por Silvana Castro García, no Terra e Tempo:
Co título tan esclarecedor de Gramática práctica da lingua galega. Comunicación e expresión  chegou hai poucos días ás librarías de todo o País un volume editado  por Baía Edicións que, pola súa funcionalidade e sen perder un ápice de  rigor científico, pretende fuxir da academicidade de que moitas veces  pecan as gramáticas convencionais e converterse nun referente de uso  diario para todas aquelas persoas que pretendan mellorar o seu galego. 
Xoán López Viñas, Cilha Lourenço Módia e Marisa Moreda Leirado asinan  esta obra, que consta de oito capítulos que abarcan desde os aspectos  tradicionalmente incorporados á Gramática, como a Fonética, a  Morfoloxía, a Sintaxe, a Lexicografía e a Semántica, até aspectos  relacionados coa Sociolingüística, a representación gráfica da lingua  oral e até a Lingüística Textual. Un amplo abano de capítulos que fan  que poidamos facer unha lectura máis ou menos profunda en función das  necesidades, polo que é unha obra que nos pode resultar moi útil para as  aulas de Lingua Galega ou para o enriquecemento persoal dunha persoa  interesada en aspectos concretos do uso cotián da lingua galega.
Especialmente significativos son os capítulos dedicados á  representación gráfica da lingua oral e á Lingüística textual, porque  até o momento constituían unha certa eiva nos manuais ou tratados  gramaticais galegos. 
No primeiro deles, por exemplo,  ofrécensenos pautas prescritivas do uso das maiúsculas, dos sinais de  puntuación e dos sinais auxiliares da escrita, do uso das formas de  destaque (itálica, negra, subliñado, versaleta, superíndice e subíndice)  e mesmo da configuración gráfica (marxes, espazos, parágrafos e  enumeracións). 
Pola súa parte, no capítulo dedicado á  Lingüística textual temos un amplo abano de modelos textuais de tipos  ben diversos (xornalísticos, científicos, administrativos, orais e  electrónicos) en que se especifican as características propias de cada  un, con exemplos reais e coa descrición pormenorizada da súa estrutura  interna. Deste xeito, a Gramática práctica pode terse  como "manual de oficina" ou como un referente doméstico á hora de  confeccionarmos, poñamos por caso, unha acta da xunta de veciños, unha  solicitude, ou mesmo un simple currículo á hora de pedirmos traballo.
Outro dos aspectos que fan que a obra se torne unha ferramenta  didáctica imprescindíbel son os abundantes cadros resumo que aparecen ao  longo de todo o texto, e que, por poñer tan só algúns exemplos, se fan  especialmente relevantes na descrición dos bloques dialectais, dos  elementos do AFI (Alfabeto Fonético Internacional) adaptado ao  galego, do significado dos prefixos e sufixos máis usuais e das bases  eruditas de orixe grecorromana, do paradigma verbal completo, dos  modelos de análise das diferentes funcións sintácticas e moitos outros  cadros que constitúen bos referentes para as aulas de Lingua en  diferentes niveis aos que queiramos adaptalos.
Boa proba de que  estamos perante unha obra totalmente actualizada aos tempos que corren é  a inclusión das linguaxes das novas tecnoloxías da información e da  comunicación. Deste xeito, temos exemplos que van desde o significado  das diferentes emoticonas empregadas nas linguaxes de chat, por exemplo, até a análise das propias formas textuais deste tipo de formatos, nomeadamente do messenger e do propio chat, o que constitúe unha novidade que se agradece encarecidamente.
En definitiva, unha obra actual, moi completa, integradora de todos os  aspectos que constitúen o centro e os satélites da lingua, e que abarca a  descrición e a prescrición a partes iguais facendo que se poida  empregar en moi diversas etapas e situacións da nosa vida. 
Unha  obra referencial que non pode faltar en ningunha biblioteca e que vén  enriquecer o panorama filolóxico galego, demostrando que as novas  xeracións están a traballar moito e ben a prol da nosa lingua.

 
 
Ningún comentario:
Publicar un comentario