por Iria Taibo Cosarnego, en Terra e Tempo:
A reacción de Fernández Paz ante o Premio da Cultura Galega obriga de algún xeito ao resto dos premiados a tomar postura, pois tanto significa definirse como non facelo.
Novamente este goberno nos obriga a reflexionarmos sobre o noso posicionamento ante as distintas formas de presión que exercen os seus responsábeis contra a nosa cultura.
Desta vez, trátase dos premios da Cultura Galega, outorgados pola Consellaría de Cultura e Turismo. O goberno bipartito creara estes premios, baixo a denominación de Premios Nacionais da Cultura, e o goberno de Feixóo pasou un ano sen entregalos, ademais de mudarlles o nome, seguramente coa saudábel intención de evitarnos aos cidadáns molestias e confusións.
Porén, o do nome non é o único cambio significativo. Cando os premios foron creados, cada unha das oito categorías entregaba un premio de 15.000€. Nesta ocasión, a dotación económica desaparece por completo. Xa sabemos que en tempos de crise económica hai certos gastos que un goberno que se preocupa pola cidadanía debería limitar ou mesmo eliminar. Un dos gastos normalmente considerados accesorios ten que ver co apoio á cultura, pois podería parecer que da cultura parece que non come ninguén, nin dá postos de traballo e tamén é verdade que algúns dos seus representantes resultan ben molestos.
O rescate á Fundación Cela para evitar a súa quebra, porén, é diferente. O pasado domingo o xornal máis vendido en Galiza indicaba que só este rescate nos custa a todos nós 230.000 euros, á parte das enormes cantidades entregadas durante 2010 para financiar actividades desta deficitaria fundación (case 300.000 euros). Seguramente os argumentos dos responsábeis de Cultura no goberno autonómico teñen que ver con que a Fundación Cela protexe (non demasiado ben, polo visto) o legado dun Premio Nobel e que estes bens non deberían saír de Galiza. Seguramente esta xenerosa achega económica é o único xeito de evitalo. Mais as persoas que escriben en galego parece que para os nosos gobernantes actuais non merecen tantas medidas de protección.
Un xeito de "contentar" precisamente este grupo de exóticos que escriben en galego pode ser precisamente outorgar a un deles, Agustín Fernández Paz, este premio Cultura Galega das Letras. A cuestión é que este escritor tomou a decisión de non aceptar o premio. Ou mellor dito, decidiu rexeitar o Premio, consciente do negativo traballo que está a facer o goberno galego en todo o relacionado coa cultura e a lingua do noso país. Este rexeitamento fíxoo Fernández Paz en voz alta e cos argumentos enriba da mesa.
Resulta interesante, coido, reflexionarmos sobre as distintas maneiras de actuar ante esta situación concreta. A reacción de Fernández Paz obriga de algún xeito ao resto dos premiados a tomar postura, pois tanto significa definirse como non facelo. Igualmente, tamén nos obriga a nós, como espectadores desa reacción, a decidirmos se concordamos ou non: pensamos que os axentes da cultura galega (escritores, editores, cineastas, artistas, etc) deben tomar partido ou é esta unha postura que esixe unha dose de heroísmo excesiva e debemos simplemente agardar tempos mellores?
Ningún comentario:
Publicar un comentario