Señora directora:Tiven coñecemento a través das redes sociais dunha carta, asinada por vostede no pasado 6 de xuño, na cal xustifica que se lle desconten puntos a unha alumna de primaria por usar "Galiza" no caderno e nun exame da materia de Ciencias Sociais.Dun punto de vista lingüístico, considerar erróneo "Galiza" non se sustenta. A propia Real Academia Galega, que é a que ten nestes momentos a potestade para estabelecer a norma oficial do noso idioma, considéraa unha "forma lexitimamente galega". Así mesmo, moitas e moitos lingüistas constatamos a través dos nosos estudos que, se non for por razóns de presión política, ninguén dubidaría que a única forma válida e xenuína para designar o noso país en galego é esa. Mais, como vostede moi ben coñece, se non for tamén por razóns de presión política, o noso idioma tería unha situación máis saudábel que a que ten, por exemplo no ensino.O problema neste caso non é de Gramática Histórica, senón de pedagoxía e, sobre todo, de liberdade de expresión, máis grave cando se pretende sancionar unha menor nun centro de ensino, un espazo que debería acoller a pluralidade e a diversidade, e fomentar que cada persoa conforme en liberdade o seu pensamento. Aquí réstanse puntos por usar unha forma correcta, vixente e acertada; é unha utilización que, ademais, amosa un bo coñecemento do xenio do idioma por parte da alumna, que vai máis alá da abafante presión castelanizadora.Cando, na súa carta, vostede leva a argumentación ao terreo xurídico-político é cando comprobamos a causa verdadeira desta discriminación: é unha imposición ideolóxica mal camuflada de hipercorrección lingüística (primeiro) e de falta nin máis nin menos que legal (despois), cunha equiparación grotesca entre un caderno de primaria e o DOG.Como docente, non podo máis que preguntarme que acontecería se ese modo de proceder de restar puntos con informes xurídico-políticos se estendese a todos os ámbitos do ensino. Pensemos só no campo da Xeografía. Debemos restar puntos cada vez que alguén poña "Estados Unidos" e non a única forma oficial na súa tradución, "Estados Unidos de América"; "Brasil" e non "República Federativa do Brasil"; "Venezuela" e non "República Bolivariana de Venezuela", e así por diante? Que facemos, señora directora, co "Reino Unido da Gran Bretaña e Irlanda do Norte"? Até onde poderiamos chegar con ese seu proceder?A situación aínda se complica nalgúns casos paralelos. Galiza non está recoñecida na lexislación actual máis que como "Comunidade Autónoma" ou "nacionalidade". Que facemos coa obra de Rosalía de Castro, en que a considera "patria"? E cando Alfredo Brañas a chama "nación sometida"? Ben sei que esas non eran formas legais tampouco neses seus tempos, mais estamos a abordar figuras que usaron os termos dese xeito e cuxa obra tamén entra nos currículos. Corrixímolos, censurámolos ou censuramos só o alumnado que utilice esas formas?Acontece tamén que, como todo o humano muda, achamos disposicións legais (si, legais!) que no século XIX prohiben o galego denominándoo lingua ou fala "del país". Como actuamos nese caso, se Galiza non está recoñecida xudiricamente como "país"? Simplemente obviamos que o galego estivo perseguido ou mudamos a redacción por "lengua de la futura comunidad autónoma"? Que facemos, tamén, cando no himno oficial se lle chama "nazón"? E que faremos, con certeza, se unha alumna ou un alumno falar do "queixo do país"? Deberiamos ir pedindo informes xurídicos para todos estes casos? Daremos abasto?Seguindo tamén a lóxica da súa sanción, cómpre preguntármonos que debemos facer cada vez que apareza o termo "Galiza" ao longo da Historia. Daniel Castelao, que foi membro numerario da Academia Galega, mesmo escribiu un libro fundamental titulado Sempre en Galiza. Debemos modificar a obra de Castelao ou debemos restarlle puntos aos estudantes cada vez que nolo citen? E que facemos, señora directora, co "Consello de Galiza"?Estará a pensar que nestes últimos casos son "nacionalistas radicais", mais o problema non para de se ensarillar... Cumpriría chamarlle a atención a Sandra Ortega, presidenta da Fundación Paideia Galiza? E como obramos co profesorado que utilizamos exclusivamente a forma Galiza nas nosas aulas? E cos libros de texto que fan iso mesmo? E co único semanario impreso que existe no noso idioma? Que ficaría após toda esa abrasión? Onde terminaría a caza de bruxas?En fin. A través deste correo electrónico, demándolle que rectifique a sanción, que pidan desculpas á meniña afectada e á súa familia e, xa que lle deu amparo a unha grave situación de imposición ideolóxica que atenta contra a convivencia, que reconsidere a súa continuidade no cargo.Cumprimentos cordiais.
Páginas
Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego
mércores, 21 de xuño de 2017
Ao coidado da directora do CEIP Santa Irene, Porto do Son
por Carlos Callón, no Sermos Galiza:
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario