por Miguel Anxo Fernán Vello, no Galicia Hoxe:
A Nosa Terra se vexa obrigada a pechar a súa edición como semanario en papel é unha noticia desacougante e perturbadora, pois sinala a gravidade da crise económica existente, unida esta a unha crise cultural que está aí, ben visíbel e xa actuante, e a un desleixo e desprezo por parte do actual Goberno da Xunta no que atinxe ao idioma galego e ao que este representa no plano da educación, da comunicación e da creación cultural no seu máis amplo sentido. Desaparecendo a edición física dunha publicación centenaria como é A Nosa Terra -agora só fica a súa edición electrónica na "rede"-, a cultura galega perde, empobrécese, redúcese, e o panorama que se nos ofrece -prensa escrita en galego- é realmente preocupante. E incluamos aquí a desaparición do xornal electrónico Vieiros (15 anos de xornalismo na internet) e da rede de difusión de noticias Chuza. Eu dicía hai xa un tempo nesta páxina que non estaban a ser bos tempos para as industrias culturais, para o mundo do libro e para os medios de comunicación no noso idioma. E todo isto pode empeorar, e moito. O Goberno da Xunta debera ser consciente, máis alá das políticas partidistas, desta situación, que comeza aos poucos a adquirir tons de gravidade. Se o tecido cultural galego, dadas as circunstancias, resulta danado nalgunha das súas partes -foi Manuel Fraga, por certo, quen falou no seu día do libro galego como "sector estratéxico", digámolo a modo de exemplo-, o mal producido pode ter consecuencias nada desexábeis para a riqueza creativa e cultural de Galicia. A cadea de "desaparicións" Vieiros-Chuza-A Nosa Terra (...) -existen hoxe tamén editoriais e compañías teatrais na corda frouxa- debera motivar con urxencia unha análise fría e real da situación na que viven hoxe as industrias culturais galegas e, sobretodo, unha reflexión sobre o horizonte que se albisca, de seguirmos así, para un sector que resulta clave para o progreso e benestar cultural de Galicia. Vaia aquí a miña solidariedade con A Nosa Terra, inmenso patrimonio inmorredoiro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario