún comentario:

Publicar un comentario