Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 10 de novembro de 2010

Análise da situación da lingua no ensino por Nova Escola Galega

Nova Escola Galega achéganos unha lúcida valoración de cal é o estado das cousas no ensino nun novo número de NEG OPINA. Aquí extractamos o apartado adicado á cuestión lingüística.

Aplicación das novas medidas contra a lingua.
Trátase do primeiro curso co novo Decreto para o plurilingüismo e, como xa se albiscaba no mes de xuño ao evidenciárense as dificultades dos centros educativos diante dun cambio normativo dese calado, estanse a cumprir teimosamente os agoiros de quen estivemos en contra del.
A elección da lingua polos pais na etapa de educación infantil deu como resultado que case o 90% dos centros das cidades realicen o ensino en castelán, aínda que non deixa de ser esperanzador que o 40% das familias o solicitase en galego1. A explicación simplista e cun punto de cinismo do presidente Feijoo é que así o decidiron democráticamente os pais, como se non soubese que tanto a Lei de Normalización Lingüística, aprobada unánimemente en 1983 gobernando o PP (con Fernández Albor de Presidente), como o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado tamén por unanimidade en 2004 (con Manuel Fraga de Presidente e o propio Feijoó de vicepresidente), obrigan aos poderes públicos a promoveren o galego, precisamente para conseguir a súa normalización; obriga que non se cumpre con esta norma e que é o seu “talón de Aquiles” legal.
Non é pois unha cuestión de máis democracia senón de mandato da soberanía popular deste país. Como ben sabe a Consellería de Educación, as liñas en galego nas cidades, que foron suprimidas, tamén eran froito dun acordo democrático coas familias; así que o fondo da cuestión é, como ben sabemos, moi diferente.
A aplicación deste decreto presenta dificultades de distinta magnitude e van máis alá da falta de confianza da comunidade educativa, das organización cívicas e das institucións máis relevantes na consecución dos seus proclamados obxectivos, evidenciando o seu rexeitamento coa presentación de distintos recursos ante a xustiza, nun xesto inédito no caso da Real Academia Galega, disposta a facer valer as obrigas que as propias leis lle confiren.
Os medios de comunicación reflicten só parte dos moitos problemas que se están a xerar nos centros de ensino coa repartición do 50% -imposible sobre o propio papel- na secundaria e no bacharelato, e sen criterio pedagóxico no conxunto das distintas etapas, toda vez que o propio decreto carecía del. Problemas sobre os que a administración non sabe/ non contesta -e, se o fai, nunca por escrito- e que xeran tensións e conflitividade entre o profesorado e/ou entre os distintos órganos de representación do profesorado e das familias. Nese sentido, non podemos esquecer a aprobación precipitada do proxecto lingüístico de centro poucos días antes do comezo de curso en boa parte dos centros.
Cómpre denunciar aquí o baleiro legal no que están algúns centros por non ter aprobado o CE a distribución horaria. A falta de instrucións concretas por parte da administración educativa só contribúe a aumentar o conflito e dálles armas aos negacionistas.
Temos tamén a elección dos libros de texto nas materias consonte co novo decreto. Aquí o panorama segue a ser tan anárquico coma noutros tempos. Antes o incumprimento era evidente (máis na rede de centros concertada que na pública) e agora o decretado cambio das materias de “ciencias” para seren impartidas en castelán tamén se anuncia que será incumprido. De todas formas no sistema seguirá a primar o castelán, agora con maior apoio da legalidade, como se demostra en todos os estudos que se fixeron ao respecto. O propio Consello Escolar de Galicia di textualmente na súa última revisión do sistema: “Existe un grao de fracaso insólito da lexislación, pois nin sequera se cumpre a normativa- naquelas materias nas que o galego é obrigatorio, polo tanto a normalización que a lei preconiza está moi lonxe de acadarse”.
Polo tanto, antes non se daban o 50% das materias en galego e agora será moito menos. Vese que iso da imposición era unha mentira moi ben difundida e que moitos creron ou aparentaron crer. Vense tamén as situacións esperpénticas ás que levan algunhas interpretacións da legalidade: ata á Carolina lle mudaron a saia por unha “falda”, máis acorde coa nova e, ao tempo, rancia estética, pero seguramente máis estreita para as súas brincadeiras.
Agora ben, tal e como avanzamos no NEG Opina do mes de xuño, non sendo menor a dificultade das comunidades educativas para renunciaren aos avances conseguidos na elaboración e desenvolvemento dos proxectos lingüísticos de centro desde a racionalidade pedagóxica, en moitos casos estase antepoñendo o criterio profesional -rexeitado de maneira irresponsable pola administración educativa- e a preocupación social pola lingua, valorados por riba dunha decisión administrativa tan polémica e tan falta de consenso como a que deu lugar a este novo decreto.
Nesta actitude enmarcamos tamén a dimisión conxunta de todas as persoas coordinadoras de galego dos catro departamentos territoriais e da mesma coordinación en Santiago. Dimisión masiva  destinada a manifestar o rotundo desacordo coa política lingüística deste goberno, e que, dándose a coñecer a finais de curso, ten agora a súa efectividade real.
Neste novo contexto, no que a Consellería lembra a obriga de acatar o decreto –por máis que diante das dificultades de aplicación concreta non saiba como –con ameazas de sancións por parte de membros do goberno, agroman iniciativas para defender, desde a razón pedagóxica e desde a legalidade que deu sustento á regulamentación normalizadora vixente ata o momento, o pulo do galego no ensino. Tal é o caso do grupo Profes co Galego, apoiado na rede social Facebook; a iniciativa de escolas infantís Galiza co Galego, e outras auspiciadas por pais e nais que xermolarán a curto e medio prazo.
Este decreto pechoulle a porta ao recoñecemento do labor normalizador de centros e profesorado, obrigándoos a unha reprogramación, sen ofrecer sequera unha saída ou un mínimo acubillo a proxectos senlleiros, contrastados e estimados pola sociedade. Velaí, nestas e noutras iniciativas, as dificultades para o negacionismo.
Se cadra é neste ámbito onde as augas baixan máis revoltas. As acusacións dos voceiros destes grupos contra a Coordinadora de Equipos de Normalización Lingüística e contra as persoas que públicamente a representan constitúen un exemplo de perversión, buscando o descrédito dunha entidade que, desde dentro do sistema educativo, aglutina cada día máis profesionais e equipos de normalización, precisamente polo labor serio e rigoroso que os caracteriza.
Ocorre que desde o negacionismo tiñan a pretensión de que fosen suprimidos na nova norma, e aínda que efectivamente se minguasen as súas función no papel, a súa vitalidade e determinación están por riba desta circunstancia. Con esta campaña de difamación preténdese minar a súa credibilidade, ou se cadra, como outras veces ten sucedido, poñer ao goberno amigo en apuros por ter mantido unha figura para eles
deostada. Apoio e alento para a Coordinadora de Equipos de Normalización
e Dinamización Lingüística (CENDL) no seu labor.
Tal e como se pode comprobar e se denuncia por parte da Coordinadora de Trabaladores/as de Normalización da Lingua, o orzamento da Secretaría Xeral de Política Lingüística para 2011 redúcese máis do 40%, sobre unhas cantidades que xa eran moi baixas e que xa sufriron en 2010 unha redución de máis do 20%. O goberno de Núñez Feijóo dedicaralle á lingua en 2011 a metade do que lle dedicaba o goberno de Fraga aló pola década dos 90. Estes orzamentos significarán a paralización de proxectos de investigación e fomento da lingua, o peche de servizos de normalización lingüística, a redución de cursos e actividades e o despedimento de moito persoal investigador, traballadores/as de normalización, lectores/as, bolseiros/as, etc.
Cómpre tamén mencionar os chamados “centros plurilingües”, que non son un invento deste goberno; debemos recordar que naceron co anterior as seccións bilingües (no curso pasado eran 300 en 146 centros), definidas máis modestamente como profesorado que se comprometía a dar clase nun terceiro idioma (preferentemente inglés) dunha materia diferente ás linguas. Denominábanse seccións por poder ser unha ou varias as materias que se impartían baixo esas condicións; agora na maioría seguen a dar soamente unha ou dúas materias en inglés (ou francés), e a propaganda desacomplexada do PP manda que se lles- denominen “centros” ao que seguen sendo “seccións”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario