Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







domingo, 28 de novembro de 2010

O galego suma, o galego integra

A parte do artigo de X. A. Pérez Lema, avogado, que ten que ver coa lingua,  no Xornal:


O informe do Igea a respecto do proxecto de futuro para a lingua (que redactou o profesor Monteagudo coa axuda de Antón Reixa) tenta reconsiderar en positivo algúns dos conceptos comúns do discurso a respecto da lingua nos últimos trinta e cinco anos.
Deste xeito, considérase que a normalización do galego como lingua propia e nacional require, nomeadamente, contar coa vontade individual dos que usan do galego. Velaí que o obxectivo básico de calquera política normalizadora ha de ser o aumento continuo no número de cidadáns que vivan en galego.
Considérase, asemade que non é factíbel xa achegarmos a un monolingüismo social, senón que a potente política normalizadora que defende o informe, para discriminarmos favorabelmente o galego, hanos dirixir a un reequilibrio que prestixie e dignifique o idioma nun contexto bilingüe. Non, certamente, no contexto do bilingüismo de substitución que constitúe unha etapa cara á liquidación da lingua, senón no bilingüismo que parte da súa minorización para, a medio da aplicación firme e efectiva da devandita possitive action, acadar a súa igualdade real.
Outra achega importantísima do informe de Monteagudo é o emprego do galego como a nosa ponte sobranceira cara á lusofonía. Achega de grande capacidade de transformación política (por exmplo, a integración nas aulas de galego do ensino do portugués-brasileiro, a participación de Galicia como observador canda os demais países lusófonos na CPLP) que mesmo é quen de crear espazos de traballo común coas tendencias reintegracionistas.
Os principais bilingües na Galicia somos os que usan o galego. Xa que logo, semella útil referenciarmos en positivo este concepto e non o entrar ao discurso dos extremistas galegófobos que tentan liquidar a nosa lingua, a nosa economía e a nosa nación.

Ningún comentario:

Publicar un comentario