Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta Henrique Monteagudo. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Henrique Monteagudo. Amosar todas as publicacións

venres, 1 de agosto de 2025

Unha Alba de Gloria para o noso idioma


 por Henrique Monteagudo no Praza Pública:

A celebración do Día de Galicia convida a unha reflexión que sobrevoe os atafegos, inquedanzas e controversias conxunturais. Estamos no Ano Castelao, conmemorando o seu 75 cabodano, e na data de hoxe non podemos menos que lembrar o seu discurso “Alba de Gloria”, pronunciado en Buenos Aires o 25 de xullo de 1948 ante unha escolleita representación da diáspora galega, en que se daban a man a colectividade de emigrantes que fuxiran da fame, e a enxurrada de exiliados que fuxían da represión, Castelao o primeiro. Catro anos antes, o rianxeiro presentara na mesma cidade a súa obra Sempre en Galiza, testemuño e testamento do autor e da súa enteira xeración, a das Irmandades da Fala e a revista Nós.

sábado, 17 de maio de 2025

Henrique Monteagudo: "Creo que se debería escoitar máis á Academia"

 Entrevista de Manuel Xestoso a Henrique Monteagudo, presidente da RAG, no Nós Diario:

Henrique Monteagudo (Muros, 1959) non é novo na dirección da RAG. Leva integrado nela desde 2013, mais confesa que a presidencia provoca un nivel de exposición pública e de atención mediática ao que non está afeito. Porén, valórao positivamente como un sinal de que a sociedade demanda a voz da Academia, que se reclama o seu discurso no debate público, especialmente no tema da lingua.

luns, 19 de xuño de 2023

40 anos da Lei de Normalización Lingüística


 por Henrique Monteagudo na Tribuna da RAG:

O 15 de xuño fanse corenta anos da aprobación polo Parlamento de Galicia da Lei de Normalización Lingüística de Galicia (LNL). Esta desenvolve o artigo 5º do Estatuto de Autonomía, que declara o galego "lingua propia de Galicia", dispón a súa oficialidade, proclama o dereito de coñecelo e usalo e contén un mandato normalizador para que os poderes públicos o promovan "en todos os niveis da vida pública, cultural e informativa". A partir da aprobación da LNL, o goberno galego centrou a súa política lingüística en fomentar o prestixio cultural da lingua, promover o seu uso nas administracións públicas, a educación, os medios de comunicación e a produción cultural, e mellorar as competencias e actitudes lingüísticas da poboación. O galego gañou novos ámbitos de uso, a maioría da xente sabe lelo e escribilo, a produción cultural florece. Hoxe temos galegofalantes cunha robusta conciencia lingüística, educados no seu idioma e capaces de desenvolvérense nel en todos os ámbitos da súa vida. Non obstante, o galego segue perdendo falantes, ten unha presenza pouco máis que testemuñal nos principais medios de comunicación, e os vellos prexuízos rebrotan, mentres xorden outros novos.

 

martes, 22 de novembro de 2022

Onde está o plurilingüismo do decreto do plurilingüismo?

 


Se a política lingüística do goberno popular ten como obxectivo principal revitalizar o uso e a presenza do galego en todos os ámbitos é un completo fracaso. Atendendo ás autoproclamacións de contínuos éxitos e avances, temos que entender que o que procura esa política lingüístca é a progresiva laminación da nosa lingua. Así o certifica o último estudo sociolingüístico Prácticas lingüística na infancia. A xestión lingüística nos primeiros contextos de socialización. En concreto cítase ao Decreto 79/2010, publicitado como decreto do plurilingüismo, como a principal arma para facer efectivo este ataque á normalización:

" o Decreto do plurilingüismo está a restrinxir o ámbito do galego no ensino e favorece ao castelán, de xeito especial nas cidades, podéndose considerar como unha política lingüística de erosión do status do galego."

Este proceso destrutivo vese acompañado da desatención normalizadora das actividades extraescolares, de ocio e tempo libre. Lembremos que Valentín García, o secretario xeral de política lingüística, cando era preguntado polo funesto decreto derivaba o discurso precisamente sobre a importancia do uso do galego fóra da escola. En primeiro lugar, cada vez o peso da escola na aprendizaxe do galego é maior, tal e como se reflicte neste gráfico extraído da publicación.


En segundo lugar, agora vemos que fóra da escola faise o mesmo que dentro da mesma. Alén disto, calquera que saiba as catro primeiras letras de sociolingüística ten presente que os programas de normalización, para seren efectivos, deben implementarse en todos os ámbitos. Por outa banda, o decreto 79/2010 só rebaixou e restrinxiu espazos e oportunidades para a lingua galega con respecto ao anterior, o decreto 124/2007, impulsado polo bipartito. Neste sentido, no informe do Seminario se Sociolingüística da RAG afírmase que 

"O Decreto 124/2007 relacionouse cunha maior presenza do idioma galego na docencia; segundo o 72% dos enquisados e enquisadas recibiron a maior parte da docencia en galego, mentres que na actualidade, estando en vigor o Decreto 79/2010, a cifra redúcese ao 53%. [...]. A aplicación do decreto do galego (Decreto 124/2007) tivo unha repercusión directa no retroceso nos usos non formais e durante eses anos as prácticas dos galegofalantes mantivéronse. A aplicación do Decreto do plurilingüismo (Decreto 79/2010) estivo relacionado coa volta do desprazamento que se viña a producindo no marco das relacións horizontais."

Non é que se diga só neste informe, todos os estudos ao respecto certifican a contribución do decreto 79/2010 ao asasinato do galego. Os asasinos apoltrónanse nas cadeiras de San Caetano. Todos os seus esforzos van encamiñados a ocultar a autoría deste xenocidio lingüístico. O decreto 79/2010 está revelándose fundamental na profundización da fenda da transmisión interxeracional da lingua.

"Respecto á situación do galego, estudos precedentes sinalan que o novo marco lexislativo supuxo unha clara diminución respecto á situación anterior da presenza da lingua autonómica nas escolas en todos os niveis comunicativos."

Unha dos aspectos máis rechamantes do decreto 79/2010 é que proclamara, divulgara e publicitara como "decreto do plurilingüismo". Isto tamén chamou a atención dos autores do estudo da RAG que destacan que "para manter unha cerca sincronía coa ideda da diversidade lingüística [establecen a ] garantía do máximo equilibrio posible nas horas semanais e nas materias" impartidas en galego e castelán. Velaquí que esta garantía 

sempre queda supeditada á máxima da igual presenza curricular, que mesmo chega a ser proposta como a vía axeitada para acadar o obxectivo da paridade competencial. Porén, sabemos pola experiencia recollida na bibliografía que na práctica o sistema educativo tende a favorecer a asimilación cultural no grupo dominante (Laponce 1987, p. 170) e que, nunha situación regresiva, é aconsellable que a lingua minorizada reforce a súa presenza no sistema educativo de xeito compensatorio (Gradín 2020). Se aceptamos isto, debemos considerar a formulación do segundo dos principios do decreto —garantir a igualdade horaria como vía para acadar a igualdade competencial— falaz ou polo menos contraditoria, ao tentar facer pasar por medios o que en realidade son os fins do decreto. "

Isto toma corpo ocultando o conflito lingüístico, propio de calquera situación de linguas en contacto, e focalizando a atención na adquisición dalgunhas habilidades comunicativas. Con todo, non hai garantía de que as competencias en galego sexan parellas ás adquiridas en castelán. Máis ben hai indicios que certifican que a capacidade para desenvolverse en galego da xente máis nova está baixando a valores escandalosos e xa sabemos que onde non hai competencia, o uso fica dobremente desaparecido. Así o explican Henrique Monteagudo, Xaquín Loredo, Sabino S. Vázquez-Grandío e Anik Nandi na publicación da RAG:

" Á vista disto, e considerando o contexto social da súa publicación (Regueira 2009; Silva 2011), podemos pensar que o decreto prioriza ante todo evitar a concreción do conflito lingüístico inherente a unha situación de pluralidade. Para iso, apóiase nalgunhas das ideas máis asentadas no discurso social, en especial aquelas que naturalizan a posición diferencial das linguas, e sérvese de estratexias simbólicas como un exercicio de equilibrio horario que ten máis de ideolóxico que de efectivo"

O decreto 79/2010 é un atentado contra o plurilingüismo. Por unha banda debemos constatar que, perversamente, o prefixo pluri significa realmente o seu contrario. Non se trata, nunca se tratou, de acadar un maior dominio de moitas linguas. No contexto do plurilingüismo non oímos falar, por exemplo, do portugués. Velaí que o portugués non debe ser plurilingüismo. Fagamos a proba e preguntémonos en cantos centros hai implantado ensino de lingua portuguesa en virtude do decreto 79/2010. Aclaremos a cuestión con outra pregunta, hai algún centro plurilingüe nalgunha lingua que non sexa o inglés? Por outra banda, a implantación do inglés neses centros serviu para refozar os procesos de diglosia ao realizarse nun proceso de distribución de distintos usos para cada unha das linguas. Dito máis claramente, o inglés está sendo usado como arma contra a normalización da lingua galega. Se nos paramos a pensar cal é a práctica e o discurso promovido desde a Consellaría de Educación veremos como o galego foi expulsado da oralidade mentres que o inglés ocupa cada vez máis este espazo. Cada vez hai máis campamentos de inmersión en inglés. A inmersión en galego, tan necesaria, é anatema. É isto plurilingüismo? Pode cualificarse así un decreto que profundiza na anorexización do galego? Escoitemos aos sociolingüistas da RAG outra vez:

"Deste xeito, o Decreto non atende axeitadamente a dous obxectivos fundamentais do plurilingüismo que son evitar a consolidación do inglés como lingua hexemónica e protexer a integridade das linguas minorizadas. No caso dos centros plurilingües analizados, os tres comezaron pola introdución de seccións bilingües como paso previo á transformación integral do modelo lingüístico. De xeito unánime, a escolla foi o inglés como lingua estranxeira. [...] Por outro lado, os datos debuxan un sistema educativo no que non se consegue acadar un tratamento verdadeiramente integrado —condición pedagóxica fundamental dun proxecto verdadeiramente plurilingüe— da cuestión lingüística, e no que se segue a outorgar uns espazos e usos diferentes e especializados a cada lingua. O castelán segue a tender nas escolas a asumir de facto un papel central, un carácter de lingua neutral, non marcada e de referencia. Isto pode ser así mesmo en contextos de maioría galegofalante e transmitido polo profesorado. O inglés introdúcese como unha nova lingua de prestixio, fortemente marcada polas súas asociacións coa globalización, o mundo laboral e a tecnoloxía, reflectíndose na súa orientación ao ámbito STEM. Finalmente, o galego asume o papel de lingua en situación de excepción cun valor fundamentalmente patrimonial e simbólico."

Coñecemos hoxe máis linguas? Coñecémolas mellor? Eliminamos os prexuízos? Acadou o galego un estatus de normalidade? As respostas son non rotundos. A regresión é evidente. 

o Decreto 79/2010 renuncia así na práctica ao carácter transformador, innovador e integrador da proposta europea, establecendo el mesmo as trabas fundamentais do seu pretendido plurilingüismo e deixando reducido este a unha estratexia retórica para xustificar a volta ao marco ideolóxico do bilingüismo harmónico e a un enfoque reproducionista, de mantemento e mesmo reforzo das tendencias sociolingüísticas dominantes e en contradición ao expresado nas normas que rexen os currículos.

Outra das derivas ideolóxicas do citado decreto é a da eliminación do discurso social do concepto de "normalización lingüística" e a súa substitución polo de "dinamización", ocultándose así a realidade sociolingüística co fin de inmobilizar as accións transformadoras desa realidade. Os espazos da normalización da lingua galega pasan así a ser ocupados pola normalidade xa establecida, e agora reafirmada, do español. A asunción acrítica do decreto 79/2010, ou mesmo o seu cumprimento forzado dá lugar a que

"a través da influencia do profesorado, o castelán asúmese como a lingua oficiosa das relacións informais. Por unha banda, isto ten un efecto sobre a poboación galegofalante, que incorpora estas pautas coa escolarización, o que explica parcialmente o efecto desgaleguizador detectado en traballos recentes (Monteagudo, Loredo, Gómez e Vázquez-Grandío 2021). Por outra, isto favorece que, a pesar das previsións do marco legal, o castelán se converta de feito na lingua matriz da xestión lingüística, estendéndose o efecto á maioría das decisións pedagóxicas. Así, por exemplo, o castelán será polo xeral a lingua que primeiro se lle introducirá ao alumnado de orixe non latina."

Velaí que só unha oposición frontal e insubmisa ao decreto 79/2010, o do xenocidio do galego,  sexa a única vía para avanzar na normalización. 

martes, 21 de xuño de 2022

"¡Viva la lengua gallega!"


por Mª Pilar García Negro en Nós Diario:

Non gosto de repetir temas en artigos consecutivos, mais no de hoxe é inevitábel. O meu inmediato anterior, sobre a jeada ou gheada, provocou unha enxurrada de comentarios, o que me levou a pensar que temos unha alta proporción de eruditos por metro cuadrado que saen á palestra cando se trata algo real. Agradézoos e felicítome por suscitar un debate (ou algo semellante) nun tema, o da lingua, que está semi-durmido ou anestesiado de máis. Ao profesor Henrique Monteagudo faltoulle tempo para replicar, mais non o tivo –non tivo tempo– para declarar autoría e título do artigo que provocaron o seu. Fiel ao seu estilo, omite ambos. Eu si me referirei no que segue ás súas observacións. É realmente rechamante que se cite unha tradición letrada amante do galego (no século XIX) para definir os seus autores como reos de clasismo e de superioridade moral. A erudición despregada é, porén, ben fraca, pois H. Monteagudo debera citar, en primeiro lugar, un adefesio con pretensións que vén sendo a primeira gramática do galego no XIX, a de Mirás, que fai uso sistemático da gheada (gindar, fogete, lanjrán...). Curioso que este autor tan "jeadista" aclare no prólogo da súa pretensa gramática que a escrebeu para aclarar voces galegas que, segundo el, non se entendían, "mientras no llegue un tiempo en que la civilización que allana las mayores dificultades nos haga así como formamos una sola nación, también de un mismo lenguaje". Sen comentarios.

 

xoves, 16 de xuño de 2022

A gheada reivindicada



 por Henrique Monteagudo en Nós Diario:

A gheada é un trazo característico das falas populares da meirande parte do dominio galego. Tradicionalmente excluída da fala culta, está sendo revalorizada por falantes, cantantes e artistas orais como un risco dotado de autenticidade, de expresividade e dunha certa connotación subversiva contra un estándar oral que se percibe como artificial, irto e distante. Esta revalorización suscita a repulsa dun sector de lingüistas. Por que? O que se adoita argumentar é que a gheada é o produto da interferencia do castelán no galego, e, por tanto, debe ser depurada. O fundamento deste razoamento é falso ou, como mínimo, discutible. A hipótese da orixe castelanista da gheada apóiase en esteos fraquísimos. A vella e intensa discusión científica sobre este asunto pode darse practicamente por pechada a favor da hipótese alternativa, que postula unha orixe autóctona. Non pretendo, por imposible, ventilar este debate nun artigo de prensa. Quero subliñar que a estigmatización da gheada vén de moi atrás, ten unha inequívoca motivación social e unha función discriminatoria. Entre moitas outras, poden citarse descualificacións coma a de Cuveiro Piñol (El habla gallega, 1876), que a rexeita como un vulgarismo que "sólo acontece entre individuos de la ínfima escala, como por ejemplo pescadores, verduleras, palanquines, etc.". O escritor Marcial Valladares aseguraba que "las geadas son un defecto de la gente idiota" (Diccionario gallego-castellano, 1884), que só se podería desculpar "en boca de gente zafia" (Elementos de gramática gallega, 1892).

 

domingo, 23 de xaneiro de 2022

O dioma galego baixo o franquismo

Víctor F. Freixanes, e a secretaria, Margarita Ledo Andión, e mais o director xeral da Editorial Galaxia, Francisco Castro, o director xeral da Editorial Galaxia, Margarita Ledo Andión, a secretaria da RAG e Víctor F. Freixanes, o seu presidente acompañan a Henrique Monteagudo na presentación do libro O dioma galego baixo o franquismo

luns, 17 de xaneiro de 2022

A Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias




 por Henrique Monteagudo na Tribuna da RAG:

A Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias (CELRM) é un código para a protección das comunidades minorizadas promovido polo Consello de Europa (CE). Este organismo, do que forman parte a práctica totalidade dos estados europeos, ten como obxectivo promover a democracia, os dereitos humanos e a identidade cultural europea. A Carta foi asinada e ratificada pola maior parte dos membros do CE e ten carácter de tratado internacional, polo que a súa ratificación debe ser aprobada polo Parlamento de cada Estado, adquirindo así carácter de lei, cun rango xurídico superior á lexislación ordinaria do propio Estado. A CELRM contempla uns compromisos de carácter xenérico sobre o recoñecemento das linguas e o respecto dos dereitos das e dos seus falantes, e outros máis concretos no ensino, as administracións e os servizos públicos, os medios de comunicación, as actividades culturais e a vida económica e social. Todos os estados signatarios se obrigan a aplicar os compromisos xerais, mentres que os concretos están graduados por niveis, do mínimo ao máximo e, no momento da ratificación, os estados deciden cales asumen e a que nivel, ademais das linguas a que se aplica a Carta.

 

venres, 8 de outubro de 2021

Un extracto do mapa da lingua escolar en Ames

A Academia Galega e o Concello de Ames veñen de publicar un estudo sobre o estado da lingua no ámbito escolar nese concello. A principal conclusión é que o acceso ao sistema educativo exerce un forte efecto desgaleguizador nos nenos e nenas desde as idades máis temperás, moito antes do constatado nos estudos realizados ata o momento, centrados maioritariamente na adolescencia. 
Henrique Monteagudo, coordinador do Seminario de Sociolinguística da RAG afirma que

[a escola] É hostil, non proporciona aos rapaces e rapazas galegofalantes o ambiente adecuado para desenvolveren as súas competencias e capacidades comunicativas na súa propia lingua, senón que provoca a súa retracción, e tampouco facilita que os castelanfalantes adquiran esas competencias”  
Non é por sinalar, pero é imposible non ver aquí os efectos do funesto decreto 79/2010 de exclusión do galego no ensino non universitario, difundido goebbelainamente como "de plurilingüismo".
Vou recoller unicamente un extracto do Mapa escolar de Ames, e como a min me gustan as gráficas, vouno ilustrar/traducir cunha gráfica que mostra como o sistema escolar vai reducindo o uso do galego ata practicamente a irrelevancia. 

Velaquí o extracto da páxina 295 que explica o gráfico anterior:
O indicador de uso do galego nos escolares amesáns no primeiro ciclo de Infantil é dun 32,4%; coa entrada no segundo ciclo de Infantil a presenza do gale-go redúcese a un 21,1%; a dinámica continúa na mesma dirección coa entrada en Primaria (15,6%); esta tendencia estabilízase no segundo e terceiro ciclo de Primaria (13,6% e 14,6% respectivamente), e volve a poñerse en funcionamento coa entrada na Secundaria (11,4%). De aí a transcendencia para o comportamento lingüístico destes momentos e o tipo de adaptación á situación que se faga neles.
O resultado destas tendencias é que os e as galegofalantes acaban adoptando maioritariamente o castelán para relacionarse cos seus pares, mesmo no caso de que manteñan o galego coa familia. Emporiso, estas condutas, prolongadas no tempo, poden rematar por provocar un abandono xeral das prácticas en galego mesmo no interior do núcleo familiar. Así e todo, esas prácticas lingüísticas non son irreversibles, pola contra, son susceptibles de ser revertidas noutro momento biográfico. A maiores, comprobouse a existencia de factores protectores relacionados coa xestión lingüística familiar, coas características cognitivas, emocionais, cognitivas e lingüísticas do alumnado, coa política lingüística do centro educativo ou co contexto sociolingüístico próximo. 

mércores, 28 de abril de 2021

Que foi da lingua en 40 anos de Estatuto?


Van alá 40 anos do Estatuto. Como valorar a situación da lingua galega despois destas catro décadas?
Nesta conversa organizada pola Voz de Galica participan Mª Pilar García Negro, Henrique Monteagudo e Malores Villanueva.

 

domingo, 15 de novembro de 2020

Solucións de futuro para o galego

 por Henrique Monteagudo, en La Voz de Galicia:

 

O idioma galego é un tesouro de valor incalculable, pero corre o risco de perderse. As persoas que estimamos a nosa lingua sentimos moita preocupación ante este serio problema, e, loxicamente, ansiamos atoparlle solucións. Nos estudos de planificación lingüística apréndese que para atopar as posibles solucións a un problema é indispensable definilo con precisión. Vexamos.

mércores, 4 de maio de 2016

Foro do Burgo de Caldelas en #galicia100



Henrique Monteagudo fálanos este documento, o foro do Burgo de Caldelas,  un dos primeiros textos escritos en galego que conservamos. Foi elaborado no século XIII e é unha das escasas mostras orixinais da importante vida municipal da época.
Este vídeo é unha produción da exposición Galicia 100 do Consello da Cultura Galega.

100 obxectos para explica un pais, no Praza Pública
Galicia 100: un gran proxecto para contar a cultura galega, por Manuel Gago en Capítulo 0

sábado, 26 de setembro de 2015

Papel mollado

por Henrique Monteagudo, en La Voz de Galicia:


A Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias é un tratado promovido polo Consello de Europa que ten como obxectivo a protección desas linguas e das persoas que as falan.

domingo, 16 de xuño de 2013

30 anos de Lei de Normalización Lingüística

Carlos Callón, Isabel Vaquero, Henrique Monteagudo, Xosé Ramón Freixeiro Mato, Socorro García Conde e Nel Vidal fan unha valoración para Sermos Galiza ([1] e [2]) con motivo do 30 aniversario da promulgación da Lei de Normalización Lingüística (LNL).

venres, 15 de marzo de 2013

Entrevista a Henrique Monteagudo na TVG



Marga Pazos entrevistou a Henrique Monteagudo no programa Bos Días ao día seguinte do pleno da RAG no que se confirmou a demisión de Ferrín.
Velaquí algunhas frases que resumen o fundamental das respostas de Henrique Monteagudo:
"Hai que ser comprensivo con Ferrín porque está un pouco alterado"
"A marcha de Ferrín non é boa para a Academia."
"O plenario foi tenso pero nun bo ambiente".
"As explicacións sobre as contratacións xa se deran en plenos anteriores."
"Ferrín debería continuar ata finalizar o seu mandato"
[sobre o decreto de plurilingüismo] "O galego non pode ter un límite do 33%,  ten que ter maior presenza para que se cumpra o mandato normalizador"

domingo, 12 de agosto de 2012

Ecolingua: mesa redonda sobre lingua e institucións





Un novo retallo do Ecolingua. Neste caso trátase dunha mesa redonda con Iolanda Veloso (profesora na Universidade de Vigo e concelleira de Normalización Lingüística do Concello de Vigo), Manuel González (doutor e profesor na USC e secretario da Real Academia Galega), Henrique Monteagudo (membro do Consello daCultura Galega) e Anxo Lorenzo (Secretario Xeral de Política Lingüística), no I Simposium Internacional Ecolingua, celebrado en Vigo os días 17, 18 e 19 de decembro do 2009.

martes, 28 de febreiro de 2012

Facer país co idioma. Sentido da normalización lingüística

Henrique Monteagudo, ofrécenos un discurso de ingreso na RAG no que establece a conexión necesaria entre normalización e identidade ou dito á contra: de como centralismo uniformizador vai da man da asimilación lingüística.
Unha aportación ben interesante que marca unha liña vermella encol da convivencia lingüística e a un tempo demostra que o PP xa a ultrapasou  xa no ano 2005.Evidénciase deste xeito que o seu interese de quen nos está a gobernar fica fóra de Galicia, aínda máis, es interese vai en contra todo o que se cualifique de galego e polo tanto en contra da Lei de Normalización Lingüística e de todo o ordenamento xurídico que a sutenta.
A RAG revalorízase con Henrique Monteagudo. Agardamos que isto sirva para incrementar o seu dinamismo  e apertura social e facela máis próxima para todos. Monteagudo ten unha recoñecida experiencia que pode ser aproveitada para mellorar esta institución.
Velaquí reproduzo tamén o discurso:


Excelentísimo Señor Presidente da Real Academia Galega, dignas académicas e académicos, autoridades e representacións presentes, Señor Reitor,  queridas amigas e amigos que me honrades coa vosa compaña,
miñas donas e meus señores:

sábado, 25 de febreiro de 2012

Henrique Monteagudo: 'Como vas defender o galego se non aceptas a realidade lingüística de Galicia hoxe en día?'

Marcos Pérez Pena entrevistou a Henrique Monteagudo en Praza Pública (alí contén audio):

Henrique Monteagudo ingresa este sábado ao mediodía na Real Academia Galega -para ocupar a vacante de Antonio Gil Merino, falecido en 2009- cun discurso Facer país co idioma, que liga o proceso de normalización co propio proceso de construción do autogoberno. Monteagudo, profesor titular da USC e secretario do Consello da Cultura Galega, reclama estratexias máis acaídas para non entregarlles "aos inimigos do galego" os conceptos de bilingüísmo e liberdade lingüística, que a maioría da poboación asume como positivos.O discurso co que ingresarás na Academia liga normalización e construción nacional. Como foi o proceso destes últimos trinta anos para ambos os dous procesos?O proceso de normalización lingüística ten sentido no marco dun proceso máis amplo de reafirmación da identidade e de construción de Galicia como país, e que fóra dese marco a normalización perde o seu sentido. Polo tanto, se se quere impoñer un proxecto de reversión do autogoberno, a normalización do galego necesariamente vaise ver sacrificada. O preámbulo da Lei de Normalización é clarísimo neste sentido: explica por que se aproba a lei, fala do proceso de degradación producido polo centralismo, o que supuxo para Galicia como país e para a súa cultura, e que estamos nun proceso de recuperación e que nese proceso a lingua é fundamental.

venres, 24 de febreiro de 2012

Henrique Monteagudo: 'As estratexias contra o decreto foron derrotadas'

Iago Martínez entrevista a Henrique Monteagudo en El País. Aínda que eu non o acabo de entender pois non vexo por ningures  alternativas á Mesa ou a Queremos Galego.

O profesor Henrique Monteagudo (Muros, 1959) entra na Real Academia Galega case dous anos despois de ser elixido para ocupar a vacante de Antonio Gil Merino, falecido en 2009. Mañá ás 12 do mediodía lerá o seu discurso de ingreso no paraninfo da Universidade de Santiago. Titúlase Facer país co idioma e non pretende resolver enigma ningún, senón ser “útil”, insiste, para o debate en curso. Impugna a “falsificación” da liberdade lingüística e coloca a normalización á beira do seu propio cantil: ou responde a un proxecto de autogoberno ou carece de sentido.Pregunta. Se aceptamos que a normalización lingüística e o autogoberno son inseparábeis, parece improbábel que este PP se implique na construción dun consenso similar ao dos oitenta.Resposta. Falta por ver como afecta o novo escenario, con Mariano Rajoy no Goberno: como responde o sector máis sensible do partido e como evoluciona Feijóo agora que se esvaeceron as súas opcións de facer carreira en Madrid. O PP gañou as eleccións, así que o problema é o país, non o PP. Somos conscientes de que este é un proceso de reversión do autogoberno, devolución de competencias e disolución de identidade? A normalización lingüística non é a recuperación de nada, é un proceso de innovación dunha sociedade que reclama para si instrumentos para decidir o seu destino.

venres, 11 de novembro de 2011

Unha rede para tecer o futuro

por Henrique Monteagudo, en El País, defendendo a postura do Consello da Cultura de Galicia de integrarse na Rede de Dinamización Lingüística. Deixo por aquí as reflexións de Monteagudo, non porque concorde con elas, nin con moitas outras que pego neste blogue e que van etiquetadas como Opinión, senón como unha aportación máis para o debate encol da Rede e da lingua na sociedade en xeral.