por Xabier Vila, na sección de Cartas ao Director do Faro de Vigo:
"Si quiere la atención en castellano pulse 1. Si quiere la atención en inglés pulse 2. Si quiere la atención en catalán pulse 3".
Así é como recebe o contestador da Radiotelevisión Española (RTVE) a quen chama ao ente para solicitar información. Parabéns para os cataláns, que son un dos poucos pobos sen estado que traballan a cotío para normalizar a súa lingua, á que coidan e agariman coma se fose unha filla ou unha nai. Non como outros!
Pero, que acontece con nós? Cos galegofalantes e os galegopensantes (que algún queda). Inda non se engalanou ningunha cidade ou vila galega con bandeiras reclamando o mesmo trato? Ou é que os nosos políticos non telefonan xamais á RTVE, aínda que só sexa para preguntar polo pronóstico do tempo. Ou para solicitar que lles fagan unha pequena interview.
E o goberno central, que semella que virou periférico-selectivo, non se decatou de que en España existen outras tres ou catro linguas que merecen o mesmo recoñecemento e tratamento? Ah! Que non hai demanda delas? No hi ha cap problema: xa se sabe que a oferta crea a súa propia demanda, nonsi? Máis alén diso, está admitido unanimemente que nas cuestións culturais non opera o imperativo economicista, senón non habería subvencións á cultura.
En consecuencia os galegos (eu o primeiro), temos que esixir aos señores ministros dos diferentes ramos que, por favor, engadan outros tres ou catro numeriños ao sistema telefónico da RTVE e dos demais organismos que ofrecen ese servizo de atención aos cidadáns, de xeito que se protexan todos os idiomas que existen no Estado. Como ben manda a vixente Constitución (artigo 3.3): "A riqueza das distintas modalidades lingüísticas de España é un patrimonio cultural que será obxecto de especial respecto e protección".
E deixémonos de gaitas. Porque...: co galego non se xoga!
Ningún comentario:
Publicar un comentario