por Miguel Anxo Fernán Vello, no Galicia Hoxe:
Unha señora moi activa no movemento etnocida contra o idioma propio de Galicia non dubida en cualificar o manifesto sobre os medios de comunicación en galego -Os medios en galego importan- de "ridículo". E un, ante tal mostra de insensibilidade mesturada con ignorancia, desvergoña, desprezo e odio cultural e humanístico en esencia, experimenta sentimentos enfrontados: dende un inicial abraio e rexeitamento intelectual, pois hai doses de violencia "larvada" en tal consideración de "ridículo", até unha mágoa difícil de describir, pois contén desafección cara a unha parte considerábel da especie humana, aquela que aborrece ou desama o que lle é propio ou próximo, e ao mesmo tempo contén tamén unha estraña forma de piedade: "¡Quen non precisa piedade, senón aqueles que non teñen compaixón de ninguén!" (Albert Camus). Vexan vostedes. O idioma galego, o noso principal sinal de identidade como pobo -¿negarán tamén os etnocidas a existencia do pobo galego?-, vive momentos delicados de dificultade respiratoria e, como este mesmo xornal recoñecía nun recente Editorial (Morremos un pouco todos), existe unha "eutanasia de medios escritos en galego", unha "boa morte" das palabras, sexan impresas ou aletexantes na "rede", que non debe deixar indiferente a ningún ser humano de ben. Por iso cualificar de "ridículo" un manifesto en defensa dos medios de comunicación escritos en galego, é, ademais de profundamente inmoral, unha mostra de aversión digna de ser estudada por algún psicólogo especializado en paixóns ou patoloxías particulares. Porque estes apaixonados do desprezo e do odio, incapaces de entender o significado de conceptos como xustiza ou liberdade -non existe liberdade de opción sen coñecemento material e competencia plena tanto en galego como en castelán-, son portadores dun mar de xeo -pura imaxe kafkiana- no que naufragan a cotío, pois a súa insensibilidade non admite ningún tipo de exoneración e viven obturados nunha perversa autística negadora do seu "berce", aínda que o ignoren.
Ningún comentario:
Publicar un comentario