Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







sábado, 25 de setembro de 2010

A importancia de ser de Castañeda

Cando dixo aquilo de que era da Castañeda, con ese orgullo, reconcilieime con ela, que me falaba desde a pantalla da televisión, no programa Tardes con Ana. Antes diso, por rebeldía interxeneracional,  eu non era quen de aturar as súas cancións xa que eran a banda sonora da xeneración dos meus pais, dos que naceran cando a guerra.
Ana Kiro proclamou enchida de razón que era dunha aldea da Arzúa e entón comprendín a importancia do que fixera, que non era só cantar. Aquela xeneración, afectada polas miserias derivadas da guerra e da dictadura, tivera que emigrar masivamente. Moitos fixérono a fóra de Galicia, o resto na propia terra, onde tiñan que disimular que eran galegos. Ana Kiro levoulles a todos eles un anaquiño da terra, o orgullo de seren galegos, o orgullo e a visibilización da lingua.
Se Ana Kiro non recoñecera a importancia de ser de Castañeda non sería ninguén. Por iso eu teño por certo que ela sen a axuda de ninguén fixo moito máis pola nosa lingua e polo recoñecemento de sermos galegos que todas as accións e campañas que, desde o seu nacemento ata o día de hoxe argallou a Secretaría Xeral de Política Lingüística.
Nos últimos anos a cantante relatou unha e mil veces a mesma historia. Nin Houston, nin Navarra eran mellores que Santiago para ir a tratarse do cancro que padecía. Ela, que sabía onde residía o importante e distinguíao do prescindible con enorme lucidez, dounos unha última lección e explicounos co seu propio exemplo que podemos desprezar o que somos para convertirnos en ninguén, ou declarar con orgullo que un levou unha vida plena precisamente por iso, por non esquecer nin renegar nunca que era de Castañeda.

Ningún comentario:

Publicar un comentario