Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







martes, 18 de agosto de 2026

Un plan con trampa

 


por Luís Álvarez Pousa, en Tempos Dixital:

Daquela, e para sorpresa de todos, Fraga Iribarne fíxolle a onda a un plan de normalización da lingua galega que recibiu o plácet unánime do Parlamento. Non o exprimeu como debera, pero tampouco o desvirtuou. Foi polo que o bipartito que o sucedeu na Xunta puido aproveitar para avanzar tirándolle partido a algunhas das máis de 400 medidas propostas, como a da impartición dun mínimo do cincuenta por cento das materias educativas en galego. Pero chegou Feijóo e, enmendándolle a plana ao mesmísimo don Manuel, cortou de raíz: envolveuse no discurso da imposición, que tanto eco tivo en La Voz de Galicia e demais medios acólitos, quitoulle rédito electoral e tirou por elevación contra o Plan do 2004 impoñendo no ensino un decreto para protexer o castelán e o inglés fronte ao galego, por invasor. O mundo ao revés. Naquela altura, todos os indicadores científicos amosaban unha lingua galega en estado depresivo e minguante.  


Dezasete anos despois, atopámonos coa sumatoria de todas as alarmas. Por vez primeira, o castelán é o idioma máis falado en Galicia, rachando así co trazo que nos singularizou até agora, o de ser o galego a lingua cooficial máis usada entre a poboación. Con dúas tendencias disruptivas que avinagran esa constatación: a creba da transmisión interxeracional e o abandono progresivo do seu uso por parte da xente máis nova, especialmente a que vive nos ámbitos urbanos e periurbanos. A ollos da Real Academia Galega, os datos aportados polo Instituto Galego de Estatística ubican o galego no limiar do colapso, con menos de 35.000 falantes no segmento poboacional de cinco a catorce anos. Velaí a orixe, testada por investigadores sociolingüistas, das seguintes anomalías: a poboación co galego como lingua inicial caeu vinte puntos en só dúas décadas (apenas o 18 por cento dos nenos e nenas aprenden a falar en galego), o corenta por cento dos centros de educación infantil das cidades non usa o galego para nada, o galego é a lingua cooficial con menos desenvolvemento en tecnoloxía lingüística. 

Un gran fracaso colectivo. Non fomos quen de desactivar os efectos transversais das pandemias ideolóxicas: á xa tradicional ideoloxía monolingüista que pervive no nacionalismo español, e nos partidos políticos que profesan de palabra e obra -en Madrid e Galicia- ese ideario, sumóuselle a tendencia desreguladora, por neoliberal, que deixa o futuro das linguas cooficiais ao albur de quen controlan os resortes da industria da comunicación e o consumo cultural. Tampouco fomos quen de desafiar a estratexia de brazos caídos coa que os gobernos de Feijóo e Rueda someteron as tensións da lingua aos ditados dese ideario neoliberal, por unha banda, e aos prexuízos de clase que os move a actuar política e electoralmente á defensiva, cando non en aberta confrontación en detrimento do galego, pola outra.  


O caso máis determinante nesa dirección é o da pervivencia do decreto de plurilingüismo aprobado sen consenso parlamentario no 2010. Ningún outro sector (administración, xustiza, economía, comunicación…) tiña para o PPdG e os seus líderes o apremio regulador que lles impoñía o sector do ensino, no que o goberno bipartito introducira cuñas compensatorias a favor do galego. Decreto mata decreto. En vez de compensar a desigualdade sociolingüística, coma o do bipartito, o que aproban os conservadores increméntaa. O galego pasa a ter, en reparto a tres (galego/castelán/inglés) e con materias científicas a impartir prohibidas para el, o perfil dunha lingua estranxeira no seu propio país. 


Imponse outra vez, como nos inicios da autonomía, a idea dun novo pacto social e transversal pola lingua. Agora, nun marco moito máis acuciante. O que ten como substrato a deriva tecnofeudalista que ameaza democracias e culturas nun mundo rexido por algoritmos e sustentado por poderes incontrolados.  Xusto no momento en que o que nos xustifica como pobo, a lingua, amosa todos os síntomas de ter entrado no limiar do colapso. De seguiren o goberno e o PPdG de brazos caídos nestas circunstancias, desoíndo con prepotencia as alertas e propostas lanzadas polas institucións culturais e polo asociacionismo cívico, sería difícil de entender.  


Así é polo que Rueda aparenta estar arrepentido de ter desfilado en 2009 cos galegófobos de Galicia Bilingüe e ordénalle a un conselleiro un re-Plan de Normalización Lingüística á medida. Cunha escusa: adaptar o do 2004 a este novo tempo de retos existenciais. E cun límite declarado: as conclusións e medidas ás que cheguen as comisións de expertos chamados para o caso han estar no marco asumíbel polo Executivo. Que é o que, a xulgar polo que se está extendendo, aparece reflectido no articulado do Plan: moitas das medidas propostas polas comisións, e en especial as que como no caso do ensino eran unha enmenda á totalidade do famoso decreto du plurilingüismo, non aparecen ou escritúranse sesgadas. 


Sendo iso así, non parece que o espectáculo co que a Xunta presentou o seu re-Plan na Cidade da Cultura consiga facer pasar por pacto social o que non é senón un monllo de medidas que, como sucedera coas máis de 400 do plan do 2004, van caer en saco roto. Porque chegan as máis de 700 de agora sen un calendario, e sen respaldo orzamentario. É o que move, malia estarmos convencidos da necesidade dese pacto social, a desconfiar desta aparente recollida de cabo por parte do goberno e do partido das dereitas. Antecedentes negativos e razóns non faltan. Nada sabemos de se nese marco de límites aos que se refería o presidente Rueda -as nunca explicitadas liñas vermellas- seguirán constando os golpes baixos que lle deron el e Feijóo ao galego nestes últimos dezasete anos. Tales como negarlle virtualidade nos exames para o proceso selectivo de funcionarios, atalo en curto e censuralo no decreto da infamia plurilingüista, excluílo da normativa da IA e desabastecelo de recursos para unha plena igualdade lingüística dixital, marxinalizar o gasto público orzamentario en política lingüística, ordenarlles aos deputados do PPdG en Madrid e Bruxelas que se sometan á estratexia españolista do PP e VOX en contra de institucionalizalo no Congreso e na Eurocámara, premiar medios en castelán e penalizar medios en galego ou franquearlle ao castelán a entrada nos medios públicos… Entre outros.          


Repasando o Plan, que un numeroso público previamente cooptado aplaudiu a rabiar e sen coñecelo o día da súa escénica presentación, un chega á conclusión de que o que ten de preceptivo cabe nun vaso de auga. E así non hai pacto posíbel. 


Recollan cabo. Recoñezan a emerxencia e, sen liñas vermellas, depositen nas propostas das institucións, nos científicos sociolingüistas e na coparticipación política, con prazos, orzamento, seguimento parlamentario, fiscalización social a través dos medios de comunicación e rendición de contas a estratexia e o contido dun verdadeiro e transparente pacto social pola lingua. Un Plan sen trampa nin cartón. 





Ningún comentario:

Publicar un comentario