Creo firmemente que a literatura e a poesía galega están feitas por escritores altamente xenerosos, e creoo así pola miña experiencia no trato con moitos deles, aínda que un escritor amigo me comenta que son algo inxenuo e por iso creo que todos os demais escritores teñen ese comportamento xeneroso.
Ao marxe do trato persoal, creo que a cuestión está en porque se dedican á escrita en lingua galega, e que é o que esperan acadar disto. Hai unha carta que en 1320 un grupo de escoceses escriben ao Papa Xoán XXII, en defensa da independencia de Escocia, e nela din: “Non é en verdade por gloria, nin por riqueza, nin por honores polo que loitamos, senón pola liberdade”. E así é polo que os escritores galegos fan o seu traballo, non pola gloria, nin por honores, nin por riquezas, senón pola liberdade. Xa sei que é certo que algo inxenuo son, pero a pesar de selo, sei que hai escritores galegos que perseguen a gloria, os honores a as riquezas, pero francamente ser escritor galego para acadar estes fins é estar un pouco errado. Os que saben que significa realmente escribir en galego, son os que penso que teñen ese comportamento altamente xeneroso. Poñerse ao servizo dunha cultura, a galega, escribindo para aportar un humilde grao de area a súa continuidade, é sen dúbida a motivación máis estendida, ademais da evidente paixón intima e persoal de ser escritor ou poeta, iso que se define polo que dicía Ernesto Sábato, que o verdadeiro escritor é aquel que se non escribe sente que morre.
Pois aquí conxúganse ambas cousas: a necesidade vital de escribir e a necesidade vital de servir a unha cultura e un pais. Un exemplo de que moitos dos nosos escritores son así, de que non se moven pola procura da gloria, os honores e a riqueza, é sen dubida o altamente xeneroso Agustín Fernández Paz, que acaba de rexeitar os honores e a gloria, do Premio da Cultura Galega no apartado de Literatura, e que rexeita tamén, cónstame, o protagonismo que este feito lle está ocasionando, o que amosa máis claramente que se escribe é pola liberdade, non por acadar notoriedade.
Pero non escribo isto para falar deste Premio, nin para facelo dos motivos de Agustín Fernández Paz para rexeitalo, fágoo para falar do que expresaba nas primeira liñas, de como temos a sorte de contar con escritores que non escriben en clave persoal senón en clave de país, isto é dende unha visión global dos intereses da sociedade á que pertencen, porque aínda aqueles que podan pensar que Agustín Fernández Paz se equivoca ao rexeitar o premio, supoño que en todo caso terán a capacidade de darse conta que non o fai por unha cuestión persoal, senón por un sentido do compromiso, no que el cree, cos homes e mulleres que conforman a sociedade na que vive, o que é sen dubida un exercicio de xenerosidade, e espero que os que non compartan a súa decisión saiban entendelo.
Para rematar quero desculparme con Agustín, por facelo protagonista do meu artigo nun momento en que iso é o que el menos desexa.
Ningún comentario:
Publicar un comentario