Estamos diante dun documento excepcional. Este vídeo non é un máis. Aquí podemos mergullarnos na realidade sociolingüística que normalmente se oculta. Por iso del podemos aprender moito e extraer substanciosas conclusións.
Se un quere saber cales son o prexuízos que leva á mocidade ao abandono da lingua nun entorno galegófono, ten unha referencia fundamental no libro de Valentina Formoso Do estigma á estima, (Xerais 2013). Nesta inestimable achega que presentamos hoxe aquí evidéncianse as barreiras que se lle poñen aos que intentan recuperar o galego como lingua de relación nun ambiente fortemente castelanizado.
Coincidindo coa celebración das Letras Galegas a Xunta destacou que colaborará no financiamento dun estudo sobre o cambio lingüístico na etapa etaria dos 18 aos 25 anos que realizará o ILG. Ao tempo que se mantén unha actitude gubernamental moi agresiva contra o uso do galego, desde San Caetano disimúlase publicando e financiando un estudo tras outro. Un mes antes o Consello da Cultura Galega publicaba outro traballo no que se poñía en evidencia que a escola é un moi importante factor de desgaleguización dos rapaces. Esta desgaleguización acentúase porque os pais preparan aos seus fillos para o cambio lingüístico que lles agarda na escola. Por outra banda, os prexuízos acrecentáronse e fortificáronse nos últimos anos por unha política lingüística que desprestixou o uso do galego e espallou un discurso supremacista que xustifica a retirada de dereitos para o emprego da lingua galega, establecendo, pola contra, privilexios para a lingua ultraprivilexiada.
Pois ben, neste vídeo materialízase con palabras de rapaces de carne e óso, a estrutura dunha sociedade que lle virou as costas á lingua galega. Ao estilo do programa da televisión "21 días", unha ducia de rapaces do Fogar de Santa Margarida (A Coruña) apuntáronse á experiencia de vivir as 24 horas en galego. Aquí relataron as súas experiencias, os seus medos, rexeitamentos, ilusións, expectativas... Son herdeiros do programa que desenvolve o IES da Pobra do Caramiñal, "21 días co galego". De feito unha das actividades que desenvolveron foi a de propoñerse mutuamente un xogo de defincións, "Pasagalego", ao estilo do concurso televisivo "Pasapalabra".
O primeiro que me veu á cabeza cando comencei a ver o audiovisual foron as liñas de galego. A experiencia aquí relatada era a mesma que se desenvolvía naquelas liñas de galego que suprimiu Feijóo nada máis chegar á Xunta. Que mal facían? A única resposta: abirlle unha porta ao galego en entornos fortemente castelanizados e claro, isto é incompatible con radicalismo antigalego dos gobernos populares.
Cal foi a forma de proceder destes 21 días en galego? Cada día hai unha actividade destacada. Tendo en conta que o promotor foi o ludolingüista Carlos L. Medrano, o campo estaba aberto a xogos, adiviñas, poesías, ditos,... Todo está no vídeo. Pero por se aínda a alguén non lle apetece velo enteiriño, vou facer un espoiler, recollendo algunhas das frases que din no documental. Pero cómpre ter en conta que non é o mesmo lelo que escoitalo dos seus protagonistas, así que insisto en pegarlle un click ao play. Velaquí unha escolma, que dá para a reflexión:
- A xente pola rúa, cando nos ve falando galego, míranos bastante raro. Incluso hoxe un señor díxome que facía falando galego.
- Estaba falando galego cun amigo que falaba en castelán. Veu outro e preguntoume: e ti por que falas galego? Eu díxenlle: porque hai que empezar a falar galego. E díxome: Ti es parvo ou que?. Quedeime flipando.
- Non teño moitas ganas de continuar, porque estáseme facendo moi pesado falar todo o día noutro idioma que non é o meu diario. Pero sei que teño que facelo,... é o que queda.
- Estaba tan pancho vendo a tele. Entón pensei: imos ver a tele en galego. Fun a "axustes" e viñan todos os idiomas menos galego. Iso fíxoseme moi raro. Estamos en Galicia e temos que ter cousas en galego.
- A medida que pasan os días falando en galego, vou mellorando.
- Cando cheguei á cataquesis que estou eu, o primeiro día falei galego. Ao siguiente día escoitaba murmullos de que este é un pailán,... Nese momento parei de falar galego, pero agora volvo á carga.
- É divertido, estou aprendendo máis vocabulario.
- Non sei por que nós aquí odiamos a nosa lingua. Se vas a Cataluña, alí están superorgullosos da súa lingua. Alí ti vas e fálanche catalán, aínda que sexas de fora,.... a min paréceme algo de mala educación porque se non che estou entendendo,.... pero eu creo que en eso sí que nos deberíamos parecer algo a eles. Respetan moitísimo a súa lingua, e nós non... Eso hai que cambialo xa.
- Cando rematen os 21 días, cos amigos, non sei. Pero coa familia vou a seguir a falar en galego.
- Estaba falando eu así cunhas amigas, en galego. E de repente lancei un tempo composto...
- O galego, nunca pensei que se parecía tanto ao portugués.
- Cando cheguei ao Hogar... Non tiña pensado cambiar a miña forma de expresarme, para min o normal era falar galego. No meu outro cole, iba ao cole de Laxe. Eu crieime entre Laxe e Corme. Sempre digo que son do medio da ría. ...Teño expresións de Laxe,... tamén teño expresións de Corme. Ao saber que isto iba a ser un proxecto, formei parte del porque me parece xenial.
- Hoxe falei todo o día galego. Xa se me dá mellor. Impresionei moitísimo
- Veu un equipo de Monterroso. Falan galego e levámonos bastante ben con eles. Os do meu equipo falábanl e castelán e eles respondían en galego. Eu estiven falando galego con eles e averdade é que bastante ben.... incluso mellor que antes de empezar o traballo.
- Pero ti falando galego?... Sorprendeuse, porque todo o mundo sorpréndese. Eu, a verdade recoméndoo, a min gústame.
- É un proxecto do que só sacas cousas boas
- Estaba baixando con Jorge, o meu amigo, me escoitou falando galego, e me dixo: pero por que falas galego se xa acabaches os 21 días?. Pois eu falo galego porque me gusta, e claro, xa me estivo mirando desde o camiño con mala cara.
Moitas grazas pola referencia e polas gabanzas, Cibrán.
ResponderEliminarO proxecto, na súa modestia, superou as nosas propias expectativas.
Como ben dis, entre outras cousas, revela ese muro que foga a nosa lingua.
Agora toca poñernos a derrubalo.
O ano temos o propósito de repetir!
É un proxecto que paga a pena. Oxalá máis centros se animasen a levalo adiante.
Non vira o comentario!
EliminarSó podo repetir os parabéns, é un traballo excelente