Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







domingo, 21 de decembro de 2014

Lingüicidas e lengoretas

por Alfonso Eiré, en El Correo Gallego:

"ESTÁN impoñendo o galego". Alberto Núñez Feixoo. Xoves, 9 de outubro do ano 2008. Propoño que coloquen unha placa ben grande con esta lenda na Praza do Obradoiro. Supoño que a idea acadará unanimidade entre as forzas políticas. Uns, satisfeitos de que quede constancia do nacemento da medida de máis éxito mentres gobernaron este país, a da substitución do galego polo español. Outros, para constatar cando comezou o devalar do noso idioma.
"Están impoñendo o galego" foi moito máis que unha frase, que un afortunado reclamo electoral de Núñez Feixoo cando era xefe da oposición. Resultou ser o ataque máis certeiro contra o noso idioma desde os Reis Católicos, superando aínda ao "hable bien" do franquismo. Non foi só unha denuncia contra a política do bipartito. Non. Converteuse nunha mensaxe subliminal de grande calado para que os cidadáns interiorizaran e asumiran que o seu idioma era inservíbel, un atraso, unha barreira que impedía a "convivencia social" e a "mobilidade dos cidadáns". O español era o idioma da concordia e o inglés o idioma de futuro. O galego, inútil.
As tres medidas principais que puxo en marcha Feixoo en relación ao idioma só tratan de afianzar na sociedade esa idea de minosvaloración do propio.
O denominado "decreto da convivencia" en educación, relegando ao galego no currículo e suprimindo as galescolas; na función pública onde o galego deixa de ser obrigatorio, e a da promoción, diminuíndo os orzamentos nun 70%, non terían tan graves consecuencias sen o martelo de "están impoñendo o galego" petando na cidadanía.
A política de Núñez Feixoo, emanada da FAES (personalizo, pois cónstame que outros políticos do PPdeG non están de acordo) acadou uns resultados óptimos, segundo mostran agora os datos do IGE: en 12 anos duplicáronse o número de persoas que non falan nunca en galego. Certo que esa idea da "imposición-inutilidade" do galego non sería asumida tan facilmente pola cidadanía sen a colaboración dun grande número de axentes sociais e políticos de distinta caste e procedencia, que van desde o antinacionalista Alonso Montero, presidente da Academia, ao condenado de Barreiro Rivas, exvicepresidente da Xunta.
No medio, toda unha pléiade de alienados tomando o sol que máis quenta e antigalegos militantes, que fixeron súa a campaña da "imposición". Uns lengoreteiros que se puxeron ao servizo dos lingüicidas para, nada menos, que culpar aos defensores do idioma do seu descrédito social e, por extensión, do seu declive. O mundo ao revés.
"Chegou o momento", publicitábase no mesmo discurso o candidato Feixoo. Chegou!

Ningún comentario:

Publicar un comentario