Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







martes, 30 de novembro de 2010

O conto de Estrela

Cando lle preguntan a Mirad Gundikî pola súa relación coa escola como falante do kurdo, el responde.
"Cando lin o conto de Estrela por vez primeira pensei: ésta é a miña historia"
Se queredes entender a Mirad Gundikî, teredes que ler o conto de Estrela, que é unha das historias máis bonitas e mellor contadas que eu nunca lin. Como di Sechu Sende, o autor, é unha historia escrita para Galiza, pensada desde o Kurdistán. E viceversa.



Gústame Mirad Gundikî, porque é un versus meu.
El é optimista.

Viaxe literaria

Van dúas cousas en relación a Sechu Sende. A primeira é ésta, por Pepa Baamonde García, en Terra e Tempo:

Na primeira  semana de novembro tiven ocasión de asistir á Feira do Libro de Estambul, (invitada como cotradutora pola editorial Avesta) onde Sechu Sende  presentou a tradución ao curdo e ao turco da súa obra "Made in Galiza". A edición curda, posta á venda o 17 de Maio deste ano con ocasión da Feira do Libro de Diyarbakir, tivo unha excelente acollida, indo xa pola sexta edición. É o primeiro libro traducido do galego ao curdo, sendo varios escritores curdos os que participaron na súa tradución. A edición turca púxose á venda na Feira de Estambul. Hai que sinalar que o curdo e o turco son dúas línguas totalmente diferentes e que a maioría dos curdos son analfabetos (como éramos as e os galegos até non hai moito) na súa propia lingua polo que a edición turca fíxose  totalmente necesaria.

Así mesmo, e tamén coa intervención de Sechu Sende ademais do editor da editorial Avesta, Abdullah Keskin e o tradutor ao turco Irfán Güler, fíxose a presentación das dúas edicións, o día 13 de Novembro en Diyarbakir, cidade situada no corazón do Curdistán Norte e a súa capital.

Tanto en Estambul como en Diyarbakir, a asistencia ao acto foi numerosa e tamén as intervencións, tendo que ser limitadas por falta de tempo, manifestándose así a preocupación pola lingua curda dunha parte e por outra o interese por un libro, escrito en Galiza, dende Galiza e para os galegos por un autor noso e recibido pola poboación curda como se fose escrito por e para eles. Así llo manifestaron a Sechu diferentes persoas: "o que dis no libro parece como se o escribira eu mesmo" lle dicían. Hai que destacar que na presentación feita en Diyarbakir, entre os numerosos asistentes estiveron presentes tanto profesores da Universidade como escritores curdos, contribuíndo desta maneira tanto o libro como a presentación, a un maior coñecemento mutuo da situación dos respectivos pobos.

Desde o primeiro de Xaneiro de 2008 os curdos de Turquía contan cunha canle estatal de televisión en lingua curda que cumpre a función de desarraigar aos curdos da súa propria cultura, asimilándoos na ideoloxía de Ataturk "Un país, unha língua, unha patria". O curdo está excluído oficialmente de calquera outro espazo público. Neste momento estase celebrando un xuízo en Diyarbakir contra 151 persoas, que está paralizado porque os acusados néganse a falar turco e a administración de Xustiza á súa vez négase a poñer un tradutor. Estas 151 persoas, entre as que se atopan alcaldes e ex-deputados están acusadas de pertencer a unha banda terrorista, foron detidos masivamente despois da derrota electoral de Erdogan.

Por primeira vez neste Curso na Universidade de Mardín fíxose unha selección de 20 persoas entre 600 aspirantes que están recibindo a formación académica que lles permitirá á súa vez ensinar curdo nas Universidades Curdas no ano próximo. O ensino da língua curda comeza así dende a Universidade, o máis alto nivel educativo, confían en que este sexa un primeiro paso e que progresivamente o ensino oficial do curdo se estenda a todos os niveis educativos.

Estanse dando outras iniciativas para a promoción do uso da língua curda como a organizada polo Concello de Diyarbakir. Publicou unha edición de contos en curdo para nenas e nenos, na que se inclúen tanto contos tradicionais curdos como outros pertencentes á literatura universal (subvencionado pola Deputación Foral de Araba). Co lema "Cada Noite, Unha Fábula", os pais lenllos aos seus fillos e fillas para que se familiaricen coa súa língua, o concello convoca periodicamente reunións coas nais e pais implicados nesta campaña, neste caso o lema é "Cada Casa, Unha Escola" para coordinar e dirixir as lecturas. Existen grupos de rap e rock que se dirixen aos adolescentes coas súas cancións, animándoos a falar en curdo.

Tamén este ano Curdistán está  convidado á Feira do Libro e do Disco Basco de Durango, que se celebra do 4 ao 8 de decembro. Estando convidados ao mesmo tanto escritores como editores curdos.

Entre todas estas actividades o libro de Sechu Sende é un elo máis dunha longa cadea que os nacionalistas curdos de Curdistán Norte están a promover na defensa da súa língua e a súa cultura e que pola resposta recibida manifesta que chegou ao lugar preciso no momento adecuado. Dado que tanto no que se refire á língua como noutros aspectos os problemas dos curdos como nación sen Estado -aínda que con considerables diferencias- son semellantes aos nosos, a mutua interrelación entre eles e máis nós maniféstase como de grande interese para ambos.

A nosa obriga con don Francisco

De entre as achegas pola morte de Francisco del Riego, quédome con esta, por X. H. R. Corcón, no Xornal:

A negra sombra de Rosalía de Castro volve a proxectarse sobre nós, sobre os galegos cun sentido do deber para coa nosa historia. Porque en tempos onde andamos tratando de fixar un rumbo claro para a travesía da nosa lingua e a nosa cultura, a carta mariña está perdida ou foinos roubada, e sen ela é difícil, e mesmo moi perigoso trazar o rumbo da navegación. E cando isto sucede só é posible que o barco chegue a porto sen encallar nos descoñecidos acantilados ou sen fender o casco nos agochados baixos, se no buque hai un patrón que sexa quen de navegar de memoria, sen precisar seguir o rumbo marcado na carta mariña, un patrón que coñeza o mar e a costa mellor que os ollos da súa amada, que saiba onde está cada pedra baixo as augas e onde cada saínte da costa penetrando no mar, sen un patrón así a embarcación quedará á deriva.
Nestes tempos sen cartas mariñas para a cultura galega, un dos homes, dos patróns que era quen de navegar a cegas, nas tempestuosas augas do autoodio que segue instalado no subconsciente de moitos galegos, do retroceso no uso da nosa fala, do desprestixio orquestrado das nosas letras e das nosa artes, e nas proclamas desorientadas de galegos ben intencionados, era Don Francisco Fernández del Riego, porque isto foi o que fixo toda a súa vida, navegar só guiado pola súa prodixiosa intuición e en diálogo coas estrelas, e sobre todo navegar posuído pola valentía dos navegantes máis intrépidos, aqueles que se atreven antes que ninguén a ir a mares nunca navegados. Navegacións intrépidas, arriscadas e valentes foi as que sempre realizou de xeito teimoso, sobre todo despois do trinta e seis, cando a galerna fascista sucou os mares todos destruíndo unha flota enteira de naves dispostas para traer á terra unha captura de ideas necesarias para o progreso e a prosperidade. Don Francisco na ponte do navío Galiza, navegou tendo que improvisar o rumbo no transcurso da propia navegación, e incluso tivo que inventar el mesmo os portos aos que chegar: O porto de Galaxia, de Grial, do 17 de Maio, da Fundación Penzol, da Academia Galega... e a todos estes portos conseguiunos levar con ben, que hoxe son portos indispensables na costa cultural galega. Pero o pasado día 26 o patrón da nosa nave foi relevado do seu posto, que o barqueiro das almas veu a chamalo para transportalo na súa barca ao outro lado do horizonte, e cando o barqueiro chama non é posible rexeitar o convite, e aínda podemos darlle grazas ao barqueiro que tardase tantos anos en chamar a Don Francisco, e que así puidésemos navegar sen medo tanto tempo sabendo que el estaba na ponte.
Agora volve a negra sombra a escurecernos e a tentarnos co medo por sabernos sen rumbo e sen patrón que manexe con destreza o leme, pero a este patrón debémoslle tanto que non podemos, baixo ningún concepto defraudalo, e temos que seguir a súa ensinanza. Ensinounos a navegar en mares tan adverso facéndoo no canto de con sextante co orgullo de ser galegos. Por Don Francisco Fernández del Riego temos a obriga de sentirnos orgullosos de ser galegos, e non o imos a defraudar, non podemos.

luns, 29 de novembro de 2010

Xornada da ciencia en galego no IES Elviña

Gustoume este vídeo no que se expoñen as actividades realizadas coa colaboración dos departamentos de Física-química e máis Tecnoloxía  e coordinados polo ENL do IES Elviña. Foi o pasado día 4 de novembro para celebrar a Xornada pola ciencia en galego ata lle fan pensar a un que isto da física é algo entretido. Vía Gavieiras.
Na web da Coorinadora de ENDL hai máis información sobre a xornada.

De que nos salvará o bilingüismo?

Outra resposta á proposta bilingüista do IGEA, desta volta por Carlos Callón, no Galicia Hoxe:

O pasado mes de maio presentei en Barcelona o meu libro En castellano no hay problema. No acto acompañáronme Sabela Labraña, profesora de Filoloxía Galega na Universitat de Barcelona, sempre animosa e dinámica, e Joaquim Arenas, un dos nomes chave no proceso de catalanización do sistema educativo, desde a súa responsabilidade como xefe do Servizo de Ensino da Generalitat entre 1983 e 2003.
Arenas é, pois, un dos que levou a cabo o maior éxito da lingua catalá desde a restauración da democracia: a implantación dun modelo de escola catalá en idioma e contidos, a chamada inmersión lingüística. Este modelo é referencial para a recuperación dun idioma minorizado. O seu exemplo, coas súas potencialidades e as súas dificultades, estúdase internacionalmente.
Na presentación do libro, Joaquim Arenas fíxonos rir, desde a súa ironía, e pensar, desde os diferentes exemplos que nos puña sobre como revitalizar unha lingua e sobre algúns problemas polos que pasou e pasa o idioma de Cataluña. Nun momento retranqueiro, exclamou: "El bilingüisme és pecat!". Fronte ás defensas dun irreal e narcotizador bilingüismo, manifestou que o futuro do catalán e do galego só podería pasar por un "monolingüismo axial": isto é, que a lingua propia das respectivas nacións teña un papel central, sen que iso sexa óbice para que os seus cidadáns coñezan cantos máis idiomas mellor. Coa exitosa experiencia que ten ás súas costas, Joaquim Arenas sabe ben do que fala.
Un paso atrás no debate
Lembrei as súas atinadas palabras cando a semana pasada o Instituto Galego de Estudos Europeos e Autonómicos (IGEA) presentou ante os medios de comunicación un relatorio sobre a situación da lingua galega e algu-nhas liñas xerais para o seu futuro. O que máis trascendeu deste documento foi a realización dunha relectura positivizadora do termo "bilingüismo", que considera central para a posibilidade de que o galego teña algún futuro.
O informe está asinado por Henrique Monteagudo coa colaboración de Antón Reixa. Non hai dúbida de que se trata de dúas persoas cunha coñecida sensibilidade pola lingua do país, mais penso que a mensaxe de fondo que lanzan é unha equivocación, aínda máis no momento actual en que nos encontramos, onde son máis necesarias que nunca as mensaxes unitivas.
Á parte de graves erros de diagnose, este documento supón un paso atrás, pois retrotráenos a un debate bizantino e testemuñalista, sen propostas de acción, que pasan a postergarse máis unha vez. No entanto, o principal dano que observo nese texto é que crea confusión ao xogar coa terminoloxía do inimigo (porque o inimigo existe, por certo).
De verdade se lle chamamos bilingüismo á diglosia a situación social mudará? Cando se deixará de procurar novas "fórmulas axeitadas" e se comezarán a aplicar desde as institucións, sobre todo quen puido ou pode? Alguén podería indicarme cal é a entidade ou cales son as entidades que defenden que as galegas e os galegos só saibamos galego? Non houbo nin hai políticas institucionais decididas a recuperar falantes e incorporar o idioma a novos ámbitos porque hai xente que defende(mos) que o discurso bilingüista é unha falacia do comezo ao final? Se o castelán é un idioma "común" (sic) e case tan galego como o galego, por que deben desenvolverse políticas para a súa restauración? Existen en Galiza grupos galego falantes fronte a grupos castelán falantes, como sinala este documento, que tamén indica que debe producirse un "previo recoñecemento mutuo" de ambos?
Son moitas as preguntas que un se formula despois de ler este informe, que vai na liña doutros documentos anteriores de Henrique Monteagudo, especialmente o titulado A ofensiva da dereita contra o galego, que divulgou a Fundación 10 de Marzo. Á parte de se manteren moitas das ideas centrais que agora difunde o IGEA, nesoutro texto había unha maior proliferación de termos denigratorios cara ao papel do movemento nacionalista na defensa do galego, p. ex.: "o nacionalismo veu padecendo unha propensión sectaria a apropiarse do idioma e da cultura de xeito monopolizador e en proveito propio, cunha perspectiva partidista". Esta crítica, que é tamén punto de partida, ten moito máis de prexuízo ideolóxico que de análise.
Non nos autoenganemos
No libro En castellano no hay problema, do que falaba ao comezo deste artigo, están incluídos varios textos que amosan unha visión crítica deste tipo de discursos (por exemplo nas páxinas 67-68, 224-228 e, especialmente, 237- -242). Nun momento, falo da "normalización sen normalización", partindo dunha reflexión moi interesante de ?i?ek, na que este pensador comenta a postergación eterna dalgúns intelectuais de calquera acto transformador. Finalizo con algunhas das liñas alí incluídas, porque parece que as escribín esta mesma semana:
"En calquera caso, non nos autoenganemos. Non é por falta de documentos, de plans, de escritos, de argumentario nin de corpus teórico forte e contrastado que a situación da lingua é a que é. Con certeza que hai erros na pedagoxía á hora de o transmitirmos sen que se manipule a mensaxe e, sobre todo, de o aplicarmos. Mais quen pense que pasarmos a exclamar que Galiza é "bilingüe", que a diglosia está desfasada e que o autoodio non significa nada nos vai facer gañar espazo social, cae nunha inxenuidade tremenda. Xogar coas regras do inimigo, cos seus conceptos pervertidos, promove o confusionismo e leva á derrota segura.
Converter en elemento central da acción normalizadora a procura de ábrete-sésamos e fórmulas máxicas sería un erro inmenso. Esta situación lémbrame a unha oportuna reflexión do pensador Slavoj Žižek: "A maioría dos académicos están obsesionados coa idea "A esquerda necesita novas respostas". Non é isto basicamente un "Queremos unha revolución radical, mais ao mesmo tempo queremos conservar as nosas prósperas vidas e seguir tranquilos?" Como precisamente xa o dixo algunha vez Robespierre: Queremos unha revolución sen revolución".
Defender o galego renegando de dar a batalla social real, e conflitiva, da súa restauración e extensión social, non é querer unha normalización sen normalización?".

Monolingüismo

Xa osmaba eu que a achega de Henrique Monteagudo traería respostas. Vai a primeira, por Xoán Costa, desde o Caderno Xeral da AS-PG:

Non sei por que, dun tempo a esta parte, xeneralizouse a idea de que abrir debates -non importa o tema nin o espazo - é algo necesario socialmente e case inherente ao propio comportamento democrático. Mesmo hai quen pensa que é posíbel debater en estado de ideoloxía pura, nun universo anterior ao Big Bang,  sen condicionantes externas que terxiversen o fío da argumentación.
Mais nada máis enganoso.
E cando eses debates se establecen sobre sinais de identidade como a lingua a cousa nace xa de por si desnaturalizada pois o propio uso dunha ou outra terminoloxía, dun ou outro concepto, dun ou outro punto de partida, condiciona o posicionamento dos debates e, polo tanto, os resultados.
 E ademais confunde.
Recentes informes sobre o futuro do galego sitúanse neste contexto de abrir debates sen máis e de crear confusión. Primeiro porque parten da idea de que os actuais discursos normalizadores, e non estamos a nos referir aos discursos oficiais senón xustamente a aqueles que levan anos traballando na restauración de usos do galego, están caducos, non serven por estaren ligados a ideoloxías algo pasadas de moda, cousa moi lonxe da realidade. Outra cousa é que non se teñan logrado o cento por cento dos obxectivos propostos, mais iso non invalida nin avellenta os discursos nin as propostas.


Por outra parte, a pretensión, ou as propostas, de alcanzar a competencia comunicativa en galego e castelán o conxunto da poboación, especialmente a través do sistema educativo, é algo tan fóra da realidade como aquelas propostas do Partido Popular, gobernando Don Manuel Fraga, que falaba de bilingüismo harmónico e que o Señor Feijoo transformou en bilingüismo cordial. O sistema educativo é unha ferramenta importantísima para a consolidación da competencia lingüística, sobre todo en contextos en que a lingua do sistema educativo é continuación da lingua ambiental, mais en contextos diglósicos o sistema educativo só representa unha pequena parte das posibilidades de restauración lingüística, se ben ten todas as posibilidades para a adquisición de competencia.
Estes debates de que falamos, difundidos en informes e redes sociais, pretenderían de dar carta de normalidade a políticas lingüísticas bilingüistas partindo da idea de que se a totalidade dos e das galegofalantes son bilingües, isto é somos individuos capaces de falarmos en galego e en castelán, tamén a totalidade dos casteláns falantes en Galiza deberán ser capaces de falaren en galego ou en castelán indistintamente. Fermosa teoría, mais na práctica o que condiciona o uso dunha lingua é o contexto e na sociedade galega actual os contextos están perfectamente delimitados e inclinados cada vez máis a favor do español. Porque vivimos nunha situación de conflito lingüístico -aínda que o termo poda parecer anticuado e contrario á cordialidade- e a diglosia, no seu significado clásico, funciona de maneira eficaz. A este respecto, podería pór un pequeno exemplo. Recentemente estiven ingresado no CHUAC nun servizo onde as enfermeiras (eran todas mulleres menos dous homes) falaban perfectamente galego e español. Son polo tanto un paradigma de competencia bilingüe. Mais cal é o uso das dúas linguas? Cos doentes de máis idade falan galego ou español dependendo de cal sexa a lingua do doente e con aqueles de menos idade, aínda que sempre lles falamos en galego, falaban invariablemente en español. Que é o que leva a esta situación? Obviamente os prexuízos lingüísticos propios de toda situación diglósica.
E aí é onde deben actuar primeiramente as políticas normalizadores, en marcar contextos de uso para o galego. Porque é evidente que, sobre todo a través do sistema educativo, podemos conseguir, nun espazo de tempo maior ou menor, que a totalidade da poboación de Galiza sexa competente en galego e en español. Mais pensar que de aí derivará unha situación en que se usarían indistintamente en calquera contexto unha ou outra lingua é pensar que podemos alcanzar a liña do horizonte. E é que, e perdoen a comparanza, para os falantes a lingua é como a relixión. Poderíamos pensar nunha sociedade ideal en que todas as persoas coñecesen, poñamos por caso, os principios cristiáns e musulmáns. O coñecemento de ambas as relixións seguramente aportaría concordia e respecto dos dereitos de cada quen, mais á hora do culto, á hora da práctica, cada persoa acreditaría no seu deus como o único verdadeiro. O mesmo sucede coa lingua.
Concordo con quen pensa debemos anovar o discurso sobre a lingua, mais utilizando o termo anovar  co significado da cultura agrícola,  mais dubido que a solución para o futuro do galego como lingua sexa aceptarmos a solución bilingüe, chámese este bilingüísmo harmónico, cordial ou restitutivo. Prefiro pensar nunha Galiza  maioritariamente monolingüe en galego, seguindo a tradición do galeguismo e acreditar que  Galiza ou é monolingüe en galego ou non será Galiza tal como a coñecemos e, algúns, a desexamos. Será outra cousa.

Entrevista a Ferrín

Fanlle unha entrevista de media hora a Ferrín en V Televisión e non lle fan ningunha pregunta sobre o recurso da RAG contra do decreto do galego, nin sobre a súa produción literaria. Os últimos minutos as cuestións que propón a entrevistadora son realmente penosas: a crise económica, a terminoloxía asociada a arraianos, o ourensanismo, cal é a palabra máis bonita do galego, se o nobel a Cela significou algo para Galicia... Aínda así na primeira parte da entrevista, Ferrín regálanos frases como as seguintes:
"Os poderes públicos foron enemigos do galego desde os Reis Católicos, sobre todo desde o reinado de Carlos I. O galego deixou de ser últil, como lingua allea ao poder."
"A RAG vive na indixencia"
"Se se esixira respaldar o galego coa mesma intensidade coa se esixe o AVE..."
"Galicia está nunha situación de Bonsai"
"Ti coñecerías infinidade de galegos que darían calquera cousa non só por olvidar o galego, senón por perder o acento galego... algúns conseguírono,... como Michael Jackson, que case conseguiu deixar de ser negro."

domingo, 28 de novembro de 2010

Davila versus Castelao

Luis Davila, reienterpretando a Castelao:
O ESCOLANTE ANDALUZ: ¿Cuánto año tiene?
- Non temos año ningún; temos unha ovella.

Bilingüismo e colesterol

por Antón Reixa, no Xornal:


Coraxe. O ruído non deixa atrás nin o eco das palabras. Invadiunos o barullo dunha política lingüística negacionista e restritiva. A coraxe saíu á rúa e, cando menos, conseguiu que a Xunta nin se esforce demasiado en aplicar as súas propias ruindades lexislativas contra a normalización lingüística. O mal xa está feito e o peor, ademais da literalidade dos recortes, é a pésima actitude cara o galego da máis importane institución de Galicia (a Xunta): o galego vén ser para eles un incoveniente reducible á categoría de especie en extinción.

Por iso, no medio desta insoportable apatía e cando a rotundidade da crise económica ameaza con expropiarnos mesmo o pensamento, desde o Igea, botando man do talento sociolingüístico de Henrique Monteagudo e co apoio de máis dunha ducia de personalidades do galeguismo político puxemos en circulación un informe (igea@igea.eu.com) que poida alumear unha estratexia nova, que abra un debate que chame as cousas polo seu nome e que alimente a esperanza.
Porén, que non se confunda esperanza con inxenuidade nin propostas en positivo con entreguismo. A situación do idioma acende todas as alertas e nin sequera o concepto que poñemos en circulación de “bilingüismo restitutivo” é compracente coa política da actual Xunta porque segue pasando tamén pola restitución completa da lexislación derogada e reivindica, nomeadamente, maior intensidade na súa aplicación. Habería que modificar tamén a tendencia a enquistar o debate da normalización no ámbito académico da filoloxía ou a limitalo ao ensino e a administración.
Falemos da lingua en termos de valor social, de riqueza, de diversidade cultural e de autoestima colectiva. Non vale nin a malicia de querer sobrepasar eufemisticamente un conflito e unha carencia individual e colectiva cunha lexislación que degrade a auténtica liberdade lingüística, nin encirrarse na fantasía dunha futura Galicia monolingüe en galego que nunca vai ter lugar e que, se cadra, sería case tan indesexable como unha Galicia monolingüe en castelán sobre as ruínas dun galego coa categoría de lingua morta.
Os galegofalantes somos os únicos bilingües efectivos e conformamos o perfil dunha cidadanía idiomaticamente solidaria: as dúas linguas en curso no noso país póñennos en conexión coa lusofonía e coa comunidade hispana. Podemos comunicarnos con millóns e millóns de seres humanos. Falemos da lingua coa serenidade sincera do pensamento e co corazón dos que amamos a diversidade e a liberdade. Calquera cousa menos quedármonos a soas e en silencio pasivo co tesouro lingüítico que nos cómpre defender.

MELANCOLÍA. A miña melancolía de galeguista republicano invoca hoxe a memoria de Paco del Riego para manifestar que o bilingüismo é como o colesterol: haino do bo (o de restitución do galego) e do malo malísimo (o de substitución, que perpetúa a marxinalidade do idioma).

O galego suma, o galego integra

A parte do artigo de X. A. Pérez Lema, avogado, que ten que ver coa lingua,  no Xornal:


O informe do Igea a respecto do proxecto de futuro para a lingua (que redactou o profesor Monteagudo coa axuda de Antón Reixa) tenta reconsiderar en positivo algúns dos conceptos comúns do discurso a respecto da lingua nos últimos trinta e cinco anos.
Deste xeito, considérase que a normalización do galego como lingua propia e nacional require, nomeadamente, contar coa vontade individual dos que usan do galego. Velaí que o obxectivo básico de calquera política normalizadora ha de ser o aumento continuo no número de cidadáns que vivan en galego.
Considérase, asemade que non é factíbel xa achegarmos a un monolingüismo social, senón que a potente política normalizadora que defende o informe, para discriminarmos favorabelmente o galego, hanos dirixir a un reequilibrio que prestixie e dignifique o idioma nun contexto bilingüe. Non, certamente, no contexto do bilingüismo de substitución que constitúe unha etapa cara á liquidación da lingua, senón no bilingüismo que parte da súa minorización para, a medio da aplicación firme e efectiva da devandita possitive action, acadar a súa igualdade real.
Outra achega importantísima do informe de Monteagudo é o emprego do galego como a nosa ponte sobranceira cara á lusofonía. Achega de grande capacidade de transformación política (por exmplo, a integración nas aulas de galego do ensino do portugués-brasileiro, a participación de Galicia como observador canda os demais países lusófonos na CPLP) que mesmo é quen de crear espazos de traballo común coas tendencias reintegracionistas.
Os principais bilingües na Galicia somos os que usan o galego. Xa que logo, semella útil referenciarmos en positivo este concepto e non o entrar ao discurso dos extremistas galegófobos que tentan liquidar a nosa lingua, a nosa economía e a nosa nación.

sábado, 27 de novembro de 2010

Fronteiras

Estamos na fronteira con Galicia, do lado que administrativamente se considera Asturias. Os problemas territoriais e identitarios abrollan sobre todo por medio dos conflitos lingüísticos.
Documental realizado no 2006. Un dos informantes que aparece no vídeo comenta que a situación sociolingüística da zona é hoxe comparable á que se vivía en toda Galicia 30 anos atrás. Para reflexionar.



E se a alguén lle quedan ganas de seguir profundizando no tema, pode ir ao post "Fronteiras, marabilloso documental", no que hai un vídeo do mesmo título, realizado por Rubén Pardiñas no 2007. Para non perdelo.

Morreu Francisco Fernández del Riego


Morreu Francisco Fernández del Riego, un dos fundadores de Galaxia, pero sobre todo, o renovador da RAG. Fixo que pasara de ser Real a Academia e Galega. Os profundos cambios que realizou na súa etapa de director da mesma foron os que abrirían as portas a que hoxe unha RAG renovada emita un informe que destroza as Bases para o decreto de plurilingüismo ou que actúe en defensa da cultura galega presentando un recurso contra o funesto decreto.

De seguido, unha escolma de ligazóns sobre a morte do intelectual galeguista.


Cultura Galega: Morre o intelectual Francisco Fernández del Riego 

A Nosa Terra: Paco del Riego, a morte dun galeguista de ouro
A virtude civil e patiótrica de Paco del Riego
Galicia Hoxe: "Exemplo de compromiso"

Xornal: Falece Fernández del Riego, impulsor de Galaxia e a “gran beizón” da RAG

O seu "fogar cultural"
Vídeo de Memoria da Galiza
P.S.: A nosa obriga con don Francisco por X. H. R. Corcón, e que eu recomendo moi especialmente.
A dama negra e don Paco por Alfonso Vázquez Monxardín.

Bilingüismo

para completar a sobre-dose de Henrique Monteagudo, un novo artigo, do Xornal:


>> Extracto do informe do IGEA ‘Por un proxecto de futuro para o idioma galego. Unha reflexión estratéxica’, elaborado por Henrique Monteagudo coa colaboración de Antón Reixa, e coas adhesións de Luís Tosar, Manolo Rivas, Suso de Toro, María Xosé Porteiro, Teresa Táboas, Xoán Antón Pérez-Lema, Manuel M. Barreiro, Encarna Otero, Margarita Ledo, Miguel Barros, Víctor Freixanes, Antón Baamonde, Fermín Bouza, Rafael Cuiña, Xosé Manuel Pereiro, César Portela e Manuel Gallego Jorreto.
A renovación do proxecto e do discurso de defensa e promoción do galego debe ter como obxectivo reverter a pauta actualmente dominante de bilingüismo substitutivo ou desgaleguizador, por un bilingüismo restitutivo ou de recuperación, isto é, regaleguizador. Este segundo tipo de bilingüismo é, de feito, o único que permitirá frear a minorización progresiva, e finalmente a desaparición do galego. E este tipo de bilingüismo non pode fundarse nunha actitude neutral dos poderes públicos, no sentido de fomentar un aparente equilibrio entre o galego e o castelán xusto nos dominios en que a acción do estado pode ser máis eficaz (administracións públicas, sistema educativo), pois esta actitude en realidade validará a actual marxinación ou subordinación do galego nunha serie de dominios clave da vida social (educación superior, medios de comunicación, ámbito profesional, laboral, comercial e financeiro, lecer e cultura de masas), e por tanto acompañará o decadencia do idioma propio do país, sen ningunha posibilidade de revertela.
O tipo de bilingüismo que propugnamos deberá tender a un tratamento equitativo (non un falsamente equilibrado) dos dous idiomas, o cal significa que aplicará políticas de acción afirmativa (discriminación positiva) a favor do que se atopa en situación máis desfavorable, o galego, unhas políticas que se apoian na consideración deste como idioma propio do país, tal como sinala o Estatuto de Autonomía de Galicia, e que se dirixirán a manter e incrementar a súa vitalidsade e a súa plena normalización. Para conseguir un tipo de bilingüismo restitutivo ou equitativo, que non sirva de trámite de transición cara á desaparición do galego, é preciso que ao galego se lle outorgue unha posición de preferencia nalgúns sectores, como as administracións e os medios de comunicación públicos e o sistema educativo (ao menos, o non universitario), que veña a compensar a posición subordinada en que se atopa noutros (nalgúns dos cales, coma os medios de comunicación privados, pola propia lóxica das cousas, dificilmente poderá equiparase co castelán).
Tratarase, pois, da inversa do bilingüismo substitutivo ou desgaleguizador que agora predomina, isto é, dun bilingüismo restitutivo ou regaleguizador. Debemos ter en conta que o sector galegofalante da poboación xa é necesariamente bilingüe, pois a presenza pervasiva do castelán na vida pública e nos medios de comunicación garante que é aprendido por todos e asegura que todos deben usalo nun ou outro contexto social. O mesmo non se pode dicir do galego: hai espazos e medios sociais do noso país (o centro das maiores cidades, por caso) en que a súa presenza ambiental é tan escasa, que resulta case unha lingua estranxeira para as persoas que se moven fundamentalmente neses ámbitos. Por iso resulta tan importante impedir que determinados sectores sociais privilexiados consigan patrimonializar o concepto de bilingüismo cando en realidade eses sectores unicamente aspiran a vivir en Galiza ignorando o galego. O único xeito de garantir a igualdade entre os dous idiomas é incrementar a presenza, visibilidade e utilidade do galego e non reducila. Deste xeito, tamén a totalidade do sector castelanfalante da poboación acabará sendo bilingüe, pois se sentirá motivado para aprender o galego e se lle ofrecerán ocasións para usalo.
O bilingüismo restitutivo que propoñemos implicará a difusión da competencia comunicativa en galego e castelán ao conxunto da poboación, basicamente (pero non só) a través do medio educativo. Incentivará a motivación dos castelanfalantes para utilizar o galego, ao menos en certos contextos laborais/profesionais e públicos (nomeadamente, os relacionados co emprego público e os servizos ao público). E buscará multiplicar as ocasións de uso da lingua do país, especialmente para os sectores de idade máis novos, incidindo non só no sistema educativo, senón tamén nas actividades de lecer.
As políticas públicas de promoción da lingua galega e a estratexia política de promoción da nosa lingua non poden estar maioritariamente destinadas a galvanizar os lexítimos sentimentos dos que xa son galegofalantes, senón a saber interpelar e implicar os sectores castelanfalantes de Galicia, que dun xeito amplamente maioritario manteñen actitudes positivas cara ao galego e senten a necesidade da súa recuperación. Hai que procurar as fórmulas axeitadas para fomentar esas actitudes positivas, refugando fomentar o rexeitamento cara ao galego, e apoiarse nesas actitudes favorables para facilitar a adquisición de competencia comunicativa na lingua, e traducir esta nun uso efectivo do galego ao menos nalgunhas interaccións sociais

venres, 26 de novembro de 2010

Informe: "Por un proxecto de futuro para o idioma galego"

Hai un par de artigos de Henrique Monteagudo que se me pasaron: Idioma en ´stand-by´ e p  De vagar chégase lonxe. Decateime do despiste hoxe ao ver que Henrique Monteagudo presentou un documento no que contou coa colaboración de Antón Reixa do que dan notica todos os medios de comunicación [1, 2] Trátase do informe "Por un proxecto de futuro para o idioma galego. Unha reflexión estratéxica" presentado polo IGEA. Dará que falar, pero pregúntome se lle vai dar que falar aos que teñen na súa man a dirección da política lingüística.
 As  liñas principais deste documento  pasan por:

1. Nós entendemos que o conflito lingüístico non é inherente a toda situación de bilingüismo social, senón que aparece cando se produce a mobilización dun grupo ou sector discriminado que aspira á igualdade, e esta mobilización desata unha reacción á contra de parte do grupo privilexiado[...] Pero o conflito lingüístico non necesariamente desemboca na imposición dunha lingua e a liquidación da outra, senón que pode irse resolvendo mediante sucesivos acomodos que os grupos atinxidos consideren aceptables, e que signifique melloras cara a unha situación xusta e equitativa.
2. [consideremos o] modelo inspirado no ideal do estado uninacional e a nación monolingüe: unha nación = un estado = unha lingua. Pero este ideal non pode considerarse universal; pola contra, xurdiu nunhas coordenadas históricas e xeográficas moi concretas (a Europa do século XIX). Non pode pretenderse que sexa aplicable ou desexable para calquera situación. [...] a estas alturas do século XXI resulta simplista considerar o castelán unha lingua estranxeira no noso país, tendo en conta os varios séculos de convivencia co galego e sobre todo a súa implantación social.[...]o modelo de cooficialidade fundado estritamente no principio territorial, e a creación dos correspondentes espazos monolingües (en castelán, galego, catalán e eusquera) non parece unha solución nin realista nin acertada.

Carolina´s skirt has a lirzard painted

Non é a primeira vez que destaco ao  Fala Londres, un blogue de traballo das aulas de lingua e literatura galega do IE Cañada Blanch, en Londres. Ata alí chegou a noticia de que o espíritu do decreto chamado de plurilingüismo, (que por vez primeira desde a dictadura franquista,  prohibe o uso de materiais didácticos en galego) materializouse no disparate de que os nenos de 5º de primaria están aprendendo nas aulas a cantar "La falda de Carolina".
Os pequenos londoners, tamén de 5º e 6º de primaria, fixeron un traballiño que deixo aquí para que o apreciedes, (e, tamén, por que non?, para que os felicitedes). Antes de ver o vídeo un pequeno AVISO:
Á xente normal: en Choose Language, escoller Galician.
Aos responsables da Xunta da política lingüística e da política educativa: en Choose Language, escoller English (e a ver se así entenden).

xoves, 25 de novembro de 2010

Os obxectivos do decreto de plurilingüismo

Do funesto decreto chamado de plurilingüismo:


Con periodicidade anual, despois de finalizar o curso escolar, a consellería competente en materia
de educación avaliará os resultados derivados da aplicación deste decreto e desenvolverá cantas disposicións fosen precisas para o mellor cumprimento e adaptación dos seus obxectivos co fin de que poida achegarse gradualmente ao marco dun ensino plurilingüe e á plena aplicación da Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias.

Mentiras certas

23 de novembro do 2010. Sobre o "Ciclo Lingua e Xuventude, un debate para o futuro" promovido pola Deputación de Ourense, a Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) informa que Anxo Lorenzo destacou que:
“O galego xa ten un prestixio cultural consolidado, agora cómpre insistir no seu prestixio social” e que [...]fixo fincapé na importancia de transmitirlle a lingua galega ás novas xeracións de falantes


Transmisión? Prestixio? Un pregúntase cal pode ser a credibilidade do autor destas palabras sabendo que é o mesmo que hai menos dun ano presentaba todo cheo de razón unhas Bases para o decreto de plurilingüismo no ensino no que establecía ideas tan favorecedoras tales como a desgaleguización das oficinas administrativas dependentes da Consellería de Educación ou o establecemento dun obxectivo  fundamental unha redución do uso do galego no ensino ata situalo baixo unha cota superior do 33%.


Pero claro, sabendo que: esa mesma SXPL informaba, con data do 14 de setembro, que o propio Anxo Lorenzo xunto con Jesús Vázquez na súa visita a Bruxelas destacaban que:
A comisaria europea de Educación, Cultura, Plurilingüismo e Xuventude, Androulla Vassiliou, amosouse “plenamente satisfeita” pola política lingüística que está a desenvolver a Xunta de Galicia


e sabendo que: a prensa de hoxe informa que 
Vassilou deixou claro onte que “non pode interferir en ningún caso nas políticas en materia de lingua dos estados nin autonomías ao non ter competencia na materia” [...]que “non pode valorar nin avalar” as decisións políticas, pero que “tampouco pode controlar as declaracións que se fan despois das xuntanzas” con ela.


un comenza a ter a certeza de que se le algunha información na web da SXPL, non se equivocará nada se considera que o contrario do que alí se afirma será o realmente certo.
P.S.: tamén pensei en titular este post como Certas mentiras

mércores, 24 de novembro de 2010

Concerto pola nosa língua no ensino

Encerados en galego

O colectivo de facebook Profes co galego anda metido nunha campaña para a que solicita do profesorado de ciencias antes do 4 de decembro (un mes despois da xornada da ciencia en galego): 
1. Tirade unha fotografía ao encerado coa vosa materia en galego.
2. Envíádenola a profescogalego@gmail.com
3. Non imos indicar de que centros son as fotografías, pero faremos unha montaxe de vídeo para mostrar que a lingua segue viva nas aulas.


E do resto do profesorado, ou do mundo está invitado a:
 mandar calquera fotografía que consideres defende o uso do galego nas ciencias e na tecnoloxía ou contra o decreto [de plurilingüismo] en xeral.




Os premios (nacionais) da cultura galega

por Iria Taibo Cosarnego, en Terra e Tempo:

A reacción de Fernández Paz ante o Premio da Cultura Galega obriga de algún xeito ao resto dos premiados a tomar postura, pois tanto significa definirse como non facelo.

Novamente este goberno nos obriga a reflexionarmos sobre o noso posicionamento ante as distintas formas de presión que exercen os seus responsábeis contra a nosa cultura.

Desta vez, trátase dos premios da Cultura Galega, outorgados pola Consellaría de Cultura e Turismo. O goberno bipartito creara estes premios, baixo a denominación de Premios Nacionais da Cultura, e o goberno de Feixóo pasou un ano sen entregalos, ademais de mudarlles o nome, seguramente coa saudábel intención de evitarnos aos cidadáns molestias e confusións. 

Porén, o do nome non é o único cambio significativo. Cando os premios foron creados, cada unha das oito categorías entregaba un premio de 15.000€. Nesta ocasión, a dotación económica desaparece por completo. Xa sabemos que en tempos de crise económica hai certos gastos que un goberno que se preocupa pola cidadanía debería limitar ou mesmo eliminar. Un dos gastos normalmente considerados accesorios ten que ver co apoio á cultura, pois podería parecer que da cultura parece que non come ninguén, nin dá postos de traballo e tamén é verdade que algúns dos seus representantes resultan ben molestos. 

O rescate á Fundación Cela para evitar a súa quebra, porén, é diferente. O pasado domingo o xornal máis vendido en Galiza indicaba que só este rescate nos custa a todos nós 230.000 euros, á parte das enormes cantidades entregadas durante 2010 para financiar actividades desta deficitaria fundación (case 300.000 euros). Seguramente os argumentos dos responsábeis de Cultura no goberno autonómico teñen que ver con que a Fundación Cela protexe (non demasiado ben, polo visto) o legado dun Premio Nobel e que estes bens non deberían saír de Galiza. Seguramente esta xenerosa achega económica é o único xeito de evitalo. Mais as persoas que escriben en galego parece que para os nosos gobernantes actuais non merecen tantas medidas de protección.

Un xeito de "contentar" precisamente este grupo de exóticos que escriben en galego pode ser precisamente outorgar a un deles, Agustín Fernández Paz, este premio Cultura Galega das Letras. A cuestión é que este escritor tomou a decisión de non aceptar o premio. Ou mellor dito, decidiu rexeitar o Premio, consciente do negativo traballo que está a facer o goberno galego en todo o relacionado coa cultura e a lingua do noso país. Este rexeitamento fíxoo Fernández Paz en voz alta e cos argumentos enriba da mesa. 

Resulta interesante, coido, reflexionarmos sobre as distintas maneiras de actuar ante esta situación concreta. A reacción de Fernández Paz obriga de algún xeito ao resto dos premiados a tomar postura, pois tanto significa definirse como non facelo. Igualmente, tamén nos obriga a nós, como espectadores desa reacción, a decidirmos se concordamos ou non: pensamos que os axentes da cultura galega (escritores, editores, cineastas, artistas, etc) deben tomar partido ou é esta unha postura que esixe unha dose de heroísmo excesiva e debemos simplemente agardar tempos mellores?

Chámome Yu Ming

Irlanda foi durante moito tempo o exemplo do avance económico. Agora, de súpeto é o paradigma do contrario. Isto é un versus, algo polo que teño un gusto especial. Mais este blogue non trata da política económica, mais si da lingüística. Cal é a situación lingüística deste país?
O irlandés (ou gaélico-irlandés) é lingua oficial da Unión Europea , no entanto a súa situación é agonizante. No mapa da esquerda están marcadas en marrón as zonas nas que aínda o irlandés pode ser considerada unha lingua habitual. Do pequenas que son, é moi probable que algún dos que remexa neste blogue non sexa quen de enxergar as áreas marcadas para esta língua. E iso que o irlandés é a primeira lingua oficial recoñecida pola Constitución de Irlanda, sendo o inglés a segunda. Velaí que unha cousa son as leis e outra a realidade.
Un bo relato do estado de cousas no referente ao aspecto lingüístico témolo no artigo de Edelmiro Momán, "Como na Irlanda?"
Con estes antecedentes, teño que recomendar a seguinte curta, que vin hai algúns días no blogue de Manuel Bragado:

martes, 23 de novembro de 2010

Témoslle Lei

Un dos ámbitos máis desgaleguizados da sociedade é o da xustiza. Por poñer un exemplo, a docencia en galego na facultade de dereito da USC, estaba nun 8,67% no curso 2008-2009. Á vista destes datos non podo deixar de falar de que ata aquí non chegaron as ansias equilibristas dalgúns.
Co obxectivo de dar pasos na, desde a Comisión de Normalización da Facultade de Dereito da USC elaboraron un plan con 42 medidas para levar a cabo ata o 2012. Entre elas está a campaña "Témoslle lei", dirixida desde a web que se atopa tras a ligazón. Un pequeno chanzo na boa dirección.
Un dos recursos da campaña é o seguinte vídeo. Para ver. Nel varios profesionais do mundo da xustiza e da administración pública, así como profesores do centro opinan sobre a utilización do galego neste eido e animan a utilizalo en maior grao. Participan: Carlos Varela (fiscal xeral de Galicia), Luís Villares (xuíz da Fonsagrada), Paz Filgueira (maxistrada do Social en Santiago), Evaristo Nogueira (decano do Colexio de Avogados de Santiago), Xaquín Monteagudo (secretario do Concello de Outes) e os profesores da Facultade Antonia Nieto Alonso (coordinadora da Comisión de Normalización Lingüística) e José A. Gómez Segade (catedrático de Dereito Mercantil).
Pois iso, témoslle lei. A ver se é verdade que a temos.


Témoslle Lei- Os profesionais opinan from temosllelei on Vimeo.

Do CERN a Compostela

Parece o título dunha poesía de Uxío Novoneyra, e de certo que o sería se el, no canto de ser do Caurel, tivera as as súas orixes no acelerador de partículas. Sería un Uxío muónico.
Con motivo da primeira edición da Xornada pola Ciencia en Galego, a Coordinadora Galega de ENDL e o Departamento de Física de Partículas da Universidade de Santiago de Compostela organizaron esta videoconferencia con investigadores galegos do CERN (Xenebra) e da Facultade de Fisica da USC, que explicaron os proxectos científicos que desenvolven na actualidade. A videoconferencia tivo lugar o 4 de novembro de 2010 e nela participaron Carlos Salgado dende o IES de Porto do Son, Elena González Ferreiro (Fac. de Física da USC) e Teresa Fonseca e Abraham Gallas (CERN - Xenebra). As súas intervencións foron seguidas por máis de 2700 alumnos e alumnas dende 60 institutos e colexios de toda Galicia. A Unidade Multimedia e TIC da USC fixo posíbel este multitudinario encontro a través da rede.


Do Cern a Compostela coa Física de Partículas from Coordinadora Galega ENDL on Vimeo.

luns, 22 de novembro de 2010

Novo Planetaki

Unha das mellores ferramentas da blogosfera galega é o Planetaki de ENDL. Agora, da man da Profa, Pilar Ponte, teremos un novo recurso para coñecermos que é o que están a cocer os profesores galegos desde os seus respectivos blogues, trátase do Planetaki Prof@s Galeg@s. No momento de escribir este post xa había 39 blogues na lista do novo Planetaki, e sen ter unha bóla máxica a man, podo aventurar sen medo a meter a pata que o número vai multiplicarse varias veces nas vindeiras semanas.
Desde esta Carta Xeométrica manteremos unha ligazón permanente a esta fiestra que de seguro vai estar chea de novas ideas.
Grazas, Pilar.

Escritores xenerosos

por X. H. R. Corcón, poeta e guionista no Xornal:


Creo firmemente que a literatura e a poesía galega están feitas por escritores altamente xenerosos, e creoo así pola miña experiencia no trato con moitos deles, aínda que un escritor amigo me comenta que son algo inxenuo e por iso creo que todos os demais escritores teñen ese comportamento xeneroso.
Ao marxe do trato persoal, creo que a cuestión está en porque se dedican á escrita en lingua galega, e que é o que esperan acadar disto. Hai unha carta que en 1320 un grupo de escoceses escriben ao Papa Xoán XXII, en defensa da independencia de Escocia, e nela din: “Non é en verdade por gloria, nin por riqueza, nin por honores polo que loitamos, senón pola liberdade”. E así é polo que os escritores galegos fan o seu traballo, non pola gloria, nin por honores, nin por riquezas, senón pola liberdade. Xa sei que é certo que algo inxenuo son, pero a pesar de selo, sei que hai escritores galegos que perseguen a gloria, os honores a as riquezas, pero francamente ser escritor galego para acadar estes fins é estar un pouco errado. Os que saben que significa realmente escribir en galego, son os que penso que teñen ese comportamento altamente xeneroso. Poñerse ao servizo dunha cultura, a galega, escribindo para aportar un humilde grao de area a súa continuidade, é sen dúbida a motivación máis estendida, ademais da evidente paixón intima e persoal de ser escritor ou poeta, iso que se define polo que dicía Ernesto Sábato, que o verdadeiro escritor é aquel que se non escribe sente que morre.
Pois aquí conxúganse ambas cousas: a necesidade vital de escribir e a necesidade vital de servir a unha cultura e un pais. Un exemplo de que moitos dos nosos escritores son así, de que non se moven pola procura da gloria, os honores e a riqueza, é sen dubida o altamente xeneroso Agustín Fernández Paz, que acaba de rexeitar os honores e a gloria, do Premio da Cultura Galega no apartado de Literatura, e que rexeita tamén, cónstame, o protagonismo que este feito lle está ocasionando, o que amosa máis claramente que se escribe é pola liberdade, non por acadar notoriedade.
Pero non escribo isto para falar deste Premio, nin para facelo dos motivos de Agustín Fernández Paz para rexeitalo, fágoo para falar do que expresaba nas primeira liñas, de como temos a sorte de contar con escritores que non escriben en clave persoal senón en clave de país, isto é dende unha visión global dos intereses da sociedade á que pertencen, porque aínda aqueles que podan pensar que Agustín Fernández Paz se equivoca ao rexeitar o premio, supoño que en todo caso terán a capacidade de darse conta que non o fai por unha cuestión persoal, senón por un sentido do compromiso, no que el cree, cos homes e mulleres que conforman a sociedade na que vive, o que é sen dubida un exercicio de xenerosidade, e espero que os que non compartan a súa decisión saiban entendelo.
Para rematar quero desculparme con Agustín, por facelo protagonista do meu artigo nun momento en que iso é o que el menos desexa.