por Diana Varela Puñal, no Galicia Hoxe:
Dentro de vinte anos, as crianzas que estes días pisaron por primeira vez as garderías, os colexios, lerán os libros escritos na nosa humillada lingua nai, como hoxe nós lemos o latín, admirados quizais, pero sen pasarlles polo maxín arrancar a falar en tan estraño idioma.
E non podemos ser tan cínicos como para lavar as mans botándolle a culpa a Galicia Bilingüe, ó Decreto do Plurilingüismo -mala chispa o coma- ou ó Tribunal Superior de Xustiza que acaba de rexeitar a medida cautelar pola que se solicitaba a suspensión do Decreto Feixoano. Non, non é esta tríade a causante da nosa desaparición. Hoxe chegou ó despacho unha cliente e o primeiro que dixo, con sorpresa, nada máis recibila, foi: "Ai! habláis en gallego, qué bien, me gusta mucho!"... Manda carallo!, vai ser que todos estes casteláns parlantes viven no barrio de Chamberí, como lle escoitei dicir un día, con fastío, ó meu avó.
Os culpabeis de que nos traten como a indios apaches, como se fosemos un fenómeno gracioso e folclórico, teñen nome e apelidos, centos de nomes e centos de apelidos, e son aqueles que no mellor dos casos falan en galego cando un aborixe lles fala en galego, e que tamén, no mellor dos casos, non son abertamente hostís á nosa causa, pero que coa súa maioritaria e abafante indiferenza, nos están aniquilando.
Xa contraría escoitar que benvidos sexan os que sequera non nos fustrigan cando damos unha palabra en galego, en calquera lugar ou circunstancia, como se expresarnos na nosa lingua lles fora un insulto. Porque precisamente estes violentos son, polo de agora, unha minoría. A maioría confórmana esa caste de descastados, apátridas, que efectivamente non nos xostregan, pero que no fondo lles importa un pito que os aborixes sexan sacrificados polo imperio, e este aproveita o campo aberto. Os asépticos que nos asulagan lévano con naturalidade e distancia porque non o senten como un problema propio, e pouco lles importa que nos desgarremos, ulceremos agonicamente con cada unha das afrontas que nos últimos tempos nos arrebolan.
Óllannos quizais con compaixón, como en Occidente se ensinou a ollar ó por eles creado Terceiro Mundo: ensináronlles a dar por feito que esas cousas pasan, sen máis. E non, non pasan sen máis. Non podemos aceptar aquilo que disque define o noso carácter, que están mexando por nós, e dicimos que chove. Non chove, non chove. Están aplicándonos unha política de exterminio e temos dereito e obriga de defendernos, de berrar contra os que expresamente nos azoutan e contra os que indiferentes, nos compadecen pero non se posicionan, e por se acaso, fálanlles ós seus filliños en español, non se vaian luxar; e vannos desangrando pouquiño a pouco. É unha postura cínica non pronunciarse nun momento coma o de hoxe. Pois eu: Aborixe Galiza.
Ningún comentario:
Publicar un comentario