por Manuel Dourado Deira, no Galicia Hoxe:
En Galicia, perduran complexos tan malos de arrincar que semella que se van facer eternos. Acabo de ler algo que me irrita de tal forma que me vexo obrigado a insistir outra vez na cuestión da idoneidade do idioma galego para todo o que ocorre no mundo, incluída, por suposto, a ciencia, calquera que sexa a súa rama. Agora trátase, de novo, da física e da química. Pero ¿non ten demostrado as nosas universidades, en especial, Vigo e Santiago, que somos punteiros nalgunhas parcelas consideradas antes sumamente difíciles e que hoxe se fan en galego? Canto mal está a facer algunhas mediocridades políticas deste país; esas mediocridades que semellan carecer do máis elemental coñecemento das cousas de Galicia e que se dedican á política sen saber nada da nosa Historia e da nosa Cultura. Probablemente , incluso, pasaron pola universidade, pero a universidade non pasou por eles. Así parece acreditalo a súa deficiencia mental para comprender en que país naceron e en que país están. E, cando chegan a algún cargo de certa importancia, arremeten contra as cousas máis transcendentais do noso país, sen se decatar de que se están a burlar de si mesmos. E ¡ai de nós se alcanzan o poder e o goberno! Como aínda non superaron aquel trauma de que o idioma galego é cousa de labregos e mariñeiros e, por consecuencia, algo rural non apto para a ciencia, entre outras cousas, consideradas por ese paifocos como elevadas. Non aprenderon aínda que iso xa está superado polas xentes medianamente conscientes de quen somos e do que somos capaces.
Por iso, aínda ten que haber protestas e rebeldías como a deses centros que participaron nesa Xornada pola ciencia en galego . Máis de cen centros que reclamaron que a física e a química se dean en galego. Velaquí os datos: máis de 12.000 alumnos de máis de cen centros educativos de toda Galicia participaron nesa xornada pola ciencia en galego. Convoca a Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (CGENDL). Contan co apoio de asociacións do profesorado de ciencias, matemáticas e tecnoloxía do país. ¡Cando xentes conscientes coma as que integran as asociacións citadas han de ser escoitadas e han de contribuír a que o noso país esperte da súa eterna inconsciencia, desa somnolencia adormecedora que parece non ter fin. Isto recórdame a Arcos Moldes, quen moitos anos atrás escribiu o Himno a Rianxo para que esta ilustre vila espertara do seu longo sono que entón padecía e que aínda parece persistir, inda que menos. Un dos seus versos dicía: "Esperta, Rianxo, do teu longo sono", para que loitara contra o caciquismo imperante entón. E outro verso que rimaba co anterior, completábao: "escravo non queiras ser dun só dono". Quen era este dono? Pois o cacique do lugar.
Parece que, hoxe mesmo, retrocedemos a aqueles tempos. Pois abundan as nais que presumen de moderniñas e fálanlles decote aos seus neniños en castrapo. O correcto castelán nin o cheiran..
Ningún comentario:
Publicar un comentario