Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







domingo, 15 de novembro de 2020

Solucións de futuro para o galego

 por Henrique Monteagudo, en La Voz de Galicia:

 

O idioma galego é un tesouro de valor incalculable, pero corre o risco de perderse. As persoas que estimamos a nosa lingua sentimos moita preocupación ante este serio problema, e, loxicamente, ansiamos atoparlle solucións. Nos estudos de planificación lingüística apréndese que para atopar as posibles solucións a un problema é indispensable definilo con precisión. Vexamos.

 

O uso do galego está en retroceso, o que é especialmente notable nas xeracións máis novas. Non é que estas o abandonen, é que na maior parte dos casos non o recibiron. Velaí un aspecto fundamental do problema: a ruptura da transmisión do idioma das xeracións máis vellas ás máis novas. A culpa non é das familias: pais e nais galegofalantes perciben que a súa lingua está en situación de clara desvantaxe con respecto ao castelán, comezando polo sistema educativo e seguindo polos ámbitos profesionais, e iso apuxa a moitos a educar a súa prole no idioma máis útil para a promoción social. Ademais, a marxinación do galego de moitos contextos sociais e actividades laborais continúa obrigando a numerosas persoas galegofalantes, mozas e adultas, a reservar o uso do seu idioma de portas para dentro na súa casa ou para as conversas de café. De máis a máis, unha presión secular contra o galego alimentou toda unha serie de prexuízos denigrantes que poden incentivar o seu abandono a favor do idioma concorrente, que conta cun maior prestixio social e cultural.

 

Estes graves problemas non son de hoxe: estamos ante a culminación dun proceso histórico que durante o franquismo se acelerou extraordinariamente e que as institucións autonómicas, comezando pola Xunta, non acertaron a reverter. De feito, coas medidas restritivas adoptadas no 2009 e no 2010, e coa difusión de discursos e de actitudes que fomentan o desapego polo noso idioma («a imposición do galego»), a situación foi a peor. Resumindo, o devandito constitúe o diagnóstico realista, fundado en datos e con criterios contrastados, que se fai desde a sociolingüística sobre a situación do galego. Nese diagnóstico a cuestión da grafía, da norma ou do número de falantes do portugués no Brasil non contan. E se estes factores non contan para definir o problema, moito non poden contar para atoparlle unha solución.

 

Para conseguir a súa normalización social é moi importante que o galego posúa un código ortográfico e unha norma lingüística que definan unha variedade común, culta e escrita, imprescindible para que sexa empregado no sistema educativo, nos medios, nas administracións, nas actividades económicas... De certo, Ricardo Carballo contribuíu de xeito sobranceiro a conseguilo, por sinal, coa súa Gramática e as Normas da Academia. Non obstante, cifrar neses aspectos a solución de futuro da lingua do país é ilusorio. Como é unha fantasía imaxinar que a suposta proxección internacional do galego, revestido de portugués, ofrecerá un apoio eficaz para reverter a perda de falantes. Colocado o problema neses termos, a ninguén se lle escapa que o que leva as de gañar é o castelán, como lingua nativa da metade da poboación galega e segunda da outra metade. O galego ten unha longa tradición de cultivo autónomo e, por riba de todo, é o idioma con que se identifican a maioría dos galegos. A solución dos seus problemas -se a hai- está aquí, entre nós e para nós. Aquí temos que buscala.

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario