Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







domingo, 19 de setembro de 2010

A crise contra a lingua

por Xosé A. Gaciño, no Xornal:

Malos tempos para as líricas lingüísticas. A crise económica implacábel é o pretexto perfecto para non ocuparse máis que de sanear bancos e recortar gastos sociais, esquecendo calquera outra acción ou promoción de interese social ou cultural, por moi importante ou decisiva que pareza. Mírese, por exemplo, o déficit de postos escolares na Formación Profesional, unha rémora crónica no sistema educativo español e, como consecuencia, na cualificación profesional dos traballadores, materia na que se mantén unha posición moi por debaixo da media europea.

E se non hai diñeiro do Estado ou das comunidades autónomas para incrementar a oferta de postos e especialidades na FP, moito menos hai para impulsar a normalización da nosa lingua. Moito menos diñeiro para axudar a edición de libros en galego (en consonancia coa menor presenza do galego no ensino) ou para os medios de comunicación en galego.
Certamente, como se apresuran a afirmar os ultraliberais, nin a economía nin a cultura deben depender das subvencións. Pero, entón, que non haxa subvencións para ninguén e todos compitan en pé de igualdade. Porque, neste negocio, os que soen levar a maior tallada das subvencións oficiais, mesmo as destinadas a promover o idioma galego, son certos ultraliberais que editan só xornais en castelán.

Ningún comentario:

Publicar un comentario