Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







martes, 29 de xaneiro de 2019

En Tomiño dise así



Volvemos outra vez a recoller outra perla dos 21 días en galego (e máis) pois desta vez chéganos do IES Alonso Ríos (Tomiño) un audiovisual que ben podería colocarse como un elo máis daquela cadea que comenzara co vídeo Ghalego de Rianxo e continuara co Eu digo... de Ribadeo.

O galego, dignidade e democracia

por Marcos Maceira en La Voz de Galicia:

Desprezar unha lingua é desprezar o seu pobo, limitar o seu desenvolvemento cultural, económico, político e social. O dereito dos pobos a empregaren a súa lingua é un dereito humano. A garantía de uso pleno é garantía de democracia, de liberdade e de progreso social. Isto inclúe ao pobo galego.

luns, 28 de xaneiro de 2019

A Xunta sen PuntoGal



Neste vídeo do alumnado do IES Pontepedirña (Santiago) baixo o paraugas da feliz proposta de 21 días co galego e máis defende con bos argumentos un dominio.gal que está moi próximo aos 5000 rexistros.
Claro que un, como profesor, intenta descubrirlle ao alumnado e a quen lle toque,  un dos maiores males do ensino, e da sociedade en xeral: a hipocrisía. Quen fixo divulgación deste audiovisual foi a Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL), e fixo ben. Tan ben que eu tamén o fixen,  pero fíxeno preguntándome como é posible que unha institución que forma parte do goberno da Xunta, como é a SXPL, ten o santo morro de estar por unha banda gabando o dominio.gal mentres que pola outra xustifica o inxustificable, que 4 anos e medio despois da posta en marcha do dominio, aínda haxa unha chea de organismos oficiais que circulan por outros camiños.
Co engadido de que neste último portal o galego está desaparecido.

sábado, 26 de xaneiro de 2019

A explicación prohibida de Rosario Álvarez





O Portal das Palabras achéganos acotío pequenas perlas sobre as nosas palabras. Onte a académica Rosario Álvarez respondía a unha cuestión que lles propuxera algún usuario: por que escribir "vinte e un" e non "vinteún".
Toda esta explicación entraría dentro co currículo de matemáticas de primaria, sobre como debemos denominar os distintos números (naturais), polo que, segundo o funesto decreto para o plurilingüismo, esta explicación é ilegal.
A cousa, se non fose triste, daría para botar uns risos.

venres, 25 de xaneiro de 2019

Arquímedes, un vídeo de primaria


O que máis me gustou foi que a autora desta peza, Iria Luisa Nimo, fose unha alumna de alumna de 5º de primaria, en concreto do CEP Pilar Maestú Sierra (Pobra do Caramiñal). Pésame que no audiovisual non se engadira ningunha referencia ao labor matemático do sabio de Siracusa, como por exemplo o Arenarius, un libriño no que Arquímedes demostra a súa capacidade para producir números enormes a pesar que que o sistema de escritura dos números en grego era moi pobre.
De todas formas, realmente espectacular, especialmente para unha rapaza de 10 anos. Parabéns.

martes, 22 de xaneiro de 2019

Adolescentes: o sorprendente e inquietante parecido entre falar en galego e saír do armario

por Miguel Rodríguez Carnota en Terra e Tempo:

“Esta é a miña!”, repetiron por separado Amaro, Olalla e Helena cando lles tocou ir para Santiago estudar. Amaro, Olalla e Helena, dezaoito anos cumpridos, falaban galego na casa mais xa non se atrevían a falalo con normalidade no instituto. Aos poucos foran claudicando, renunciando a ese hábito e adoptando o español como lingua habitual cos compañeiros. Polo que puidese suceder, o galego foi mellor deixalo para as clases de lingua, para algún profe comprensivo ou para o Día da Letras Galegas. E punto. E grazas.

luns, 21 de xaneiro de 2019

Es obligatorio seguir todas las normas...agás as da normalización

A veciñanza da Estrada anda revolta estes días porque está vendo como están talando árbores centenarias da alameda ou como levantaron toda a pedra da praza do concello, que se colocara toda neste século. Un gasto de 3 millóns de euros cando a peza máis importante do patrimonio deste concello, a Torre de Guimarei está caendo a pedazos.
Mais isto é un blogue de lingua e se traio por aquí estas novas é por culpa dos carteis que rodean a obra da almeda da Estrada. O 9 de abril do 2018 publicouse no BOP da provincia de Pontevedra a ordenanza municipal en materia de normalización lingüística. As empresas adxudicatarias ou concesionarias que actúan por conta deste Concello,rexeranse polos criterios establecidos nesta ordenanza. Pois ben, ou a ordenanza non ten criterios, e polo tanto non serve para nada, ou as empresas no relativo á lingua poden darlle unha patada á lingua galega cando lles pete.
Non se ve moi ben, pero algún cidadán, farto destes agravios á lingua xa puxo a súa reclamación sobre este cartel: "EN GALEGO"

domingo, 20 de xaneiro de 2019

Política lingüística para a nosa lingua

por Henrique del Bosque Zapata no Sermos Galiza:


Política lingüística é aquel conxunto de decisións conscientes, artellado en normas, estratexias e actuacións, que se toman desde instancias de poder co obxectivo de regular ou intervir, pasiva ou activamente, sobre o uso dunha ou varias linguas. No caso das actuacións protectoras, resulta habitual que estas fiquen reflectidas en textos normativos que amparan outras actuacións de promoción e potenciación dirixidas desde o conxunto das Administracións Públicas. Pois ben, compriría reflexionar sobre algunhas situacións a fin de valorar a lexitimidade, xustiza e equidade referida ás mesmas.

sábado, 19 de xaneiro de 2019

Cativos na cociña


Cativos na cociña from SIRADELLA FILMS on Vimeo.

Onte ProLingua compartía este vídeo nas RRSS con este acaído comentario:
"un produto audiovisual de innegable calidade que mostra con orgullo e normalidade a realidade lingüística do Grove, alén de tocaren temas como a transmisión interxeracional do idioma ou a integración natural e sen problemas da poboación migrante na nosa cultura e na nosa sociedade."
 Apúntome aos parabéns aos realizadores, Siradella Films, empresa audiovisual do Grove.

venres, 18 de xaneiro de 2019

Da lingua aproveitase todo, como o porco

por Iván Méndez en Luzes:

Unha das grandes frases maxistrais que nos deixou Castelao foi cando desexaba emitirmos billetes sen caras longas de políticos nin de sabios nin de artistas, só coa figura dunha vaca. Non vou ser eu quen contradiga, madia leva!, o noso máis senlleiro sabio, político e artista, pero acho que ao noso papel-moeda lle acaería máis a figura do porco. Non só porque non hai nada que máis nos identifique nas épocas de abundancia, ou de aparentala, que unha mesa pantagruélica a rebordar de lacón, fociño, costela, orella, chourizo, filloas de sangue e omeprazol, senón porque, cando pinta bastos, somos de tirar proveito de até o último céntimo: por algo os petiños para os aforros teñen forma de porco!

Algunhas reflexións sobre a necesidade de aprimorarmos o uso da lingua

por Xosé Manuel Sánchez Rei, no Terra e Tempo:

Durante o século XIX, cando o idioma galego comeza a ser estudado e reivindicado con certo rigor, un dos debates que se produciu asentou na necesidade de recuperar a autenticidade lingüística. Así, perante a relativa diversidade local, reparábase en que galego podería ser o máis xenuíno ou onde se debería ir procurar un “galego enxebre” ou até en que escritoras e escritores posuían o estilo máis recomendábel. Ao mesmo tempo, moitas das persoas que nesa época se ocuparon das dificultades sociais que tiña a lingua identificaron unha boa parte deses problemas nas influencias que o galego sofría a respecto do español, as cales, en moitos casos, chegaban a xerar unha variedade hibridizada. E quen realmente se preocupaba polo futuro do idioma fixo ás veces chamadas de atención para que ese estado de cousas non progredise ou, no mellor dos casos, para que recuase, pois percibíase con total clareza que unha das ameazas máis serias para a sobrevivencia do galego consistía precisamente na constante erosión a que estaba sometido: colectores de literatura tradicional, gramáticos, intelectuais comprometidos coa lingua, poetas etc. subliñaron, con maior ou menor acerto, con menor ou maior intensidade, e cadaquén desde as súas propias concepcións ideolóxico-lingüísticas, que o idioma se achaba nunha situación de perigo por esas perennes beliscadelas da, na altura, única lingua oficial. O compromiso coa recuperación real do galego, pois, confluía en todo o momento coa súa necesaria estilización, xa que se entendía que non se podía recuperar a forma cando a substancia tiña serias problemáticas internas.

xoves, 17 de xaneiro de 2019

Calendario da Univerisade de Vigo para 2019

Hai uns días xa falamos da campaña “Na Universidade… onde queiras, pero coa lingua” promovida pola ANL da Universidade de Vigo. Para completar o paquete acompáñase con este calendario para o presente ano 2019.
Os principais obxectivos desta campaña son os de tratar algúns dos prexuízos lingüísticos máis “naturalizados” na sociedade e o de axudar a visualizar realidades sociolingüísticas que están chamadas a ter un papel clave no futuro da lingua como o caso dos neofalantes ou a opotunidade da lusofonía"
Seguiremos atentos aos audiovisuais que prometen publicar cada mes.

martes, 15 de xaneiro de 2019

21 días co galego x 4

O alumnado do IES Pontepedriña de Santiago de Compostela, o IES Antón Alonso Ríos de Tomiño, IES Otero Pedrayo de Ourense e o IES Francisco Daviña Rey de Monforte de Lemos comprométense a falar soamente en galego as 24 horas do día durante as 21 xornadas que dura o programa; é dicir, desde o 14 de xaneiro ata o 3 de febreiro de 2019, dentro e fóra do centro de ensino. Segundo a nota emitida pola SXPL tamén ses buscou o acompañamento do persoal de administración e servizos, as ANPAS e as familias... pero non o profesorado! Por que? Por culpa do maldito decreto 79/2010. Isto non o queren tocar.Excelente a mensaxe que manda a SXPL. Falade en galego, que nós xa procuraremos que vos dean as clases en castelán, que vos fagan os exames en castelán, que o material didáctico estea en castelán.

A pesar de que todo o por onde anda a SXPL sempre corre un regueiro de zudre, a iniciativa de 21 días co galego (este ano 21 días co galego e máis), volvo a dicilo, é unha das mellores iniciativas xurdidas no ensino para a normalización da lingua. Quen non lembra a excelente intervención de Lía Lema no número 11 da rúa Tabernas? ou o inconmensurable audiovisual-resumo da edición do 2017 no Fogar de Santa Margarida (A Coruña) no que se nos descubre o muro que temos levantado contra o uso do galego ao que a política lingüística dos gobernos de Feijóo no fixo máis que colocar contrafortes e levantar alturas.
Todos eles abriron as portas dos seus centros para presentarse ante este reto, o de pasar 21 días falando en galego.












A nova gramática para xaponeses e as "moi tristes" follas rosalianas do brigadista Asaka

por Francisco Fernández Rei, nas Voces de ProLingua:



Cando Takekazu Asaka presentou en Compostela o 31 de xullo do 2015 a edición e tradución dos poemas de Martín Codax, acompañado dun CD onde un grupo xaponés interpretaba as cantigas do poeta do mar de Vigo, un xornalista preguntoulle polos seus futuros proxectos sobre a lingua e a cultura galegas. Contestou que posiblemente o libro de Martín Codax fose o seu último traballo, porque estivera varios anos con ese proxecto e que se achegaba á xubilación. Ese día pensei que esa obra, en edición moi coidada, era o ramo de Asaka a 32 anos de investigación sobre o idioma galego, de traducións de clásicos galegos ó xaponés e de difusión de Galicia e da nosa cultura no Xapón.

luns, 14 de xaneiro de 2019

App Abertos ao galego



A Mesa lanzou unha App para acceder a centos de estabelecementos e para que poidas opinar e valorar o seu uso do galego.
Que raro que á Secretaría Xeral de Política Lingüística non se lle ocorrira lanzar unha app semellante!. Quizais prefiren vetar propostas para garantir os dereitos do uso do galego no ámbito socioeconómico.

xoves, 10 de xaneiro de 2019

Chíos de ciencia en galego



 "É posible divulgar ciencia en galego, e de feito faise malia atrancos como o mal chamado decreto de plurilingüismo que pretende expulsar o galego das aulas de matemáticas, física e química e tecnoloxía. Son moitas as persoas comprometidas coa divulgación da ciencia na nosa lingua e coa normalización desta nun ámbito tan importante como é o científico polo que coido que é interesante positivo e necesario apoiar todos estes proxectos"

Estas foron as palabras finais da intervención de Javier Balea (facebook, twitter, instagram) no LGx15 de 2018.

mércores, 9 de xaneiro de 2019

“Na Universidade… onde queiras, pero coa lingua”



 O ano 2017 comenzara co significativo éxito do calendario de Davila publicado pola Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo. O 2018 este departamento achegounos o calendario do 2018 realizado por Kiko Dasilva. Repetirían no 2019?
A resposta témola neste vídeo, e en xeral na campaña "Na Universidade… onde queiras, pero coa lingua” . No inicio de cada mes a Área de Normalización da Universidade de Vigo difundirá unha peza audiovisual especialmente deseñada e producida para esta campaña.

A consideración ofcial do galego en Asturias

por Xosé-Henrique Costas, nas Voces de ProLingua:

1.- TIPOLOXÍA LINGÜÍSTICA



Desde sempre, a lingüística e a filoloxía románicas estableceran que as variedades lingüísticas empregadas en Asturias entre os ríos Eo e Navia eran de filiación galega, continuidade natural do galego nororiental de Lugo [véxanse as páxinas 29-40 do Informe lingüístico sobre a nosa Terra Eo-Navia, da Asociación Abertal (2007) https://anl.uvigo.gal/opencms/export/sites/anl/anl_gl/documentos/E_INFORME_EONAVIEGO.pdf]. Isto foi algo que nunca se discutira.


domingo, 6 de xaneiro de 2019

Nove anos e un día

Outro ano máis para lembrar os comenzos deste blogue.
Xa foron alá nove anos. Mala cousa porque isto faime lembrar que hai outro tanto tempo que dura o que Suso Acevedo chamou moi acertadamente os "anos da peste" nas gorentosas xornadas sobre a lingua organizadas pola Deputación da Coruña, Malas linguas.
Pois si, continuamos baixo a peste que renega da lingua galega nas institucións galegas. Non imaxinaba eu cando comencei con esta xanela dixital que ía durar tanto o ataque da zunia. Pero aí están.
Aquí estaremos, do outro lado.

venres, 4 de xaneiro de 2019

Aniversarios matemáticos

por José Ángel Docobo en La Voz de Galicia:

Se en 2017 celebramos os 200 anos do comezo da Carta Xeométrica de Domingo Fontán, neste ano que está a piques de rematar conmemoramos o centenario de Algorítmia, libro emblemático do sacerdote, astrónomo e matemático Aller Ulloa, así como o 75 aniversario do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da Universidade de Santiago de Compostela (USC), un referente internacional hoxe en día no eido das estrelas dobres e múltiples. Dentro da estrutura deste centro, cuxa orixe foi o Observatorio particular que don Ramón tiña en Lalín (hoxe felizmente recuperado), o profesor Enrique Vidal Abascal creara en 1945 unha sección de Astronomía Teórica e Matemática á que lle puxera o nome do ilustre matemático galego Durán Loriga. A idea de Vidal era recuperar o espírito do Seminario Matemático, denominado así mesmo Durán Loriga, que en 1935 organizara na universidade o catedrático de Xeometría Analítica, o monfortino José Rodríguez Sanz, e que fora concluído no 36 a pesar dos importantes froitos que dera nos poucos meses que tivo de vida.