O "ñ" pasou a ser o símbolo do español. Onte vin pola Estrada a unha moza vestida cunha camiseta como a dunha das imaxes que aparece aquí, e polo que me comentan fai referencia á victoria do equipo español de fútbol nuns mundiais que houbo hai pouco. Como eu vivo fóra do mundo do deporte non sabía moito do conto, no entanto si que se me veñen á mente outros casos moi coñecidos. Un deles é o do plan E, o plan Español para o Estímulo da Economía e do Emprego, no gráfico da campaña deste plan, o E ten o rabiricho do "ñ". Outro exemplo é o do Instituto Cervantes (a institución para o ensino e difusión do español e da cultura española). Estou seguro de que hai máis, pero para o tema deste post chegan e sobran estes casos.
Xa deixei por aquí nalgunha outra ocasión unha idea que lla regalo á Consellería de Cultura. Como se cumpriron 125 anos do pasamento de Rosalía de Castro non estaría mal, por exemplo, regalarlle aos peregrinos que chegan a Santiago, un libriño ou folleto con algún poema da escritora, e se quixeran podía habelos bilingües: galego-español, galego-inglés, galego-francés, ... Ou podíase ofrecer un roteiro polas casas de Rosalía, divulgando a súa obra, ...ou congresos, cursos,.. E así todos eses visitantes volverían ás súas casas sabendo que aquí temos unha lingua de noso, algúns interesaríanse pola escritora, buscarían os seus libros, libros doutros autores galegos... O problema que ten todo isto é que vai na dirección da defensa e da valorización da lingua e cultura galegas e parece ser que a Consellería de Cultura non está para iso, pola contra os seus pasos son firmes na secundarización e desprezo por todo o que cheire a galego.
Eis aquí un exemplo ben significativo, non é unha sinalización na beirarúa, é unha declaración de intencións. Decateime da súa existencia o pasado día 1, o primeiro día de traballo. Estaba afeito a deitarme tarde e como tiven que madrugar conducía algo adumiñado cando vin este mostruo amarelo e azul. Case bato contra el. Menos mal que pisei a fondo o freo. Menudo susto!.O que coloca estes sinais polas estradas galegas estanos a dicir que en Galicia só hai unha lingua, o castelán, tamén nos di que non quere que os estranxeiros se decaten de que aquí falamos en galego, e advirte que si quere que o galego sexa inservible e invisible. O pé: "Itinerario Cultural Europeo" indícanos que o galego nin é europeo nin é cultura. O sinal está ameazando ao transeúnte, non é un sinal informativo, e para ser coherente debería ser redondo e coa beira vermella, de prohibición. Por iso eu reivindico o "ñ" da selección gañadora do mundial, o do plan E e do Instituto Cervantes. Porque se non fago esta reivindicación, que me queda? Calar? O silencio? O "h" representa o silencio.
E que representa o "nh"?
Ningún comentario:
Publicar un comentario