Está quedando ben clara cal é a política lingüística deste goberno: atacar ao galego desde todos os frentes. Dentro dun ano queren aplicar o modelo ás cidades que non son gobernadas polo Partido Popular. Menos mal que aínda hai quen, con algo de sentido común, lles tira das orellas:
Comunicado da CTNL en resposta á promesa electoral de Telmo Martín, candidato do PP á Alcaldía de Pontevedra, de prescindir do Servizo de Normalización Lingüistica. Desde a CTNL consideramos esta promesa un ataque á lingua, polo que pedimos unha inmediata rectificiación pública.
O pasado venres, 5 de novembro, o Diario de Pontevedra recollía as declaracións do candidato do PP á Alcaldía de Pontevedra, Telmo Martín, nas que afirma que, no caso de chegar ao goberno do Concello, prescindiría do departamento de Normalización Lingüística.
Desde a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) acollemos estas declaracións con fondo pesar e con preocupación ao considerar que son un ataque directo á lingua galega, un desacato da lexislación lingüística e unha actitude impropia nunha persoa que aspira a ser alcalde dunha cidade galega, polo que pedimos unha inmediata rectificación pública.
Non queremos entrar no debate subxectivo do que se pode considerar prioritario no servizo que a Administración pública do século XXI debe ofrecerlle á cidadanía dentro dunha sociedade desenvolta. Alén disto, só nos queda entender que o señor Martín pronunciou esas palabras con total descoñecemento da responsabilidade que a Administración local ten de promover a lingua galega e de garantir os dereitos lingüísticos.
Deste xeito, desde a CTNL queremos lembrarlle que o Estatuto de autonomía de 1981, ademais de recoñecer o galego como a lingua propia de Galicia, estabelece, no artigo 5, que os poderes públicos «potenciarán o emprego do galego en todos os planos da vida pública, cultural e informativa e disporán dos medios necesarios para o seu coñecemento». Se a lingua galega non fose un asunto prioritario para o noso país, seguramente non figuraría nos primeiros capítulos da súa norma de máximo nivel legal.
Con base no Estatuto, en 1983 o Goberno galego aprobou a Lei de normalización lingüística, que estabelece que «os poderes públicos de Galicia promoverán o uso normal da lingua galega, oralmente e por escrito, nas súas relacións cos cidadáns» (artigo 6.3) e que «o Goberno galego e as corporacións locais dentro do seu ámbito fomentarán a normalización do uso do galego nas actividades mercantís, publicitarias, culturais, asociativas, deportivas e outras» (artigo 25).
Se os extractos legais citados, en vez de referirse ao fomento da normalización da lingua falasen de promover a igualdade da muller, a conservación do medio natural, a prestación de servizos sociais ou a atención e prevención das drogodependencias, consideraría alguén que non son necesarios?, podería prescindir un alcalde deles?; habería algún xeito de poñelos en práctica que non fose a través de servizos especializados dotados de persoal cualificado e formado para ese labor concreto?
Alén destas leis, en 1984 máis de cen concellos asinaron un documento de compromiso que pasou á historia como Declaración dos alcaldes galegos reunidos en Santiago de Compostela. Esta declaración recollía, entre outras medidas que se poñerían en práctica, a «creación dun servizo de normalización lingüística, encargado de asesorar e executar a política lingüística ad intra e ad extra da Corporación». Desde aquela, a andadura dos concellos galegos no camiño da normalización ten dado pasos desiguais, pero o traballo con mellores resultados, independentemente da cor política dos gobernos, foi o que se baseou na creación de servizos de normalización, dotados con recursos humanos e económicos, para o desenvolvemento das accións necesarias para promover a normalización do galego, a igualdade de dereitos e a xustiza social, dentro e fóra da Administración local. O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra leva traballando para iso, sen interrupcións, desde 1999.
Así, desde a CTNL lembrámoslle que aspirar a dirixir o futuro de 85.000 dos máis de 2 millóns e medio de galegas e galegos, esixe un fondo exercicio de responsabilidade que abrangue o coñecemento das leis e da situación da sociedade galega en todo o seu conxunto e sobre todos os aspectos. Non serve, pois, atender só as áreas que son preferencia persoal do candidato ou estratexia electoralista do seu partido, e desprezar o resto de áreas ás que debe atender calquera goberno local. Nesta liña, recomendámoslle ao señor Martín, ao seu equipo e ao seu partido, que repasen tamén a Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias que o Goberno español ratificou en 2001, durante a presidencia de José María Aznar, e coa que se asumiron os compromisos máis altos que nela se estabelecen, moitos dos cales implican á Administración local e ás funcións dos servizos de normalización lingüística.
Desde a CTNL preguntámoslle tamén ao presidente do Partido Popular e presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, se esta promesa electoral de prescindir dos servizos de normalización lingüística está asumida pola súa organización para o conxunto do país –cuestión que sería moi grave e irresponsábel e que racharía unilateralmente moitos acordos–, ou se é unha promesa persoal de Telmo Martín, caso en que desde a súa organización o deberían desacreditar.
Para rematar, queremos deixar constancia de que traballar para a normalización da lingua galega desde a Administración local é unha tarefa que transcende o ámbito da propia administración e da lingua, xa que se fundamenta nas sinerxías de cooperación e interacción social. A responsabilidade da normalización da nosa lingua, alén dos mandatos legais, depende do compromiso consciente e individual da cidadanía, mais tamén da sensibilidade, da sensatez e da formación das nosas e dos nosos dirixentes políticos/as
Ningún comentario:
Publicar un comentario