Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







martes, 16 de decembro de 2014

Lingua, realidade e datos

por Susana Méndez no Sermos Galiza:

Días atrás publicáronse os resultados da enquisa do Instituto Galego de Estatística sobre o uso do galego no 2013, e houbo un balbordo xeral ante o alarmante deses resultados. De verdade precisabamos deses datos para nos dar conta da grave situación pola que atravesa a nosa lingua? En serio que non eramos conscientes do grande descenso de falantes de galego antes de se publicar este informe do IGE?

"En serio que non eramos conscientes do grande descenso de falantes de galego antes de se publicar este informe do IGE?"
En realidade si, si que eramos conscientes. Cando menos unha boa parte da sociedade galega xa coñecía de primeira man o retroceso do galego. Porque o vivimos e o padecemos quen formamos parte desa sociedade. E por iso mesmo, vímolo denunciando desde hai tempo.
Mais parece tamén que hai quen non tiña nin a máis mínima idea de que se estiveran perdendo falantes de galego. É máis, parece mesmo que hai quen nin sequera ante estes datos é capaz de preocuparse e empezar a tomar medidas. Por exemplo, o maior responsábel da realidade que reflicten estes datos, o goberno galego. Un goberno galego presidido por un Alberto Núñez Feijóo que intenta culpabilizar ás familias pola falta de transmisión da lingua, cun Conselleiro, Jesús Vázquez, que ademais diso, tamén atribúe o problema á estrutura demográfica galega e á baixa natalidade no rural (!), e cun Secretario de Política Lingüística, Valentín García, que se atreve a dicir que na enquisa habería que incluír conxuntamente a galegofalantes monolingües e galegofalantes habituais para que os resultados foran outros, coma se por cambiar os números dos resultados dunha enquisa a realidade fora mudar. E coinciden ademais os tres en que o problema seica non está na escola. Mais como moi ben lembraba o outro día un meu amigo, se os seus fillos falan galego na casa cando están coa familia, e é cando van á escola cando volven falando español... será que os seus fillos non van á escola, senón que pasan ese tempo con outra familia?
"Non fan falta enquisas, o que fai falta é un goberno galego digno de selo. De principio, non cómpre máis que aplicar o que leva anos aprobado, a Lei de Normalización Lingüística, o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega".

Se os maiores responsábeis da grave situación pola que pasa o galego, ante datos tan desoladores como os que coñecemos hai uns días, non só non se preocupan, senón que responden con fachenda e mentiras e botando balóns fóra; se nin a realidade que reflicten eses datos, que vivimos, percibimos, advertimos e denunciamos desde hai xa tempo, posta nun papel, con números que estremecen a calquera, consegue facelos reaccionar e empezar a tomar medidas dunha vez, entón é que se confirma que o que perseguen é precisamente a desaparición do galego. E de ser así, as medidas temos que tomalas nós.
Non precisamos máis datos, precisamos facer fronte á realidade. Non fan falta enquisas, o que fai falta é un goberno galego digno de selo. De principio, non cómpre máis que aplicar o que leva anos aprobado, a Lei de Normalización Lingüística, o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega. A lingua necesita acción e reacción. Sobre todo, reacción.

Ningún comentario:

Publicar un comentario