Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







venres, 19 de novembro de 2010

As vacalouras do PP

Estaba escribindo un post sobre libros de matemáticas e tentoume o buscador. Puxen "colectivo vacaloura" e apareceume este artigo publicado o pasado domingo que, polo título, pasáraseme completamente desapercibido. Sería unha pena non recollelo porque trata precisamente os tópicos que son a razón de existir deste blogue.
Por Xulián Maure, filólogo e profesor,  o 15/11/2010,  no Xornal:

Vulnerable é a situación dada existencia en Galicia do coleóptero máis grande de Europa, o lucanus cervus. Así está clasificado na páxina 196 da obra que leva por título Estratexia Galega para a Conservación e Uso Sostible da Biodiversidade, publicada en 2003 pola Xunta de Galicia, que tamén ofrece a versión dixital en http://www.siam-cma.org/.
Escornabois ou vacaloura son os nomes máis populares na nosa lingua deste impresionante insecto. Xa non se ven moitos, e menos en vilas e cidades, pero aínda non é unha especie extinta, nin se considera en perigo de extinción. Está na categoría de vulnerable, suficiente
para que a Xunta de Galicia de 2003, a de D. Manuel Fraga, recente e discutido Premio Otero Pedrayo, estivese daquela preocupada por manter a biodiversidade e protexer as vacalouras que quedan nesta terra.
En 1979, hai agora trinta e un anos, editei o primeiro libro, non só de Europa senón do mundo enteiro, dedicado ó ensino das matemáticas en lingua galega. Os seus autores eran profesores universitarios e de secundaria, agrupados no «Colectivo Vacaloura».
Moitos alumnos de Galicia puideron estudar por primeira vez as matemáticas
en lingua galega. Estes alumnos –tanto os castelán falantes como os galego falantes– hoxe son persoas adultas e profesionais en distintas áreas; algúns deles son novos profesores de matemáticas. Consuelo Romón, unha das autoras do «Colectivo Vacaloura», a quen dedico este artigo, profesora dun instituto vigués, recorda como lle aprendeu as matemáticas en galego a quen hoxe é profesor de física matemática na universidade de Xenebra. Ten que ser para ela unha grande satisfacción escoitar a Marcos Mariño na recente entrevista recollida en http://vimeo.com/12073808falando da lingua materna como lingua da ciencia.
Non se entende como o mesmo partido, que en 2003 defende a biodiversidade como unha manifestación da natureza, en 2010 persigue a diversidade lingüística prohibindo e destruíndo os libros de matemáticas en lingua galega. ¿Cómo é posible tanta ignorancia na actual Xunta do PP? Xa hai máis de cen anos que Darwin na súa obra The Descent of Man (http://darwin-online.org.uk/contents.html) escribía:“É un feito moi notable e moi curioso ó mesmo tempo que as causas que explican a formación das diferentes linguas explican tamén a das distintas especies e constitúen as probas de que ambas veñen dun proceso gradual tan curioso como exacto”.É tan natural que as vacalouras habiten as carballeiras de Galicia como que a mocidade galega use a súa lingua para os novos coñecementos matemáticos e científicos.
Pode que o presidente da Xunta de Galicia, o conselleiro de Educación e o secretario Xeral de Política Lingüística consigan mostrarlles ós seus netos unha vacaloura dentro de vinte ou trinta anos, pero como non cambien o seu decreto anti natura contra a lingua galega o que van ver os seus netos será “un ciervo volante” ou simplemente un "bicho repugnante".

Ningún comentario:

Publicar un comentario