Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







domingo, 7 de novembro de 2010

Equilibrio contra imposición

Para entendermos como andamos no asunto da normalización lingüística, basta con pensar un par de minutos no que A Nosa Terra nos revela como "Un dos aspectos menos comentados do proxecto de reforma do Rexistro Civil que se debate arestora no Congreso dos Deputados" e que consiste na "posibilidade de empregar o galego para todas as inscricións e anotacións dos expedientes abertos en Galiza" .
Velaí outra vez destapada a imposición.
Polo momento, e van alá 30 anos de goberno autonómico, e aínda ninguén pode inscribirse no Rexistro Civil facendo uso de documentos en galego. O máis estraño é que neste ámbito non se oen as voces que pregoan o equilibrio entre galego e castelán, e o máis triste é que mire un cara onde mire, o panorama é igual. Se un quer sacar o carnet de conducir, onde ten textos ou tests en galego?, se un se achega a pagar o IVE da empresa á Axencia Tributaria, a ultimar os trámites ás oficinas da Seguridade Social, quen lle ofrece os modelos en galego? E cando un vai ao notario de seguro que non vai atopar ao defensor do equilibrio lingüístico, reclamando un estrito 50% de notarías en galego.
Os equilibristas só aparecen cando se dá algún paso, aínda que sexa feble, na normalización lingüística. Así sucedeu no ensino, que cando se chegou a asentar un 35% de aulas en galego, e comenzábamos a dar pasos cara unha mínima presenza e visibilización da nosa lingua, inzaron polos medios como setas no outono os zunantes do equilibrio.
A ver se vai ser que o equilibrio é o mesmo que a imposición.

Ningún comentario:

Publicar un comentario