Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







martes, 17 de novembro de 2020

Integración dos migrantes no sistema educativo

 O pasado 13/11/20 comenzaron os XXII Encontros para a Normalización Lingüística, este ano adicados á "Integración lingüística como ferramenta social". Neste vídeo temos as intervencións arredor da integración do colectivo migrante no sistema educativo. Relátanse tres experiencias, unha do IES do Milladoiro, outra do modelo Burela e unha última sobre o programa de apoio lingüístico do concello de Salceda de Caselas. Os SNL tamén fixeron a súa achega coa intervención de representantes do concello de Ames, da USC e de Reverso Comunicación.

En todo este panorama a Xunta está completamente ausente. Compárese a NADA ABSOLUTA cos programas de acollida en Euskadi e Cataluña desenvoltos nesta outra sesión. Botemos unha ollada, por exemplo a Ep! Escolta i parla, o programa de acollemento para adultos da Generalitat. Comparémolo agora coa única proposta da Xunta: "Castelán e galego para inmigrantes". Primeiro, o galego só se vai acompañado do castelán. Segundo, neste portal só hai unha relación dos centros de ensino de adultos, e non de adultos inmigrantes. Non hai ningún tipo de programa.

Cando se trata de avances no uso do galego, a Secretaría Xeral de Política Lingüística fica ausente. Se nos preguntamos polo seu labor, a resposta é simple: están centrados exclusivamente en facer propaganda de si mesmos, unha propaganda na que se presentan como valedores da lingua, e que fica en accións superficiais, sen acción transformadora algunha.

Ningún comentario:

Publicar un comentario