Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 15 de setembro de 2010

É tempo de facer, de pór mans a obra, ensino en galego

por Francisco (de Limiar) López, presidente da Comisión Promotora, Galiza co Galego,  en Terra e Tempo:

En 1978, en decembro, votase a constitución do reino de España, ábrese a porta de que o galego sexa oficial en Galicia se así determinase no estatuto. En 1979, referendo dos estatutos de autonomía de Catalunya e Euskadi, participan máis do 59%. En 1980, en Catalunya e Euskadi nas primeiras autonómicas o voto procastelán-español foi sobre do 13%. En 1980, decembro, referendo para aprobación do estatuto de autonomía, "a lingua propia de Galicia é o galego", participa o 28,27%. O 23 de Febreiro de 1981 prodúcese o golpe de estado, coñecido como 23 F, en contra da constitución e o estado das autonomías. En outubro de 1981, na Galiza ca pantasma da represión franquista, nas primeiras eleccións ao parlamento galego, o voto as posturas españolas antigaleguistas, supón sobre do 60%. Entre 1975 a 1981, a maioría da poboación consideraba o galego como residual e secundario, senón un dialecto do castelán (na teoría franquista), e que na política era utilizado case en exclusividade polo nacionalismo de esquerdas.
Eu teño o convencemento, e a certeza (a falar noutro tempo) de que si for posíbel si faríamos, na década dos anos 80, unha aposta polo ensino privado autorganizado e popular en galego. A defensa da lingua realizada polo nacionalismo deu como resultado a recuperación da lectura e a escrita, pese a debates normativos. Mais o fundamental non está na lectura e a escrita, o latín e grego son linguas mortas que pódense ler e escribir.
Non fai falla ter estudos de sociolingüística para concluír que a perda da transmisión oral dunha lingua supón a súa morte. A dereita excluínte do reino de España, sabe que cos medios de comunicación impídese o espazo ao galego, e que ás crianzas se lles manipula, vende e fala maioritariamente en castelán. Resta dicir que estanse a perder falantes, primeiros falantes (as crianzas), de xeito debidamente planificado polo sector unionista español, que usa a escola en Galiza (pública e privada) para limpar calquera uso do galego, e impor o castelán.
A educación infantil pública, impulsada dende o galeguismo, (proxecto de galescolas, e inmersión lingüística nas cidades), na cal a lingua da infancia era o galego, no breve tempo que durou, supuxo a vivencia, e a recuperación de falantes. Esta situación non foi do agrado dos impositores do castelán, que utilizaron todos os seus recursos mediáticos para recuperar o poder político e pechar os espazos en galego e as galescolas.
Cerca do 65% dos Pais e Nais (na enquisa trampa do PP) manifestaron que queren que os seus fillos aprendan a ler e escribir en galego. Un mal resultado para a dereita española que tenta amañar impoñendo cunha pregunta (¿en que lengua le habla al niño?) ás familias a súa lingua castelá. Pretende ademais, esta dereita, usar ás familias no ensino para impor a toda a cidadanía, como lingua propia (principal) de Galiza, o castelán.
Así convén non esquecer que o ensino público, sostido co diñeiro da cidadanía, está dirixido pola maioría política e económica gobernante, no caso en Galiza a dereita do reino de España. Por elo e ante a imposibilidade de que haxa un ensino público en galego, agroma unha iniciativa privada, sen ánimo de lucro, de ámbito social, laico e popular: Galiza co Galego.
Por riba da forma da empresa de ensino ou a súa titularidade, está o dereito a educación das crianzas, os dereitos da cidadanía que desexa que os seus fillos/as aprendan en galego. A educación non é un dereito que se poda postergar, adiar, exercer pasado un tempo, xa que non é doadamente recuperábel. As crianzas aprenden dende que nacen, non agardan a ter os dereitos, teñen que acomodarse ao momento. Así non son estes dereitos (da educación) como aqueles de indemnización por despido, ou por expropiación forzosa. Os dereitos das crianzas non poden nin deben agardar, este é tempo de facer, de por mans a obra como dicía Castelao.
Neste mes de setembro máis de 2000 galegas e galegos teñen dado o seu apoio a idea de Galiza co galego, porque é un proxecto de ensino plural, sen ánimo de lucro, popular, laico, social, democrático, integrador, transparente, transformador, universal, de traballo, de valores, de futuro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario