Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







luns, 9 de novembro de 2020

Sara Plaza, a forza que vén de lonxe


 Por Francisco Fernández Rei, en ProLingua:

 

A tradutora e ilustradora Sara Plaza Moreno, sen ningunha ligazón familiar con Galicia, hai uns anos comezou a se preocupar pola situación lingüística e social galega para o que se valeu, sobre todo, da lectura de xornais dixitais na nosa lingua e de fontes variadas como programas culturais da TVG e portais na rede.

 

O seu descubrimento dun mundo que descoñecía foino compartindo nun sitio web hoxe fechado, onde publicaba artigos e entrevistas a figuras relevantes da cultura galega que se ían publicando en Praza pública, en Sermos Galiza e noutros medios, que Sara traducía á lingua castelá que aprendera en Bustarviejo, vila da serra madrileña na estrema con Segovia, onde nacera e se criara.

 

Posteriormente, o contacto epistolar con xente do noso país levouna a se interesar pola literatura galega recente e comezou a traducir ó castelán poesía galega de autores vivos, ademais de anosar algún texto ensaístico. Cando aínda non era membro de ProLingua, na web desta plataforma apartidaria publicou en febrero do 2018 o artigo “Os idiomas, coma a escritura, son unha porta”, onde contaba como fora descubrindo Galicia e a súa lingua propia.

 

http://prolingua.gal/voces/os-idiomas-coma-a-escritura-das-persoas-son-unha-porta

 

Tiven a sorte de ir seguindo de xeito epistolar (e por textos dela na rede) o seu proceso de autoaprendixaze do galego e a evolución do seu galego escrito. Escoiteina falar por primeira vez na nosa lingua hai catro anos, o 17 de novembro do 2016, cando baixou da serra madrileña para presentar en Compostela, na Facultade de Xeografía e Historia (sentada na mesa a carón de Xosé Manuel Beiras), o libro Novas do exterior. 63.000 quilómetros de viaxes á cadea, de Xosé Luís Santos Cabanas. Colaboraba nesta obra anosando o texto “Terrorismo galego” do filósofo Alba Rico, que lle pon o ramo ó libro.

 

En xullo do 2018 volveu a Compostela para participar nos Cursos de verán de lingua e cultura galegas "Galego sen fronteiras", que organiza o Instituto da Lingua Galega da USC e a Real Academia Galega, porque quería enchouparse da lingua e cultura galegas en Galicia e asemade ter o seu primeiro ensino de e en galego. Sara, que nunca tivera unha soa hora de clase de lingua galega, despois de os organizadores dos cursos realizaren as preceptivas probas de nivel de lingua, foi seleccionada para o curso superior. Polas tardes acudía voluntariamente ás clases de conversa con alumnado do nivel intermedio, feito que aproveitou a profesora para que Sara lle axudase nesas clases prácticas.

 

O curso pasado deslocouse de Bustarviejo a Lugo, porque se matriculara na USC no Mestrado en Dirección de Actividades Educativas da Natureza; e o pasado 31 de outubro, o seu TFM (traballo de fin de mestrado) Da escritura como mirada á mirada que escribe. A natureza como alento e sustento do sentido estético, que redactara (e defendera) en galego, recibiu (ex-aequo) o premio á calidade lingüísticada USC no apartado de Ciencias Sociais e Xurídicas.

 

E hoxe mesmo, cando vai chegando a castañeira e con ela vai rematando a primavera de outono, un amigo común chamoume e díxome: "Sara entrou pola porta grande no noso sistema literario". Acababa de gañar coa obra todos os pasos fan ruído o Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé na súa XXXIII edición, á que se presentaran 76 poemarios.

 

Alégrome ben que A Nosa Patria vaia recoñecendo a forza que vén de lonxe (Suso Acevedo dixit), ese grupo de persoas amantes de Galicia que, como Sara, son embaixadoras da lingua e da cultura galegas na terra onde viven; e cando están aquí, entre nós, son incansables brigadistas na defensa do idioma galego ó usáreno arreo con amable intransixencia, sen prexuízos e sen complexos.

 

Saúde e Patria da Lingua

 

Cacheiras (Teo), 1 de santos do 2020

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario