por Xosé-Henrique Costas, no Nós Diario:
É cada día máis frecuente toparmos á venda nas librarías do país unha mesma obra de autoría galega publicada simultaneamente en galego e en castelán sen nos indicaren cal é a orixinal e cal é a tradución (aínda que o supoñamos). E que moitas librarías nos metan polos ollos a obra en castelán. Deste xeito, por un lado o mercado vende autorías bilingües que non son tales e, polo outro, facilita doada e preferentemente o acceso á obra en castelán. E non hai que ser moi espelido para saber cal é a versión que se espalla nos medios de comunicación máis vendidos. Secasí, a pretendida oferta bilingüe equilibrada xoga sempre en contra do galego.
Que sentido ten en Galicia vender en castelán a tradución dunha obra orixinal galega cando apenas un 1% da poboación di non entender galego e a nosa lingua é a que se debería potenciar? Será esta unha versión orientada a turistas, erasmus, estranxeiros, inmigrantes ou peregrinos? E se así fose, non sería mellor ofrecérena en inglés?
Traducións
E disto que pensan as autorías galegas? Non poderían meter en cadanseus contratos unha cláusula pola que a tradución castelá non circulase en Galicia ata varios anos despois da saída do orixinal galego? Hai autores vascos e cataláns que así o fan, pois saben que con ese ben intencionado bilingüismo autorial simultáneo colaborarían na práctica na ocultación do seu sistema literario. Aquí tanto lles ten?
E, outramente, que sentido ten en Galicia vender a tradución ao galego dunha obra castelá de autoría galega cando o orixinal xa circulou ou circula polas librarías do país con maior exposición, difusión, exhibición e repercusión mediática? E ollo, ao galego cómpre traducir de todo e de moitas linguas, pero eses anosamentos dun orixinal castelán escrito por galegos non serán só un retórico exercicio lingüístico-estético para xustificaren o moito que lle queren á terriña? Porque por vendas escusábano facer.
Por un lado véndennos que o bilingüismo é idílico e "que sorte temos en Galicia de ter unha lingua bilingüe" (sic, Paz Lamela Vilariño, DXPL, 1985 dixit) e que ben os autores bilingües e todo iso, pero, á hora da verdade, o que se potencia en librarías, medios (mesmo na RG!) e institucións é o sistema literario do castelán, aínda que nos vendan o marabilloso que é un estado pluricultural (proben a ver se achan un só libro en galego en calquera libraría de Madrid, Oviedo, León ou Badallouce). Aos galegos dinnos que somos afortunados por ser bilingües, e é certo, pero por que eles non queren ser tan afortunados coma nós? Que cousa máis rara! Aquí algo renxe.
O caso vigués
En Vigo, a Xunta, a Deputación e o Concello desfanse en louvanzas e homenaxes cos escritores bilingües (máis ben moRnolingües) e cos escritores monolingües en castelán (nomes de novos centros de ensino, estatuas, monólitos etc.) pero ignoran deliberadamente as autorías do sistema literario galego relacionadas coa cidade ou, xaora, moito máis importantes (por sinal: Méndez Ferrín, Ramiro Fonte etc.). A propia Rosalía ten na cidade unha escultura irrecoñecible, e Martín Codax é apenas un penedo no Castro cunha placa gravada. Pero a Carlos Oroza, viveirego poeta en castelán, estas mesmas institucións vanlle erixir agora unha estatua cabo da de Julio (non Jules) Verne para faceren un "paseo literario", á que engadirán logo outra estatua de J. Ramón Jiménez. Curioso.
Por todo iso e moito máis, coido que hai unha estratexia deliberada da Deputación, Xunta e Concello para eclipsaren as autorías en galego con autorías moRnolingües e monolingües en castelán, potenciándoas e difundíndoas hiperbolicamente. O PP e o PSOE de Vigo teñen tanto interese pola literatura e a cultura galegas como podo ter eu polo teatro samoano ou a literatura vietnamita. Como eles non senten o noso pretenden que nós deixemos de sentilo. E nesta estratexia contan co desleixo dalgunhas institucións culturais galegas, que non fan nada en Vigo para contrapesar esta estratexia.
O bilingüismo amable e boíño, o da simultaneidade e do falso equilibrio, o moRnolingüismo, é a soleira do monolingüismo achaiador, do abandono do noso e aceptación indolora do castelán como a (h)única lingua importante, e do galego como lingua riquiña para usar de vez en cuando así en cosas culturales. Autorías galegas: en condicións de desigualdade e desequilibro, toda estratexia bilingüe é asimilatoria. Señores do Culturgal: a literatura escrita por galegos en castelán non é literatura galega, non nos poñan ese ichó. Esteamos á tensa.

Ningún comentario:
Publicar un comentario