O sábado pasado celebraba a súa II Asamblea Xeral a CGENDL, quen acaba de recoller polo seu traballo incansable e rigoroso o premio Altofalante 2010. Un dos méritos destacados como motivo para a concesión deste galardón foi o de fornecernos de argumentos pedagóxicos e lingüísticos sobre a necesidade de que o noso idioma teña maior presenza no sistema educativo en campañas como a de "orgullosos do galego", ou a que se está levando a cabo actualmente, "O galego é o noso medio natural"
Con esta Asamblea a CGENDL confírmase como unha asociación estable e mesmo imprescindible dentro do panorama galego da normalización.
As conclusións principais da reunión foron:
- A optimización de esforzos e recursos e o intercambio de experiencias educativas, xunto con novas campañas de sensibilización e dinamización da lingua galega, centrarán o traballo no curso 2010-2011.
- Os ataques á CGENDL demostran que o traballo rigoroso, serio e constante pola normalización da nosa lingua é motivo de preocupación para aqueles que só perseguen a súa eliminación da sociedade.
A cruz vén da man, unha vez máis, da SXPL. A CIG-ensino denunciou que os Gabinetes provinciais de Normalización Lingüística, dependentes da Secretaría Xeral de Política Lingüística, acaban de enviar unhas instrucións aos centros en que indican que non se van aboar gastos de material inventariable, facendo fincapé que o material que se adquira “non pode producir os seus efectos en exercicios futuros”, por poñer un exemplo, que non poden comprar libros, e así llo están comunicando a algúns centros aos que lles rexeitan as facturas presentadas.
Estas instrucións envíanse aos centros agora, despois de que realizasen os proxectos e fosen debidamente presentados e aprobados no seu día, e por tanto despois de ter realizado os gastos que agora lle indican non se van ter en conta.
No presente ano os presupostos adicados aos ENDL sofriron unha importante redución, e á vista dos orzamentos adicados á política lingüística do vindeiro ano, a redución irá a máis no seguinte exercicio. Estraña forma de fomentar o uso do galego.
Ningún comentario:
Publicar un comentario