Cada vez que me atopo cun folio en branco éntranme ganas de aloumiñalo. É un vicio como calquera outro. Sentar diante da páxina baleira e debuxar coas xemas dos dedos unha paisaxe calquera, lanzar sobre ela unha presada de verbos, nomes comúns, metáforas, proposicións subordinadas e adxectivos para construír algo semellante a un artigo, un conto ou un pensamento.
Por iso cando hai algúns días houbo quen lamentou que a miña achega a esta contraportada sexa en galego -«Se hace muy pesada», dixo- non souben se botar a rir ou a chorar. Non é a primeira vez que escoito iso de que o galego non encaixa ben nun xornal. Nin nunha columna de opinión. Nin nunha reportaxe. Nin na publicidade. E non podo estar máis en desacordo.
De entrada, esa maneira de rexeitar o noso provoca dor de corazón. Sei que algunhas persoas devecen por gozar dun texto no idioma da casa pero dan de fronte con ese muro que ás veces supón a oficialización da lingua e non son quen de seguir o fío, ou con outro muro aínda máis groso e máis alto, o dos prexuízos. Pero tamén me produce certo desacougo, como cando teño que deletrear o meu segundo apelido porque non o entenden aí, á volta da esquina. «A de Alicante, B de Barcelona, E de España, L de Lugo...». «Abelairas?». Pois non era para tanto.
Ou como cando naceu a miña pequena Area e no Rexistro de Poio non me deixaban poñerlle o nome alegando que non existe. Que llelo pregunten ós da Mesa de Normalización Lingüística, ou ós do INE, ou ó párroco da Ermida da Lanzada ou ás ducias de Areas sen til que viven en Galicia.
Anécdotas coma estas son as que me devolven ós tempos do xiz e arrecendo a madeira vella nos que Elisa, unha das miñas primeiras mestras de galego na lonxana EXB, paseaba as borlas dos seus zapatos brancos e negros entre as mesas da clase recitando poemas e botando ó aire bolboretas e badaladas e arrolos e saudades... que soaban tan ben. Nós iamos apuntando, xogando coa gramática, cos guións e as contraccións, aprendendo novas palabras. A cambio, ela levábanos da man a coñecer a personaxes inesquecibles. Lembro un home moi amable de cara engurrada e cabelos brancos que nos recibiu na súa casa e contestou a todas as nosas preguntas entre papeis e libros. Resultou chamarse Trapero Pardo.
Doutra vez levounos á radio para participar nun programa escolar a fin de que nos escoitaramos falando na lingua da terra. Tamén nos convidou a coñecer a Ramón Lamote ou a ler ós ‘Contos ó teléfono’ de Gianni Rodari con acento da terra, e incluso descubriunos a primeira película en galego, ‘Sempre Xonxa’, malia a oposición das monxas, que daquela se empeñaran en censurar a famosa escea das uvas. E lembro o día que nos dirixiu cara a obra de Blanco Amor. Mágoa que daquela aínda non se estreara ‘A Esmorga’, pensou algún. Esa película de Ignacio Vilar, galega e en galego, que soa a éxito nacional.
A miña mestra de galego ensinounos xa hai vinte e tantos anos non só a falar e escribir na lingua, senón a entendela e tamén a valorala como, por certo, xa están facendo fóra. Esta semana soupemos que Miguel de Lira e os compoñentes de Chévere veñen de recibir o Premio Nacional de Teatro, facendo teatro en galego. O xurado destacou deles que «teniendo un fuerte compromiso con el ámbito cultural gallego, Chévere alcanza una creciente proyección internacional». A nosa escritora e académica local, Fina Casalderrey, vén de presentar un libro con arrecendo a premio, ‘Historia da bicicleta dun home lagarto’, que supón outra boa nova para a literatura galega.
E esta fin de semana Pontevedra converterase na capital da cultura. Haberá teatro, concertos, encontros con escritores... e unha gran exposición das industrias culturais galegas. O programa do Culturgal acolle ducias de actividades para todos os públicos unidas por un lazo común, a lingua galega, que fai a boca auga a quen o le e que ano tras ano vén a demostrar que cada vez son máis os que lles interesa a cultura galega en galego.Por se todos estes argumentos non son suficientes para seguir buscando un oco maior ó galego aínda queda un. Hai estudos científicos que demostran que o bilingüismo é bo para a saúde mental, e penso que tamén para a da alma.
Para min escribir en galego é como cociñar. Unha adéntrase na despensa ateigada de produtos e descubre os sabores máis incribles, que son nosos, que sempre estiveron aí, coa raíz na terra, pero que moitas veces nin sabiamos que existían. Algúns medran devagar diante de nós, insinúanse, agóchanse detrás de acentos azucrados, gheadas e restrousos cantaríns. É cuestión de buscar, de escoller os ingredientes axeitados. Só hai afondar un pouco para descubrilos. Un tesouro, vamos. E, a verdade, non penso renunciar a el.
Páginas
Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego
xoves, 4 de decembro de 2014
Máis galego, por favor
por María Varela, no Diario de Pontevedra:
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario