Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







domingo, 19 de setembro de 2010

O pacto polo galego, un brinde ao sol

por Rodri Suárez, xornalista, no Xornal:

Nunha desas artimañas que con tanta facilidade se filtran polas simplezas da política actual, ao PP bastoulle con enviar catro mensaxes aos lugares axeitados para que se expandira a sensación de que os populares decidiran cambiar a súa actitude lingüística, marcada por certa hostilidade cara á normalización da lingua galega. Ao parecer, a idea de Feijóo e os seus era a de baixar o ton e teimar na oferta dun pacto arredor do galego no que puidesen sentirse cómodos socialistas e nacionalistas. Pero, como adoita pasar coa maioría das iniciativas da actual Xunta, a cuestión quedou nun par de titulares na prensa e pouco máis. O comezo do curso escolar e os primeiros datos sobre a aplicación do novo decreto foron suficiente para quitar o disfraz. O PP segue como antes, ou sexa, lonxe do galeguismo.
Incluso vai máis alá. Na súa cruzada contra determinados e tímidos avances para o galego, os populares non deixan de innovar. Tampouco rexeitan pequenos xogos manipuladores. Por exemplo, o pasado mércores, o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, subía á súa conta en Facebook esta anotación: “O Tribunal Superior de Galicia non atopa indicios de ilegalidade no decreto do plurilingüismo e polo tanto denega a súa suspensión cautelar”. Así foi. O TSXG non atendeu á petición d’A Mesa pola Normalización xa que considera que a aplicación da norma non vai crear danos irreparables. Pero diso a entender que avala o texto da Xunta media un abismo. Porén, o Goberno galego vendeu a súa moto, estendeu a idea que o decreto xa conta co aval duns xuíces que só decidiron sobre a petición de suspensión cautelar, non sobre a súa legalidade. A polémica norma aínda pode ser tombada polo Tribunal, ou cando menos matizada. Sábeo Feijóo, que non obstante tras o consello da Xunta suxeriu o contrario, participou da manipulación.
Seica ese suposto, e semella que irreal, cambio de ton do PP respecto ao galego ía ser encabezado polo presidente da Xunta. Pero nas súas declaracións desta semana, tanto no Pleno do Parlamento como en San Caetano, as variacións foron inexistentes. Volveu acusar a PSOE e BNG de “imposición” e definiu o curso que comeza como “o primeiro do equilibrio lingüístico”. Pero non escolleu bo día para facer esa afirmación. Foi o mesmo no que, segundo os informes do sindicato STEG, se coñeceron os datos da elección dos pais en Infantil, o único tramo do ensino no que o PP puido meter con calzador a votación que lle esixía Galicia Bilingüe. No referente ás cidades, o 40% dos proxenitores escolleu galego, pero só o 12% dos centros impartirán a súas clases na lingua propia do país. Polo tanto, ­nunha achega revolucionaria no estatístico e incluso no conceptual, o PP regala á humanidade un novo concepto de “equilibrio”. Nada de 50-50. A harmonía é 88-12. Glorioso. De feito, os clubes galegos xa deberían pedir a utilización desta fórmula nas súas respectivas ligas, posto que aplicando a vangardista teoría de Feijóo e compañía unha derrota por seis a un pode considerarse un empate.
Case un 30% dos pais que pediron que os seus fillos fosen educados en galego serán sometidos ao castelán que elixiu unha axustada maioría que, dende logo, deixa claro que a política da Xunta está a crear novas capas de poboación dispostas a dar un paso adiante na defensa da lingua propia. Non é a situación ideal, pero que catro de cada dez pais elixa o galego nunha contorna tan complicada para este idioma como é o das urbes de Galicia evidencia a creación de novas conciencias, durmidas ou algo preguiceiras no lingüístico ata a chegada á Xunta deste PP de Feijóo. E poucas aparicións teñen maior capacidade de mobilización galeguista que as de Gloria Lago. Con ese pouso cada vez máis evidente de xoguete roto á desesperada, a presidenta de Galicia Bilingüe obtivo a súa periódica cota de protagonismo denunciando o traballo dos Equipos de Normalización, aportando ademais nomes e apelidos, na máis pura tradición das listas negras. Os responsables da normalización nos centros responderon con coraxe pero tamén con elegancia. Lago, non contenta, volveu retalos. Feijóo tomou distancia dela pero recoñeceu que as súas queixas serán estudadas pola consellería de Educación. Galicia Bilingüe vai facer todo o ruído que poida neste comezo de curso. A Xunta quererá facer como que non vai con eles. Pero o PP alimentou o monstro. E posiblemente, volva tirar del nalgunhas cidades así como vaian achegándose as municipais. Desagradable horizonte.

Ningún comentario:

Publicar un comentario