>> Extracto do informe do IGEA ‘Por un proxecto de futuro para o idioma galego. Unha reflexión estratéxica’, elaborado por Henrique Monteagudo coa colaboración de Antón Reixa, e coas adhesións de Luís Tosar, Manolo Rivas, Suso de Toro, María Xosé Porteiro, Teresa Táboas, Xoán Antón Pérez-Lema, Manuel M. Barreiro, Encarna Otero, Margarita Ledo, Miguel Barros, Víctor Freixanes, Antón Baamonde, Fermín Bouza, Rafael Cuiña, Xosé Manuel Pereiro, César Portela e Manuel Gallego Jorreto.
A renovación do proxecto e do discurso de defensa e promoción do galego debe ter como obxectivo reverter a pauta actualmente dominante de bilingüismo substitutivo ou desgaleguizador, por un bilingüismo restitutivo ou de recuperación, isto é, regaleguizador. Este segundo tipo de bilingüismo é, de feito, o único que permitirá frear a minorización progresiva, e finalmente a desaparición do galego. E este tipo de bilingüismo non pode fundarse nunha actitude neutral dos poderes públicos, no sentido de fomentar un aparente equilibrio entre o galego e o castelán xusto nos dominios en que a acción do estado pode ser máis eficaz (administracións públicas, sistema educativo), pois esta actitude en realidade validará a actual marxinación ou subordinación do galego nunha serie de dominios clave da vida social (educación superior, medios de comunicación, ámbito profesional, laboral, comercial e financeiro, lecer e cultura de masas), e por tanto acompañará o decadencia do idioma propio do país, sen ningunha posibilidade de revertela.
O tipo de bilingüismo que propugnamos deberá tender a un tratamento equitativo (non un falsamente equilibrado) dos dous idiomas, o cal significa que aplicará políticas de acción afirmativa (discriminación positiva) a favor do que se atopa en situación máis desfavorable, o galego, unhas políticas que se apoian na consideración deste como idioma propio do país, tal como sinala o Estatuto de Autonomía de Galicia, e que se dirixirán a manter e incrementar a súa vitalidsade e a súa plena normalización. Para conseguir un tipo de bilingüismo restitutivo ou equitativo, que non sirva de trámite de transición cara á desaparición do galego, é preciso que ao galego se lle outorgue unha posición de preferencia nalgúns sectores, como as administracións e os medios de comunicación públicos e o sistema educativo (ao menos, o non universitario), que veña a compensar a posición subordinada en que se atopa noutros (nalgúns dos cales, coma os medios de comunicación privados, pola propia lóxica das cousas, dificilmente poderá equiparase co castelán).
Tratarase, pois, da inversa do bilingüismo substitutivo ou desgaleguizador que agora predomina, isto é, dun bilingüismo restitutivo ou regaleguizador. Debemos ter en conta que o sector galegofalante da poboación xa é necesariamente bilingüe, pois a presenza pervasiva do castelán na vida pública e nos medios de comunicación garante que é aprendido por todos e asegura que todos deben usalo nun ou outro contexto social. O mesmo non se pode dicir do galego: hai espazos e medios sociais do noso país (o centro das maiores cidades, por caso) en que a súa presenza ambiental é tan escasa, que resulta case unha lingua estranxeira para as persoas que se moven fundamentalmente neses ámbitos. Por iso resulta tan importante impedir que determinados sectores sociais privilexiados consigan patrimonializar o concepto de bilingüismo cando en realidade eses sectores unicamente aspiran a vivir en Galiza ignorando o galego. O único xeito de garantir a igualdade entre os dous idiomas é incrementar a presenza, visibilidade e utilidade do galego e non reducila. Deste xeito, tamén a totalidade do sector castelanfalante da poboación acabará sendo bilingüe, pois se sentirá motivado para aprender o galego e se lle ofrecerán ocasións para usalo.
O bilingüismo restitutivo que propoñemos implicará a difusión da competencia comunicativa en galego e castelán ao conxunto da poboación, basicamente (pero non só) a través do medio educativo. Incentivará a motivación dos castelanfalantes para utilizar o galego, ao menos en certos contextos laborais/profesionais e públicos (nomeadamente, os relacionados co emprego público e os servizos ao público). E buscará multiplicar as ocasións de uso da lingua do país, especialmente para os sectores de idade máis novos, incidindo non só no sistema educativo, senón tamén nas actividades de lecer.
As políticas públicas de promoción da lingua galega e a estratexia política de promoción da nosa lingua non poden estar maioritariamente destinadas a galvanizar os lexítimos sentimentos dos que xa son galegofalantes, senón a saber interpelar e implicar os sectores castelanfalantes de Galicia, que dun xeito amplamente maioritario manteñen actitudes positivas cara ao galego e senten a necesidade da súa recuperación. Hai que procurar as fórmulas axeitadas para fomentar esas actitudes positivas, refugando fomentar o rexeitamento cara ao galego, e apoiarse nesas actitudes favorables para facilitar a adquisición de competencia comunicativa na lingua, e traducir esta nun uso efectivo do galego ao menos nalgunhas interaccións sociais
Ningún comentario:
Publicar un comentario