Olimpio Arca tamén relata as circunstancias que levaron ao falecemento de Virxinia, un 23 de decembro de hai 45 anos. Por esta razón, no 45 aniversario desta morte a Asociación Cultural “Vagalumes”, propúxose lembrar á compañeira de Castelao coa que compartiu as vicisitudes e os ideais da súa vida. Este achegamento vaise facer sobre a rocha firme do traballo de Olimpio Arca Caldas.
O vindeiro 23 de decembro ás 20:30 horas, na sala Varela Buxán do Teatro Principal da Estrada, tendo como protagonistas a Maca Arca (mestra e filla de Olimpio Arca) e a Noni Araúxo (mestra e persoa que tratou persoalmente a Virxinia Pereira), celebraremos unha homenaxe ao polígrafo que nos vén de deixar recentemente e ao cal o noso concello en particular e toda en Galiza en xeral está en débeda polo labor de restauración da nosa historia, anovamento pedagóxico e defensa da nosa lingua.
Olimpio Arca destapou a biografía silenciada de mulleres como Virxinia que completan a nosa historia e sen as cales quedaría parcial e fragmentada a comprensión do noso pasado.
Presentarase neste acto a publicación dixital dunhas seccións da páxina Tabeirós-Montes dedicadas a Virxinia aos traballos de Olimpio Arca que irán progresivamente difundíndose a través da web.
Ningún comentario:
Publicar un comentario