Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







sábado, 1 de agosto de 2026

A lingua dos convencidos


 por Ismael Ramos en El Diario:

“Sempre escribes en galego?”. A pregunta aparece en actos e entrevistas tanto fóra como dentro de Galicia. Cando sucede fóra, a maioría das veces hai nela un matiz de curiosidade xenuína, sobre todo se quen a fai é monolingüe. Existe un desexo inocente de saber máis, de aprender. Intúese nela, ás veces, mesmo certa xenerosidade. En cambio, cando a pregunta se enuncia dende dentro, os matices son máis variados: a evidencia do galego como lingua non normalizada fronte ao español, a perpetuación de prexuízos e estereotipos lingüísticos que a miúdo cremos superados —estar sempre á defensiva resulta tan aburrido!— ou a ignorancia máis absoluta. É neste último caso, cando xa non sinto rabia, só tristeza.


Quería escribir sobre a irrelevancia do novo Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, pero o certo é que, para alén das opinións e as análises duns e doutros —debo dicir que non demasiado numerosas, o cal xa é indicativo de algo—, non tiven vagar para consultar as case 700 medidas que nel se inclúen, pero si para pensar na vontade política que poida haber detrás da súa elaboración por parte da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude. É dicir, ningunha. Porque o que si podo afirmar é que a 16 anos da aprobación do Decreto para o Plurilingüismo, foi sempre descarado e vergoñento o desleixo por parte dos responsables da Xunta ante a situación de emerxencia lingüística que se deducía dos seus propios datos oficiais. Daquela, se eles non cambiaron de actitude, que mudou?


Hai 15 ou 20 anos, a política lingüística era en Galicia un asunto central. Púideno comprobar aínda hai uns días volvendo sobre a carta na que Agustín Fernández Paz rexeitaba o Premio da Cultura Galega nun acto de valentía e coherencia coa súa actividade na plataforma Prolingua e en contra do Decreto para o Plurinlingüismo acabado de aprobar polo goberno de Feijóo. Esta mostra de dignidade brilla triste e solitaria na última década e media. Non houbo neste tempo ninguén que se lle unise, ninguén que lle fixese compañía a Fernández Paz no desplante ás autoridades autonómicas. Permítome escribir aquí, entón, que hoxe sería imposible un xesto coma aquel. E, se cadra, mesmo resultaría irrelevante para a esfera pública, quen sabe.


Porque é aí onde reside o problema, a quen se dirixía o conselleiro López Campos a semana pasada na espectacular presentación do Plan na Cidade da Cultura mentres falaba con micrófono de diadema e paseaba polo escenario ao máis puro estilo das estafas piramidais americanas? Para quen aquel teatro? Eu téñoo claro: consolaba aos convencidos de que o galego importa —tanto ten se pensan que goza de boa ou mala saúde, se o falan a diario ou case nunca, se están a favor ou en contra do Partido Popular—, o público dese espectáculo foi o cada vez máis reducido círculo das persoas ás que esta cuestión lles resulta relevante.


O síntoma máis preocupante do estado do galego non é que exista desacordo sobre como salvalo, senón que cada vez menos persoas sintan que haxa necesariamente algo que salvar. O fracaso da normalización e dinamización da nosa lingua non debería medirse unicamente mediante a porcentaxe de falantes, senón tamén pola cantidade de xente á que a preocupación pola súa desaparición lles é allea ou lles resulta tan exótica como a un xornalista monolingüe nun país estranxeiro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario