Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







martes, 16 de novembro de 2010

Viños idiomáticos

por Xosé González Martínez, fundador da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística, en Galicia Confidencial:

As que teñen máis prestixio no mercado, as preferidas polos padais máis esixentes, falan en distintas linguas que as dos consumidores, como norma de distinción. Esa circunstancia non lles impide aos que descoñecen esas linguas mostrar as súas preferencia por eles, pois ofrecénlles confianza e garantía da autenticidade da súa orixe.
En Galicia son cada vez máis os adegueiros que saben que a lingua galega nas etiquetas dos seus envases é un valor engadido que singulariza a súa oferta nos mercados globais. Máis do 40% dos adegueiros sumáronse, xa, ás sucesivas campañas promovidas pola Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística e Foro E.Peinador para predicar nas súas etiquetas en galego as bondades dos seus viños. É certo que aínda quedan condutas residuais que seguen equivocadas na súa estratexia comercial, facendo do idioma español a única lingua de comunicación cos consumidores. Pero a realidade está mudando. Para ben, ademais.
Os viños galego, de excelente calidade, vánse abrindo paso e compartindo espazos de mercado cos franceses, italianos  ou do Rhin. Estes preséntanse etiquetados nas linguas das respectivas denominacións de orixe. E velai están, cobizados polos sibaritas, entendan ou non o idioma das súas etiquetas.
Cómpre estimular aos nosos adegueiros e convencelos dos beneficios que lles pode reportar etiquetar os seus envases en lingua galega. Os estudos de mercado realizados din que os consumidores prefiren os viños pola súa calidade, independentemente do idioma  das etiquetas, pero que estas son determinantes para disipiraren as dúbidas sobre a veracidade das denominacións de orixe. A autoestima do adegueiro pode ser un bo antídoto para fuxir dos tópicos comerciais que aconsellan etiquetar en castelán para vender mellor. “Cando estas botellas viaxen, quero que cando lean as súas etiquetas, algunhas desas palabran soen nas súas mesas e nos imaxinen como nós os imaxinamos a eles”, así se expresa un adegueiro que ten clara a súa opción lingüística. Outro, máis contundente, di: “Os nosos viños son, xa que logo, a expresión milenaria dunha cultura que debe pervivir. Velaí a razón de que eu procure identificar o meu coa lingua galega”. Do mesmo parecer era  o escritor arxentino  José Luís Borges que pedía  que o viño lle ensinase a arte de ver a súa propia historia.
Neste proceso da galeguización da economía van ser decisivas as actitudes patrióticas dos consumidores galegos. Preferir un viño etiquetado en galego significa garantirlle á nosa lingua un futuro certo. O novelista de orixe galega, Manuel Vázquez Montalbán, tíñao claro cando dicía que “un pobo que non bebe o seu viño ten un grave problema de identidade”.
Continuando co reiterado bo facer pedagóxico do Foro E.Peinador,  presentará o próximo día 20, nas instalacións da  Adega Virmadeus, en Cenlle,  unha nova campaña de galeguización da etiquetaxe co lema “A lingua do padal. Colleita 2010. Máis galega”

Ningún comentario:

Publicar un comentario