Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







luns, 20 de setembro de 2010

Desde hoxe vou defender o decreto de plurilingüismo

Caín do cabalo e vin a luz.
Non sei se sería culpa da figueira ramona que teño na miña horta e que estes días está a darme moitos figos. Acabei mal, dores estomacais, urxencias no retrete, malestar. Ata creo que me atacou a febre. Pasei o día entre a cama e o sillón e tiven tempo de pensar. Teño que recoñecelo: estaba equivocado, e desde hoxe vou acatar, respectar e divulgar as bondades do decreto de plurilingüismo, e en definitiva, vou a aplicalo estritamente así que acudo ao DOG e léoo con avidez, e aprendo.
Aprendo que o decreto que agora defendo fundaméntase na Constitución e no Estatuto. Aprendo tamén que antes habia outro decreto, o 124/2007 que debía estar bastante mal porque aínda que establecía o estudo do castelán en todos os niveis, non indicaba para esta lingua unhas porcentaxes mínimas e por iso incurríase nunha discriminación, ata tal punto grave,  que o castelán corría perigo de desaparición na nosa sociedade. Por último aprendo que está ben establecer un novo decreto, o de plurilingüismo, e que a única e esencial razón da súa necesidade radica nos resultados da enquisa que a Consellería de Educación realizou ás familias do alumnado non universitario en xuño do 2009. Efectivamente, o propio DOG  di, as conclusións do cuestionario:

puxeron de manifesto a necesidade de revisar o marco legal que regula as linguas como elementos vehiculares do ensino

Como establecín como principio guía fundamental da miña acción este magnífico decreto, non podo crer as absurdas acusacións de que a nomeada enquisa carecía de fundamento científico por non ser realizada nin sistemática nin aleatoriamente ou non seguir os procedementos establecidos pola ciencia estatística. Non me importa que digan que aquela enquisa non fose fiable, e tampouco me importa que non se publicaran nin os resultados nin a metodoloxía seguida na súa realización. Eu agora son crente e creo radicalmente no decreto de plurilingüismo ata as súas últimas consecuencias. Porén pode haber alguén que pense que os figos me provocaron algún tipo de infección que me afectou ao cerebro. Pois para demostrarlle a eses desconfiados que isto non é así e que as miñas facultades mentais, aínda que moi limitadas, non sufriron alteracións, vou debullar un dos últimos debates que xenerou o decreto.
O STEG realizou unha enquisa nos centros das cidades de infantil e primaria das 7 grandes cidades de Galicia, o resultado foi resumido en dúas cifras: o 40% dos pais queren un ensino en galego e só o 12% das aulas se impartirán nesa lingua. Os resultados son absurdos, pero non me van pillar, eu asúmoos porque se admitín o cuestionario ás familias da Consellería de Educación, non me queda máis remedio que recoller como impecables os resultados do STEG que teñen un aspecto de fiabilidade claramente superior. Se os meus principios directores me levan polo camiño do equilibrio, e sendo o 12% unha cifra pouco equilibrada véxome na necesidade de admitir que

o establecemento dun número ou porcentaxe mínima de materias impartidas en lingua castelá  podería chegar a cambiar o modelo de conxunción de linguas desenvolvido en Galicia desde o inicio da autonomía e aceptado por todos os galegos e galegas.

E agora aplico a lóxica do decreto, e asumindo toda a Constitución, o Estatuto e a Lei de Normalización Lingüística, os resultados dunha nova e reveladora enquisa, a aportada polo STEG,

puxeron de manifesto a necesidade de revisar o marco legal que regula as linguas como elementos vehiculares do ensino

Como é doctrina do decreto 79/2010 que se deben revisar as normas que regulan o uso da linguas no ensino cando o resultados de enquisas de factura non verificable así o determinan, non me queda máis remedio que pedir a derrogación inmediata deste mesmo decreto por outro que restaure o verdadeiro equilibrio que estableza a porcentaxe máxima de materias impartidas en lingua española.
Xa me vou encontrando algo mellor.

Ningún comentario:

Publicar un comentario