Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







sábado, 13 de decembro de 2014

Plan para o galego

por Xoán Carlos Domínguez Alberte, no Sermos Galiza:

Acaban de se dar a coñecer as cifras do Instituto Galego de Estatística relativas á Enquisa de condicións de vida das familias. Coñecemento e uso do galego. Ano 2013.

Os datos son contundentes no tocante á perda de usuarios, tanto maiores canto menor é a idade da poboación. A estratexia de exterminio contra a nosa lingua vai dando os froitos previstos, segundo e seguindo unha política, lingüicida mellor ca lingüística, planificada. Declarada, dende os altofalantes do poder, primeiro, bilingüista e logo plurilingüista, e amparada nos máis dos medios —mass media seica hai quen gusta máis de chamar—, que ten como cometido primeiro e último a imposición social do castelán.
Hai xa ben tempo que a palabra rotunda e comprometida do poeta anunciaba e denunciaba unha realidade áspera e gris que, co tempo e promovida dende o goberno, cada vez non fixo máis ca empeorar: “Son un colonialista ben colonizado,/son un bilingüista apaixonado,/son un castrapista como está mandado”.
A teor dos cada vez peores resultados para a lingua propia de Galiza cómpre unha reacción urxente e colectiva. E esta debe partir de todas as forzas sociais que lle teñan estima e aprecio —e non desprezo— ao noso país.
Neste punto é decisivo o papel que lle corresponde ás forzas políticas, en prol de vertebraren estratexias e accións tendentes a recuperar usuarios habituais para o galego e a dignificaren e promoveren unha cultura viva e dinámica que se exprese na lingua de Castelao, non na de Castela.
Velaí unha das liñas vermellas de obrigado cumprimento de todos aqueles representantes públicos que, con grandes palabras, ata agora, dicían defender unha realidade plurinacional e pluricultural nun estado descentralizado. A estes, e a todos os que aspiren a selo, chegoulles, xaora, o momento de demostrar con feitos aquilo que se predica.
É tempo, entón, de pór de actualidade unha vella expresión latina, per fas et nefas, que quere dicir que cómpre obrar de todos os xeitos posíbeis. Se non o sermo rusticus do pobo ha valorar con xuízo o traballo por eles realizado, dándolle unha nova interpretación ao dito: ou fas ou desfás.
O denominador común debe ser o Plan xeral de normalización da lingua galega, documento aprobado por consenso parlamentario hai agora unha década. Xa que logo, cada formación política que se presente ás vindeiras eleccións ao noso Parlamento e que, en verdade, aspire a representar os intereses de Galiza deberá facer explícito no seu programa as súas propostas para desenvolver as medidas concretas “para favorecer o uso do idioma nos distintos ámbitos da sociedade e garantir que calquera cidadán poida vivir plenamente en galego”. Tal como, ao pé da letra, consta no preámbulo do dito Plan xeral. Incluíndo, obviamente, medidas, prazos, recursos orzamentarios, humanos, criterios de avaliación e de revisión para acadar tal fin.
No entanto cómpre tamén demandar dos representantes de significadas institucións da cultura galega, como RAG ou CCG, que deixen de ter respostas tibias, mornas, tépedas, loamiñeiras, compracentes e cómplices co poder —ou como se quixeren cualificar—. E de paso, e á vista de declaracións feitas por algún significado directivo, que centren os esforzos no que é máis necesario.


Certo é que hai mostras abondas de competencia lingüística non garantida. Certo é que se está a aplicar unha lexislación ultrarregresiva do uso do galego na función docente. Certo é que non se respectan nin os mínimos legais obrigados en numerosos centros, nomeadamente nunha ensinanza privada cada vez máis amparada con recursos públicos. Ben lonxe, por certo, da vontade maioritaria expresada polo profesorado do ensino público en prol dun sistema educativo gratuíto, laico, participativo e en galego.
Non cómpre —fronte esta realidade aniquilante que pon en evidencia a enquisa do IGE, constatábel e manifesta dende hai ben tempo— que dende estas institucións se poñan, tal como xa se anunciou, a analizaren en estudos de detalle os datos obtidos da enquisa. Pola contra, o reto máis apremiante, ao que deben destinar intelixencias e enerxías, debe ser a faceren fincapé na planificación do estatus da lingua.
Para comprometer a que os que ocupan o poder empecen a sentar as bases dunha acción institucional que, a teor do exposto, teña como cometido e coa participación de todos gañar ámbitos de uso para o galego nos diferentes sectores contemplados no aludido Plan xeral de normalización.

Ningún comentario:

Publicar un comentario