por Iolanda Galanes, profesora na Universidade de Vigo, no Xornal:
Na estela das celebracións do Día Mundial da Tradución en Galicia queremos poñer en valor os grandes números da tradución galega que coñecemos grazas ao Catálogo Virtual da Tradución Galega –elaborado polo grupo Bitraga, www.bibliotraducion.uvigo.es–, que recolle as monografías literarias traducidas entre 1980 e 2010. Neste período editáronse máis de 2.600 libros traducidos ao galego e máis de 700 obras literarias galegas noutros idiomas. Ademais, algúns dos títulos vertéronse a varias linguas, coma O lapis do carpinteiro de Manuel Rivas, en máis de vinte idiomas. Calculamos que están en circulación máis de 1.350 versións de obras galegas noutras linguas. Así pois, por cada dúas obras que se traducen ao galego contamos cunha versión estranxeira dunha obra galega, ou por cada catro obras que importamos, exportamos unha –a un ou varios idiomas–, algunha delas próxima xa á vixésima edición en terra allea.
A proxección da literatura galega no exterior deixou de ser unha anécdota. Por iso, resulta paradoxal que a difusión da nosa literatura no exterior sexa case descoñecida en Galicia, a xulgar pola súa escasa relevancia nos medios ou pola inexistencia dun fondo de traducións.
Á idea tan tópica como falsa de que o único mercado posíbel para a nosa literatura traducida é o español, cabe apoñer que só no ámbito ibérico, ás aproximadamente 600 traducións ao español podemos sumarlles as máis de 250 obras traducidas ao catalán, outras 123 en éuscaro e as 31 en bable. Fóra de España, contamos con case unha centena de obras galegas en inglés e outras tantas en portugués. No mercado italiano editáronse 74 traducións de obra galega, boa parte delas da man de Kalandraka, que abriu oficina en Florencia, e de OQO, en parcería coa italiana Logos.
A literatura galega tamén se edita, aínda que en menor medida, en alemán, romanés, ruso, polaco, húngaro, búlgaro, serbio, neerlandés, grego ou finés. Ademais de autores galegos xa internacionais –Rosalía, Castelao, Neira Vilas ou Manuel Rivas– temos versión checa, grega ou neerlandesa de obras de Suso de Toro. Ou tamén a tradución neerlandesa, italiana ou portuguesa –ademais de española e catalá– de Herba Moura; Domingo Villar pódese ler en alemán, italiano e inglés –e en español–; Úrsula Heinze en romanés, Luísa Castro en alemán, María Reimóndez ou Patricia Janeiro en italiano, Carlos Casares en ucraíno, Xosé Cermeño en aranés, etc. Pero tamén existen versións en árabe ou en coreano de obras de Agustín Fernández Paz, en xaponés de Avós de José María Heras ou en kurdo de Made in Galiza de Séchu Sende.
Mais non abonda só con compilar referencias, cremos necesaria unha análise máis demorada de autores, editoras, axentes, xéneros e público destinatario das nosas traducións. Sabemos que a tradución ten un papel fundamental na construción das culturas nacionais. A conformación dun mercado da tradución está vinculada á emerxencia da produción intelectual en lingua vernácula e ao desenvolvemento do mercado do libro. Existe todo un conxunto de axentes e institucións que invisten intereses de tipo cultural, económico e político no seu desenvolvemento. Segundo eses intereses, as funcións dos textos traducidos poden ser moi diversas: a circulación de ideas, o establecemento de relacións de dominación cultural, a construción das diferentes identidades colectivas, a influencia política, así como a acumulación de capital simbólico e a conquista de mercados.
Unha estratexia cultural intelixente precisa de análises que, ademais de difundir as edicións foráneas, nos permitan entender a relación existente entre centro e periferia, entre Galicia e o resto do Estado, así como a relación entre a nosa cultura e os espazos onde a nosa literatura comezou a ter presenza, porque cada un dos fenómenos descritos reflectirá cal foi a evolución das relacións que establecemos con outras comunidades e cales son as relacións de poder entre os diferentes espazos ou o que é o mesmo, a xerarquización das linguas e culturas. Esa é agora a análise necesaria para poder afianzar unha estratexia comercial acaída: recoñecérmonos no Outro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario