Dinamizaestrada celebrará mañá a #festadaspalabras. Terá lugar 20:30 horas no Teatro Principal @c_aestradahttps://t.co/KI03t3seVE pic.twitter.com/DEWnQkpAK4— Nós Televisión (@NosTelevision) 5 de junio de 2017
Tirado do E logho! |
Nesta ocasión microrrelatos debían conter a palabra VERÁN, e os micropoemas a palabra VENTO. Cos textos gañadores elaborouse un libriño de 81 páxinas que tamén contén as fotos dos 62 autores. Como exemplo acompaño a foto de Elena Bernárdez, Antía Sala, David Álvarez, Andrea Fraiz, Noa Puente e Juan José Rey, os participantes do IES Antón Losada (A Estrada).
Portada da publicación |
O acto, celebrado no Teatro Principal da Estrada, estivo apadriñado polo escritor Antonio García Teijeiro. Nas tres edicións anteriores os padriños/madirñas foron Xabier P. DoCampo, Fina Casalderrey e David Otero. Co fin de recoller algo do sabor da IV Festa das palabras recollo dous retallos a seguir. O primeiro é a intervención de García Teijeiro e o segundo a interpretación da canción Imagine, de John Lennon polo coro do IES Antón Losada
Que non nos rouben nunca as palabras
Este foi o título da intervención do padriño no Teatro Principal da Estrada. O texto, recollido do seu blogue, é o seguinte:
QUE NON NOS ROUBEN NUNCA AS PALABRAS(Unha carta a uns nenos e nenas que escriben os seus soños)
Meus prezados afillados e afilladas:
Hai algo máis fermoso que chamar a un proxecto “Festa das palabras”? Penso que non. Porque a palabra é dardo, é bico, é aloumiño, é crítica, é saudade, é agarimo, é disparo, é esperanza, é loita…
Non llelo digades a ninguén, pero cóntovos que nos encontros que fago por todas partes sempre pregunto cal é a miña palabra favorita. Moi poucas veces acertan. Alumnos e alumnas coma vós din unha chea de palabras fermosas: amor, verso, poesía, libro, bico… e un longo etcétera de vocábulos. Despois de escoitalos sorrío e dígolles: a palabra que máis me gusta, que me emociona, é a palabra PALABRA. Fican algo desconcertados e explícolles que con esa fermosa palabra poden expresarse todos os sentimentos, actos e ideas que acaban de dicir e moitos máis.
Recibín hai uns días o libriño “2017. IV Festa das palabras”. A emoción que sentín tras lelo resulta difícil de explicar. Digo decote que a escola non está para facer narradores nin poetas. Que a escola está para facer persoas que non se desenvolvan de costas á literatura, persoas que se acheguen a ela para gozar do que expresa, persoas, en definitiva, que amen a literatura.Ben, pois tras ler todos estes textos da “nosa festa das palabras” non me queda máis remedio que felicitar os equipos de dinamización lingüística dos centros educativos da Estrada polo esforzo e os obxectivos que se propuxeron. Obxectivos, todos eles, totalmente acadados.
Nestes textos hai moito amor á palabra.Hai moita emoción poética e narrativa.Hai moito agarimo condensado nos escritos.Hai moitas lecturas detrás.Hai moito labor ben feito detrás destas preciosas mostras.Hai moita beleza, moita delicadeza, moita observación nelas.Os mediadores e mediadoras fixeron un traballo extraordinario. Un traballo que loce e, o que é máis importante, un traballo que deixa pegada.Parabén a eles e a elas. Parabéns a vós.
Meus prezados afillados e afilladas, na vosa actitude positiva está a esperanza de que a normalización do galego sexa un feito.Os idiomas precisan da palabra oral. En galego temos proxectos sólidos, unha literatura excepcional e outros valores, pero as cousas non vos son doadas. Para que o galego se instale nesta sociedade tan complexa precisamos que se fale, que non se substitúa, que teña prestixio. E sodes vós, os rapaces e rapazas de hoxe os que podedes coller o temón da dignidade lingüística.
Non esquezades o moito que nos xogamos.Escribides de marabilla. Falade un día si e outro tamén na nosa lingua. Sentide nela. Vivide con ela.Volvo felicitarvos polos vosos traballos literarios.Sodes un orgullo para a nosa cultura.Representades o mellor da comunidade escolar á que pertencedes.Seguide a escribir.Seguide a ler.Seguide tendo os ollos abertos, os oídos atentos para saber o que ocorre arredor de vós.A vida, todo o que vos rodea e conmove e as lecturas intelixentes que fagades serán a fonte onde debades beber para seguir medrando literariamente ao tempo que crecedes coma persoas.Non permitades que nos rouben as palabras. Son nosas. Alfaias prezadas de cada un de nós.O poeta Bernardino Graña dixo nun poema nunha ocasión:
O vento levou follas e palabras, / levou rumor e ruído.
Eu tomei estes versos e fixen a miña homenaxe particular a esas palabras que ás veces nos rouban os malos ventos que sopran de mil maneiras.E escribín:
Que as traia de novo,que quero berralasque quero dicilasben forte as palabras.Levounas o ventoa cambio de nada.Deixoume unhas follas,rumores, borralla.Palabras fermosas.Palabras gastadas.Palabras. Palabras.No vento zoaban.
Coa palabra na man, no corazón, na esperanza coma ser humano, envíovos bicos e versos e palabras para que endexamais as leve o vento.Que permanezan sempre con vós.Precisámolas.
Imagine. Coro do IES Antón Losada Diéguez
Ningún comentario:
Publicar un comentario