Hoxe, na "xornada da ciencia en galego", Entrevista a Paulino Estévez, presidente de ENCIGA, no Xornal:
Paulino Estévez preside Enciga (Asociación de Ensinantes de Ciencias de Galicia), un dos colectivos que colabora hoxe na Xornada pola Ciencia en Galego, na que cen colexios e máis de 12.000 alumnos reivindicarán o dereito a impartir matemáticas, fisica ou química na lingua propia e malia o veto do decreto.
Por que esta Xornada pola Ciencia?
Xuntámonos para manifestar o noso malestar polas imposicións do decreto que impiden impartir a ciencia en galego e para deixar constancia de que queremos facer ciencia na nosa lingua. Todo o que se pode facer en castelán e inglés pódese facer en galego, aínda que reivindicalo sexa dicir algo obvio.
Por que cre que a Xunta optou por vetar as materias de ciencia no decreto?
É difícil estar dentro da cabeza dun político ou saber como lle funciona cando din as cousas que din. Creo que moitos desexarían non terse metido nun conflito que crearon artificialmente. Temos problemas moitos máis graves como reducir o fracaso escolar ou aumentar o nivel de coñecemento dos cativos. Eu daba clases de matemáticas en galego cando vivía Franco en colexios relixiosos de elite e nunca tiven problema.
Hai agora un conflito co idioma?
O idioma é para comunicarse e non para crear conflitos. Ninguén debe apropiarse da lingua, porque é de todos. Impoñéndose este decreto creouse un conflito en moitos docentes que saben que, se seguen impartindo en galego, poden estar delinquindo.
Está vixilando a Xunta que se cumpra o decreto en materia de lingua?
Ata o de agora, os inspectores de educación non se meteron en nada. Supoño que pensarán que se está a cumprir a lei, aínda que a maioría dos profesores seguen facendo o que facían hai un ano. Antes tamén había que dar moitas materias en galego que non se daban e non se fixo nada. Se agora se fai, habería que facer unha denuncia por agravio comparativo cos anteriores.
Chegouse a espallar a idea esa de que os nenos aprendían “dous ao caldeiro” en lugar de “dous ao cubo”...
Iso non existe e non o dixo ninguén. Se se dixo, ou non se ten nin idea de galego ou se fixo para que non se entendese nada. A maioría de cousas que hai nos libros de ciencias son fórmulas e estas son iguais en calquera idioma.
Que lle parece que a Xunta destine dous millóns de euros a substituír libros en galego por materiais en castelán?
Iso é unha tristura, unha forma de malgastar os cartos e de seguir creando prexuízos contra a lingua galega. O mínimo que pedimos é que non se considere anormal expresarnos en galego cando impartimos ciencias. Ao idioma témoslle que achegar coñecemento en todos os ámbitos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario