Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta Xesús Fraga. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Xesús Fraga. Amosar todas as publicacións

xoves, 6 de xullo de 2017

Galicia, ante o seu espello cartográfico

por Xesús Fraga, en La Voz de Galicia:


Hai mapas que ademais de representar un territorio chegan a erixirse nun dos seus símbolos. Un caso paradigmático é a Carta Geométrica de Galicia que en 1834, tras 17 anos de traballo, rematou o xeógrafo e matemático Domingo Fontán. Non só foi un traballo pioneiro que marcou un fito cartográfico e sobre o que se basearon dende estradas ata o ferrocarril, senón que o seu encontro situou a non poucas persoas ante o espello de Galicia. Cunqueiro atopouno de mozo no Instituto de Lugo: «Allí estaba mi tierra, la tierra de mi vocación y mis días, la tierra temporal y la eterna, la tierra que mi lengua -la tierra de mi oscuro acento labrego- necesitaba para soñar». Case dez anos despois, Ramón Otero Pedrayo publicaba Arredor de si, a gran novela da Xeración Nós, e na que o seu protagonista, Adrián Solovio, leva o mapa de Fontán ao leito de morte dun parente. Unha fascinación que se mantén hoxe: Miguel-Anxo Murado emprega como fío condutor do ensaio Otra idea de Galicia a Fontán, de quen Marcos Calveiro escribiu unha biografía novelada.