Como se achegan eleccións, o presidente da Xunta decidiu botar a (nosa) lingua a pacer, se cadra porque atopou uns votiños nese debate que lle aporta perigosas compañías, como sabe ben a Consellería de Cultura e Educación en pleno, a quen, despois, lle toca sufrilas. Un líder, ás veces, éo polo que cala, e o silencio é o que procede cando un descoñece a sociolingüística básica. A fin de contas, para iso está o secretario xeral de Política Lingüística, que ou non é escoitado ou non se fai oír, aínda que só sexa para temperar a Feijoo.Cumpriría dicir xa que o fracaso do proceso normalizador (non impositor, non eliminador) está no incumprimento da Lei de Normalización Lingüística por parte dos sucesivos Gobernos, moi especialmente os máis lonxevos.Porque cada cousa ten os seus culpables, e como eu non teño esa culpa, fartei de demostrar que fago evoluír o galego coma calquera outra lingua, non o desnaturalizo nin o mato por traelo á cidade desde a súa tumba de pureza rural. Quen o mata son eles, os que non están dispostos a protexelo coa forza da lei, e tamén os que lle penduraron bandeiras de Galicia cunha estrela encarnada no centro. Eu non o mato, só loito contra a hipocrisía daqueles que amaban o galego tanto, que lexislaron no seu favor pero xamais o empregaron. En realidade, ninguén quixo darlle a volta a esa lóxica nefasta que só denunciaron uns poucos académicos e intelectuais, oh, perigosos. Ninguén con poder. E por iso agora 3 de cada 4 mozos falan só castelán e por iso á miña filla, no parque, os nenos de Vigo lle preguntan por qué fala inglés. Fartei, pero non claudico.
Páginas
Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego
venres, 19 de decembro de 2014
A lingua á intemperie
por Inma López Silva, en La Voz:
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario