Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







domingo, 14 de novembro de 2010

Aplausos na entrega dos premios San Martiño

O pasado xoves 11 entregáronse no Teatro Principal da Estrada os Premios San Martiño deste ano.
Fuco Barreiro recolleu o premio San Martiño en representación da cooperativa Monte Cabalar pola difusión da lingua na comarca. Fuco destacou a importancia do uso consciente e espontáneo da nosa lingua para romper o corsé diglósico e falou dos perigos internos (uso e abuso de castelanismos, emprego de sintaxe e fonética castelás,...) e dos externos (corte da tansmisión interxeneracional, redución do seu uso nos diferentes ámbitos sociais...) que ameazan ao galego.
Aplausos.
O premio Galicia Enteira foi recollido por Miguel Ramil Millarengo, responsable de obra civil da empresa premiada, R, quen apostou polo incremento da presenza do galego no mundo empresarial.
Aplausos.
Olimpio Arca Caldas, o mestre que sempre estivo de parte do galego e que co seu incansable traballo contribuiu á dignificación da nosa lingua dentro das aulas, destacándosde como "férreo defensor do emprego da lingua galega na súa obra e na docencia" mesmo en momentos ben complicados da nosa historia. Olimpio Arca argallou o seu discurso da man dunha obra de arte: As tres gracias de Rubens.
Anxo Lorenzo, os secretario xeral de política lingüística, gabou o labor dos tres galardoados, e comentou que se "é importante a introdución da lingua galega en ámbitos en que aínda non ten a presenza que a todos nos gustaría, fundamental é non descoidar aqueles sectores onde está máis asentada, como o cultural, que constitúe unha canle fundamental para a dinamización social do idioma". 
E como as súas palabras soaron tan falsas, non recibiu aplausos.

1 comentario:

  1. Non é certo: a intervención do secretario xeral recibiu aplausos, eu estaba alí.

    ResponderEliminar