por X. A. Pérez Lema, avogado, no Xornal:
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de rexeitar a solicitude de medidas cautelares (suspensión dos seus artigos 5, 6, 7 e 21) que a Mesa pola Normalización Lingüística fixer a respecto do Decreto da Xunta de Galicia 79/2010, que regula o chamado supostamente plurilingüismo no ensino non universitario da Galicia. Como queira que hai persoas (a principiar polo propio señor conselleiro de Educación da Xunta) que tentan confundir unha tal decisión cun xuízo primario a respecto da legalidade do Decreto, convén deixar claras algunhas circunstancias xurídicas e procesuais que concorren neste caso, coma noutros parellos.
O TSXG rexeitou as medidas cautelares que pediu a Mesa recorrente sen ningunha caste de avaliación a respecto do fondo do asunto, xa que a Lei procesual que rexe a adopción de medidas cautelares non llelo esixe. Neste intre procesual, o Decreto presenta unha fasquía de presunción de legalidade, como todos os demais Regulamentos que no exercicio de cadansúas competencias ditan os Gobernos do Estado, das nacións e rexións constituídas en CC AA e os propios concellos. Neste contexto, a suspensión dun artigo dun Regulamento constitúe unha auténtica excepción, nas normativas imperantes antes e despois da Lei reguladora da xurisdición contencioso-administrativa do 1998, que neste caso foron interpretadas xurisprudencialmente de xeito análogo, malia diferenzas formais de texto na redacción da Lei antiga e da Lei nova. A regra xeral será a pervivencia do que regulen os Gobernos, que desfrutan de presunción de facer as cousas lexitimamente até que unha sentenza dos Tribunais diga outra cousa.
Xa que logo, o TSXG nunca, en ningures e de xeito ningún ten validado as solucións adoptadas pola Xunta a respecto do uso do galego no ensino non universitario. O único que ten manifestado o mércores é que o Decreto ha seguer vixente mentres as partes non usen da súa plenitude de medios de argumentación e proba e entón, e só entón, decidirá a medio dunha sentenza na que estude e considere todos os argumentos deitados polas partes que, até de agora non tiveron ocasión de se expór de modo.
¿Existen pegadas no auto notificado o mércores que poidan dar pé a facer predición a respecto da futura sentenza? Verdadeiramente non. Só cómpre salientar un detalle a prol dos recorrentes: o recoñecemento, polo TSXG, que o Consello Consultivo axuizou desfavorábelmente a libre escolla de lingua polos país inserida no artigo 5 do Decreto recorrido, que non foi adaptado como si se fixo cos outros artigos iniciais atinxidos polo informe desfavorável do máximo órgano consultivo da Galiza. Polo demáis, non hai pegada ningunha de ningunha caste de xuízo anticipado, como, por outra banda, lle cómpre ao estado procesual do preito .
Velaí que o conselleiro cometera (como todos os que anticipan o senso das futuras resolución xudiciais) un erro de xuízo e de ponderación. Porque, no que atinxe á legalidade do Decreto do galego, o TSXG nin decidiu nin prexulgou cousa ningunha. Fica todo por escribir, probábelmente nun lapso que abanea entre os 9 e 18 meses posteriores á resolución que o mércores coñecimos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario