Esperan que o seu libro se converta nun referente para solucionar as dúbidas dos rapaces de primaria e secundaria. Amantes do idioma, aseguran que non só recolleron vocábulos cultos senón tamén palabras malsoantes, como mamón ou carallo, que forman parte da lingua, así como moitos neoloxismos propios do cambio tecnolóxico que vivimos como CD-Rom
dous experimentados filólogos, Benxamín Dosil e Xesús Riveiro, que ademais contaron coa colaboración das tamén filólogas Rosario Baleirón Sóñora e María Xosé Quintás Vigo. Foron dous anos anos de investigación que ós autores, funcionarios de carreira e cun longo currículo as súas costas, lles deixaron sensacións "agridoces". O dicionario recolle todo tipo de voces, incluso aquelas da lingua vulgar, porque para Dosil e Riveiro "tamén forman parte do idioma". Os autores, que non se puxeron límites nin aceptaron censuras, explican como se fai un texto destas características e tamén reflexionan sobre a situación da nosa lingua asegurando que "arrastra un complexo erróneo de autoxenreira".
Por que que decidiron realizar un dicionario escolar. Viron a necesidade ou un oco no
mercado?
mercado?
Xa  temos feito algún que outro traballo lexicográfico, mais cando un se  mete a elaborar un compendio destas características ten que ter claras  polo menos dúas cousas: seguir o ronsel dos mellores corpus publicados e  esforzarse por achegar aspectos novos, ou pouco traballados nos  anteriores, para non ofrecer un dicionario máis. De por parte, e dun  modo máis xeral, queremos ver nesta achega unha contribución máis a prol  do galego, nun momento especialmente difícil. Trátase de traballar en  positivo, de ofrecer ferramentas para que se converta no idioma habitual  que debería ser. Canto máis sumemos, e cantos máis sexamos a sumar,  máis valor achegaremos ao idioma. Velaquí o principal motivo que nos  levou a elaborar esta obra.
En que se diferencia un dicionario escolar dos outros? Que novidades presenta en canto a estrutura, contido e formato?
Este  dicionario foi pensado para os estudantes de ensino obrigatorio, con  entradas e definicións axustadas ás súas necesidades. Tamén se  silabearon todas as voces, anotáronse os principais usos das formas  incluídas e recolleuse outro tipo de observacións gramaticais,  ortográficas e semánticas que orientarán a persoa usuaria na súa  consulta. Logo, déuselle unha forma manexable para a poboación escolar,  que se mantivese aberto só, e que tivese un aspecto agradable.Canto tempo levou elaboralo? Foi unha tarefa ardua?
Ollando  para atrás, os preto de dous anos de traballo deixaron sensacións  agridoces. Estruturar o proxecto e enchelo de contido fíxonos tomar  decisións moi laboriosas que ao final viraron acertadas. Arestora, é  mágoa ver algunha pequena gralla que non demos detectado a tempo e que  emendaremos.
Non pensaron en levar a cabo unha edición electrónica?
Non se desbota nun futuro unha edición en formato electrónico xunto coa versión en papel.Cal é a maior dificultade para confeccionar o dicionario?
Hai que ter claro o obxectivo, pois non é igual unha enciclopedia ca un dicionario técnico ou terminolóxico. Unha vez definido o que se quere facer, entra o como: delimitación do corpus, ou sexa, que entradas se van incluír e razóns para desbotar outras. Logo vén o traballo de definir, e aí entran en consideración aspectos como os destinatarios, o carácter normativo, a extensión, etc.Cal é a base do corpus?
Ademais  de diversos libros de texto escolares, as referencias fundamentais que  tomamos foron outros dicionarios equivalentes publicados en galego e  mais en castelán e portugués.
Existe censura á hora de incluír ou non incluír entradas?
A única limitación, que non censura, vén como consecuencia do ámbito de uso que vaia ter o 
traballo.
traballo.
Incluíronse anglicismos. Que criterios usaron para 
discriminalos?
discriminalos?
Recóllense  en cursiva varios centos de anglicismos de uso común non aceptados pola  norma, coa dobre intención de ofrecer solucións máis acaídas para o  galego que as do inglés en casos como cake, dribbling, christmas ou compact disc; ou, cando menos, unha definición ou explicación do significado de cada forma, como en ketchup, lobby, rappel, zapping, etc.
Caben as palabras malsoantes dentro deste dicionario?
Xaora.  Unha boa parte das palabras cualificadas dentro do nivel de lingua  vulgar son malsoantes ou impropias de seren empregadas en contextos  formais. Pero son parte da lingua e por iso se recollen voces como  cabrón, puta, carallo, mamón ou foder.
Incluíronse termos das novas tecnoloxías como ‘web’, ‘hipertexto’...?
Moitas  das palabras estranxeiras recollidas son neoloxismos de forma ou de  significado vinculados coas novas tecnoloxías, mesmo siglas e outras  abreviacións de emprego frecuente, como ADN, bit, CD ROM, DVD, Internet,  LAN, módem, OCR, RAM, etc.
Hai palabras para definir sensacións como a saudade?
Esta  voz, os seus sinónimos e outras palabras que teñen un carácter marcado  de pertenza a unha cultura foron especialmente coidadas no tocante á súa  definición e tratamento. Coidamos que este aspecto lle pode engadir ao  dicionario un xorne máis de noso. Isto podémolo facer extensivo á  fraseoloxía máis enxebre, a construcións preposicionais, etc., porque o  que é distinto é enriquecedor.
Inflúen os factores políticos nas definicións dalgunhas palabras?
Nós  traballamos no corpus, e desde esta perspectiva cremos que non. Como  dixemos máis arriba, o único límite márcao o enfoque de traballo que se  adopte; mais non cabe dúbida de que os lexicógrafos, do mesmo xeito que  os xornalistas, deben estar moi atentos ao status ou realidade sociolingüística, onde cada pouco aparecen novas denominacións, como vemos estes días con "electrolineiras".
Pódese ser obxectivo á hora de definir un termo?
A  linguaxe é un mecanismo humano que pretende representar ou expresar  aspectos da realidade, polo que o contexto e o punto de vista adoptado  desempeñan un determinado papel cando definimos. Se estamos en Galicia e en galego, temos que definir facendo un esforzo por expresar o mellor posible esta parte do mundo que nos rodea e non outra. A partir de aí, a definición debe ser imparcial e o máis obxectiva posible.
É válido refuxiarse naquilo de "... é que na miña zona dise así"?
O  corpus dun dicionario normativo ten que pasar pola peneira da norma,  tanto as formas como os significados; polo tanto, todo aquilo que sexa  normativo e deba incluírse, será admitido facendo boa a máxima da Real  Academia Galega de "colligit, expurgat, innovat".
Algúns lingüistas ven o castrapo como algo positivo, como froito da interrelación entre linguas. Esta vostede de 
acordo?
acordo?
O  castrapo, que se dá en contextos coloquiais ou informais, non pode  elevarse á categoría de norma. Calquera usuario ou usuaria do galego  debe esixir unha ‘coiné’, unha proposta normativa que lle sirva de  referencia para falar e para escribir, e que sexa a mesma para o común  dos falantes.
Poderá librarse o galego algún día dos castelanismos, ou non o consideran unha interferencia negativa para o noso idioma?
Hai  que procurar que sexan os menos posibles, e para iso na nosa obra damos  solucións galegas a un bo número de palabras castelás que están na  fala, como acera, mazmorra, pepino, taladro, etc. Así e todo, en boa  parte dos países europeos dáse o fenómeno de convivencia lingüística, ou  sexa, existen varias linguas en contacto. A presenza de máis dun idioma  no mesmo territorio é, en principio, un feito enriquecedor  culturalmente, que deixa de selo cando a predominancia dun sobre os  demais desencadea a substitución dos máis febles.
Por que a nosa lingua ‘molesta’ tanto a unha que falan millóns e millóns de persoas como é o castelán?
Non  cremos que ao castelán lle moleste o galego. A maioría das linguas en  contacto conviven civilizadamente, pero tamén hai exemplos de auténtica  ‘guerra’ lingüística. No caso concreto do galego, arrástrase un  histórico complexo de autoxenreira que leva, en ocasións, a desbotar  equivocadamente o propio, por consideralo vulgar, inferior ou inculto,  en favor do alleo que para algúns representa todo o contrario. Esta  situación pode situar o galego nun ‘combate’ desigual e nunha situación  comprometida de cara ao futuro.
Diría que o galego ten maior diversidade de vocábulos para referirse a unha mesma palabra ca o castelán ou outros idiomas?
A  riqueza lingüística do galego é un patrimonio coñecido que debemos  conservar, malia que unha parte importante del proceda de ámbitos rurais  ou tradicionais cada vez menos habitados e practicados. A gran  profusión de sinónimos que recollemos no dicionario pretende ser unha  mostra desta realidade.
Cal é o poder das palabras?
Dende  Xesús Cristo ata Obama, o poder do verbo é incuestionable. Artistas  como Pedro Almodóvar recoñecen que, de gravaren noutro idioma diferente  do seu, as súas películas xa non serían o que son. Castelao afirmou que  se somos galegos é por obra e graza do idioma. E nós mesmos cremos que a  forza da palabra, da nosa palabra, nos debería unir facéndonos máis  libres como pobo.
A lingua tamén se corrompe?
Os  malos usos lingüísticos sempre estiveron á orde do día: na rúa, nos  medios de comunicación coa súa capacidade de difusión, coa chegada de  barbarismos inaceptables, etc. Malia todo, nós preferimos uns malos usos  a que non haxa uso. Botamos de menos a fala popular das vilas e cidades  da nosa infancia, preferible á escasa e estereotipada presenza dos  nosos días en certos ámbitos.
Como ve a situación do galego entre os máis novos?
Só  abonda con escoitar en que idioma se fala nos patios dos colexios. A  situación é realmente preocupante pola continua perda de falantes entre  as novas xeracións.
E en xeral está tan mal como din as enquisas?
Recentemente,  unha noticia de prensa constataba que só o dez por cento dos colexios  urbanos de Galicia tiñan o galego como lingua vehicular. Este dato fala  en por si.
Está o futuro do galego nos neofalantes?
En  parte si. Xunto cos falantes de toda a vida, a recuperación dun idioma  minorizado coma o noso ten que pasar tamén por que falantes iniciais  doutras linguas, sobre todo de castelán, adopten o galego como lingua  habitual de uso.
Que tal falan os nosos políticos o idioma galego?
Hai  de todo, coma en botica. Aínda que é arriscado xeneralizar, pasouse dun  uso ritual do galego en política onde todo o mundo o empregaba polo  menos en público, a un emprego cada vez menor. Tocante á calidade,  seguen prevalecendo vellos erros, produto dunha escasa competencia  lingüística e da influencia do castelán, que sorprenden en xente máis  nova.
Un dicionario ten que servir, por exemplo, para evitar a deterioración dunha lingua?
Modestamente,  si. Un dicionario coma o noso pretende ser unha tesela máis no mosaico  lexicográfico do galego. A súa contribución, por pequena que sexa, debe  servir para que a lingua estea un pouco máis presente nos fogares das  persoas usuarias.
O galego está evolucionando ou está estancado?
As  linguas, como organismos vivos que son, están en constante proceso de  cambio. Sexa polo uso dos falantes, sexa polos recentes cambios  normativos, sexa polo novo contexto social, os cambios son inevitables e  forman parte da vida dun idioma. 
Cal debe ser o labor dos lingüistas?
O  traballo dos lexicógrafos é ‘captar’ eses cambios, definilos ben e  darlles unha forma o máis galega posible, a partir duns ditados  académicos xerais.
Unha soa razón pola que falar galego?
Porque é a lingua propia de Galicia.
Cal é o vocábulo que a vostedes máis lles gusta?
Quedamos con ‘acadar’.
Podería chegar a ser un best- seller un dicionario? Sería un soño?
A nosa experiencia co Dicionario de ortografía da lingua galega,  aínda demandado despois de quince anos no mercado, dinos que son os  lectores os que deciden o futuro dun libro. Se un dicionario acada un  éxito de vendas é porque resulta útil, o cal sería moi gratificante.OS ESTEOS
Penas: “Publicar sempre é un risco”
A editora Irene Penas recoñece que Everest Galicia tiña en mente, dende hai moitos anos, publicar un dicionario como este. Para dar o paso, era necesario contar cos “mellores expertos na materia” e tamén “ter perfectamente definido o modelo” que se quería editar. Unha vez conseguidos estes obxectivos, a decisión tomouse decontado. Irene Penas asegura que publicar sempre é un risco independentemente da lingua que se utilice como vehículo de expresión e lembra que foi no 1986 cando Everest publicou o seu primeiro libro en galego. Un momento no que o número de falantes non era maior ca o existente na actualidade. “Non quero nin podo ser pesimista nestes momentos de crispación arredor da lingua. Temos que seguir traballando para garantir o seu futuro. En calquera caso, por estruturas, dicción e fonética hai máis galegofalantes dos que pensamos, só precisan recuperar o léxico perdido ou esquecido”, apunta. Penas afirma que desde o punto de vista editorial foi unha das publicacións que máis esforzo lle esixiu pero destaca a profesionalidade e a entrega do equipo de traballo e non desbota o formato dixital.Mª Xosé Quintás: “Un deseño moderno”A tradutora da Xunta, María Xosé Quintáns Vigo asegura que para ela colaborar neste proxecto supuxo “unha enorme ilusión, coa que o vivimos desde o principio ata o final, por contribuírmos, aínda que só fose cun granciño, ó coidado da nosa lingua e tamén pola posibilidade de dirixírmonos a un público moi novo”. Evidentemente, supuxo un “investimento de horas e de esforzo” e tamén “unha dose de aprendizaxe ao traballar cun equipo de excelentes profesionais”.
Sobre o resultado final, María Xosé Quintáns destaca especialmente o traballo relacionado co formato e co deseño: “Pareceume atractivo e diferente do que acostumamos a ver, e a manexabilidade do exemplar; non hai que esquecer que se trata dun dicionario escolar e que debe ser fundamentalmente práctico, de aí que non couberan todos os elementos que inicialmente se proxectaran e, isto foi o peor de levar, que houbese que recortar moito en contidos e ideas, elixir quizais foi a maior
dificultade”.
Charo Baleirón: “A fraseoloxía é única”
A filóloga de GALICIA HOXE Charo Baleirón salienta a valentía da editorial Everest por mergullarse neste proxecto nuns momentos de dificultades para o galego como son os actuais, e, da obra destaca, sobre todo, a inclusión da fraseoloxía: “Paréceme fundamental que expresións e frases, moitas das cales só sobreviven actualmente na oralidade, aparezan recollidas nun dicionario escolar. Creo que é unha boa maneira de que os rapaces se acheguen a elas, coñezan os seus significados e, o máis importante, que se animen a empregalas. O mesmo acontece con outro aspecto que tamén demostra a enorme riqueza lexicográfica que agocha a nosa lingua: os sinónimos. O usuario descubrirá e poderá escoller, en moitos casos, entre varias opcións para designar unha mesma realidade”.
Agora, unha vez que o dicionario xa está nas librarías Charo Baleirón considera que “non ten por que ser o de referencia, pero para nós resultaría sumamente gratificante saber que os alumnos se decidan a empregalo porque lles resulta manexable e que non o consideren un/outro ladrillo, senón que lles sexa práctico á hora de solucionaren as súas posibles dúbidas”.

 
 
Ningún comentario:
Publicar un comentario